A calidade do aire en Santiago, no límite das recomendacións da OMS segundo un estudo

ConBici presenta os resultados dun proxecto no que colabora a USC e que mediu a calidade do aire en 18 cidades españolas durante dous anos

Máis do 50% das medidas da calidade do aire nas rúas de Santiago superan a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) para o número de partículas en aire de diámetro inferior a 2.5 micras (PM2.5), segundo o estudo Cycling with Clean Air (CWCA) realizado no 2023 pola Asociación Cívica Composcleta en colaboración coa Universidade de Santiago. O traballo é parte dun proxecto da Coordinadora en Defensa de la Bicicleta (ConBici) desde a área de Saúde e Medio Ambiente e o apoio da campaña europea Clean Cities e baséase en dous anos de medición da calidade do aire en 18 cidades, nos que se constataron avances e desafíos na calidade do aire urbano en España e a necesidade de abordar este problema de xeito efectivo. Os resultados deste proxecto revelan que a calidade do aire en 16 das 18 cidades españolas nas que se analizou non cumpre coas recomendacións da OMS.

O estudo realizouse inicialmente en 14 cidades en 2022: Vigo, Madrid, Barcelona, Valencia, Lorca, Málaga, Alacante, Valladolid, Xixón, Terrassa, Cartaxena, Burgos, Albacete e Valencia. Ademais, en 2023 incorporáronse ao proxecto catro cidades máis: A Coruña, Santiago de Compostela, As Palmas de Gran Canaria e Vitoria-Gasteiz. Ata o 31 de outubro de 2023, persoas voluntarias de ConBici equipadas con medidores portátiles dedicaron un total de 3.969 horas a este proxecto, pedaleando e medindo a calidade do aire nos seus percorridos habituais pola cidade. No primeiro ano deste estudo rexistráronse 1.977 horas, e en 2023 engadíronse 1.992 horas adicionais, acumulando un total de 5.458 percorridos. Segundo o informe de ConBici estes datos ofrecen “unha visión única e detallada da situación da calidade do aire en España” ao rexistrar datos precisos en tempo real.

Publicidade

Como explica o equipo encargado da análise, recolléronse un total de 9.484.951 medidas de partículas PM2.5, cunha media xeral de 9,2 µg/m³. Estes niveis superan as recomendacións da OMS para a calidade do aire, e obsérvanse variacións notables ao longo do día, cunha concentración máis alta de partículas entre as 7 e as 9 da mañá. Estes achados resaltan a importancia de abordar a mobilidade nesas franxas horarias para mellorar a calidade do aire.

Ao comparar estes resultados coas recomendacións da OMS, constatouse que en só oito das 18 cidades se cumpren na metade das medicións realizadas, o que presenta unha “seria preocupación en termos de saúde pública” apuntan os promotores do estudo. No caso de Santiago de Compostela atopouse que as recomendacións se cumpren moi preto do límite, cun 43,7% das medicións, co risco de incumprir a nova Directiva de calidade do aire, o que para Composcleta indica que “a saúde da cidadanía en Santiago de Compostela está en xogo”.

Publicidade

Transportes sostibles

O informe de ConBici tamén ofrece recomendacións clave para abordar o problema da calidade do aire en contornas urbanas, como priorizar o uso de medios de transporte sostibles, fomentando a mobilidade activa e colectiva; dar información transparente sobre a calidade do aire á cidadanía; garantir a seguridade legal das persoas que empregan a bicicleta como medio de transporte; continuar medindo a calidade do aire e o reparto modal, avaliando o impacto das accións implementadas na calidade do aire e na escolla de medios de transporte. O proxecto Cycling with Clean Air foi galardoado co premio ao Mellor Proxecto de Innovación para unha Cidade Saudable nos VIII Premios e Subvencións de Innovación do Concello de Valencia, liderado polo grupo local de Valencia en Bici, recoñecendo así a súa importancia na procura de solucións sostibles para as contornas urbanas.

A Asociación Cívica Composcleta (ACC), que preside Faustino Gómez, é unha entidade con preto de cen socias e socios que promove a mobilidade sustentable en Santiago de Compostela e especialmente o uso da bicicleta. Creada en 2013, colabora activamente co Concello de Santiago e a Xunta de Galicia no desenvolvemento da mobilidade en bicicleta e na creación dun contorno urbano máis respectuoso co medio ambiente. A asociación é membro da Coordinadora Galega pola Bicicleta e da Coordinadora en Defensa da Bicicleta (ConBici), organización que promove a mobilidade sostible e a bicicleta como medio de transporte en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos