Venres 29 Marzo 2024

Juan Gestal: “Podemos dicir que xa estamos na pospandemia”

O epidemiólogo analiza o aumento de casos de infeccións respiratorias en Galicia e mantén optimismo coa evolución da covid

Mocos, febre, tose, malestar muscular e un gran cansazo. Síntomas ben coñecidos e ás veces comúns a infeccións por diferentes tipos de virus respiratorios. O que predominou durante os dous últimos anos e medio foi o SARS-CoV-2, que irrompeu con forza en 2020 causando unha crise sanitaria mundial sen precedentes. Agora, cando unha camiña pola rúa, parece que xa se restableceu a vella normalidade. Pódese dar por rematada a pandemia? Do que non cabe dúbida, é que este outono está especialmente marcado polas infeccións respiratorias, como os catarros comúns. O profesor emérito da Universidade de Santiago, Juan Gestal, analiza a situación epidemiolóxica de Galicia lanzando unha mensaxe optimista.

—A situación covid en Galicia é preocupante? Os últimos datos apuntan a 221 hospitalizados.

Publicidade

—Para coñecer a evolución debemos prestar atención aos números relativos, non aos absolutos, e os da covid están diminuíndo, aínda que non sexa moito. Tamén están baixando os casos de virus respiratorio sincitial, que xa tocou teito na semana 47 (21 a 27 de novembro). Agora, o que está aumentando é a gripe. No caso concreto da covid, tras dúas vagas ao inicio da fase de mitigación, con picos o 11 de maio a primeira, producida pola liñaxe BA.2 de ómicron, e o 10 de xullo a segunda, pola liñaxe BA.5 de ómicron, acadando os 1.255,51 casos/100.000 habitantes, comezou a diminuír ata mediados de setembro (129,44 casos/100.000 habitantes) aumentando lixeiramente desde entón pero sen chegar a producir propiamente unha vaga, ata o 19 de outubro (221,58 casos/100.000 habitantes), para diminuír a partir dese momento ata os 158,04 casos/100.000 habitantes o pasado día 7 de decembro, manténdose a tendencia decrecente en case todas as comunidades autónomas.

—Aparecen virus comúns, xa coñecidos pola poboación, pero que pasaron case desaparecidos nos últimos dous anos e medio. A que se debe?

—Os virus pandémicos respiratorios non deixan circular aos outros virus respiratorios. Isto xa o observamos durante a vaga de outono, a mais importante da pandemia de gripe do 2009, na que só circulou o virus pandémico A (H1N1). Cando chegou a covid observamos o mesmo, que non circularon os virus dos catarros, da gripe, e do respiratorio sincitial. Tan só apareceron timidamente nos momentos en que se producía unha diminución importante na incidencia da covid, como no outono pasado, ao final da quinta vaga, cando diminuíu tanto a incidencia que parecía que remataba a pandemia, comezando a circular os virus da gripe, pero a chegada da variante ómicron, co seu crecemento case vertical cortou esa circulación, dando lugar á sexta vaga. 

“É posible que apareza unha variante perigosa? Si, pero creo que é moi pouco probable”

Ao longo da crise sanitaria apareceron moitas variantes porque os virus ARN, como o SARS-CoV-2, cometen erros cando se replican. Erros que os favorecen permitíndolles escapar das defensas do noso sistema inmune e transmitirse mellor. De todas elas, só moi poucas tiveron importancia. Ao longo das sucesivas vagas, fomos observando como as variantes tiñan cada vez un período de incubación máis curto e maior escape inmune, o que favorecía a súa transmisión, e tamén que os cadros clínicos que producían eran mais benignos, no que influíu tamén a cada vez maior inmunidade da poboación, polas vacinas e por ter pasado a infección. Todo isto incrementouse de xeito moi importante na sexta vaga, que ocasionou moitos mais casos que os producidos ata entón, o que nos fai pensar que o SARS-CoV-2 está acadando a súa máxima eficacia biolóxica, adaptándose a vivir con nós. Para el non é bo negocio matarnos.

—Cales son as posibilidades de que apareza unha variante covid máis virulenta ca ómicron?

—É posible que apareza unha variante perigosa? Si. Pero, polo que acabo de dicir, creo tamén que é moi, moi pouco probable. As liñaxes e subliñaxes de ómicron que apareceron ultimamente, e espertaron grande preocupación do Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades: XBB, BA.2.75.2., BF.7 e, sobre todo, BQ.1 e BQ.1.1. non terminaron de arrancar e de facerse dominantes, e mesmo non foron capaces co seu incremento, que no caso das BQ.1 e BQ.1.1 acadou no noso país o 50,8% na semana 46 (do 14 ao 20 de novembro), de facer aumentar a incidencia, senón todo o contrario. Insisto: é posible pero moi pouco probable.

—Cal é a situación de China e como pode repercutir ao resto do mundo que abandone a súa política de cero covid?

—A política de cero covid estivo moi ben e parecía que ía polo bo camiño e que lles permitiu saír moito antes da pandemia, recuperando a economía. Agora que deixan esa política, cal é a situación? En China, as persoas maiores, as mais vulnerables, non están vacinadas, só cren na medicina tradicional chinesa, e o resto da poboación recibiu como moito unha ou dúas doses dunha vacina inactivada cuxa eficacia protectora é moi baixa (55-60%). Por iso agora existe grande preocupación polo que poida ocorrer en China e a transcendencia que poida ter para o resto do mundo, por se puidera aparecer unha nova variante con forza que nos volvese afectar a todos. Algo que ninguén sabe se vai ocorrer.

“Fai falla que retiren xa a obrigatoriedade do uso da máscara nos medios de transporte”

—Saímos á rúa e a situación é de normalidade. Cando daremos por rematada a pandemia?

—A pandemia rematará cando o director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS) saia aos medios e diga que acabou. A enfermidade comezou a difundirse a finais de 2019, mais ata o 11 de marzo a OMS non declarou a pandemia, cando xa estaba difundida por moitos países e continentes. Dende o punto de vista administrativo, as declaracións de principio e fin, tardan, pois as autoridades sanitarias deben ser moi prudentes e conservadoras, eu estou de acordo con iso. Pero… Estamos realmente en pandemia? Imos á rúa e non parece que o esteamos, e sabemos moi ben como é estar.

O que si fai falla é que retiren xa a obrigatoriedade do uso da máscara nos medios de transporte, só quedamos por facelo Alemaña e España, e non ten sentido mantela, así como nas farmacias e ópticas. Bastaría de momento coa obrigatoriedade nos centros sanitarios. Non estamos xa nunha situación de pandemia. Poderíamos dicir que estamos na pospandemia. O SARS-CoV-2 está moi debilitado, e de non aparecer, nun tempo prudencial, unha nova liñaxe ou subliñaxe con forza para medrar e facerse dominante e provocar un incremento importante de casos, poderemos dicir que pandemia rematou de certo no noso medio. De todas formas, mentres o SARS-CoV-2 siga circulando seguirán producíndose mortes pola covid. Por iso, as persoas vulnerables teñen que seguir protexéndose, incluso cando a OMS declare o fin da pandemia, agás que o virus deixase de circular como aconteceu co SARS na pandemia de 2002-2003, o que parece que non vai ocorrer.

“O pico da gripe ou xa se acadou ou non anda lonxe”

—Como está a situación coa gripe? Pode ser máis virulenta ca outros anos?

—Este ano veu adiantada, o mesmo que aconteceu no hemisferio sur, e maioritariamente están circulando os virus A, sobre todo o A (H3N2). No último informe do ECDE de caracterización dos virus da gripe en Europa amosaron ser diferentes dos que van nas vacinas, polo que a protección será menor. Parece que o pico non anda moi lonxe: ou se acadou xa ou non tardará en acadarse. E se ocorre o mesmo que no hemisferio sur, non será unha onda tan grande coma a de outros anos nin tampouco especialmente grave. O sincitial respiratorio xa acadou o pico e a gripe se non o acadou xa non anda lonxe.

—Pódese dicir que as infeccións por virus respiratorios como os da gripe ou os dos catarros comúns xa superan os casos de covid?

—Hai moitísimos catarros e os casos de gripe están aumentando. Estamos volvendo á normalidade anterior á pandemia mais de momento con certo desorde. Antes ca chegada do outono o primeiro que aparecía era o virus respiratorio sincitial ocasionando casos de bronquiolite nos lactantes, e anunciando que despois del chegaría a vaga de gripe. Coa pandemia non circularon e agora están circulando todos eles. O sincitial respiratorio xa acadou o pico na semana 47, a gripe aínda non. Pode acadalo no que queda de decembro ou ao longo de xaneiro.

—As infeccións respiratorias foron especialmente graves en nenos, cun gran número de ingresados. Por que?

—Si, houbo moitos ingresos en nenos por sincitial respiratorio e tamén por gripe, o que se debeu a existencia dun número moi elevado de nenos susceptibles, que non tiveran contacto con estes virus por non ter circulado nestes tres anos de pandemia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais