Mércores 24 Abril 2024

Galicia rexistrou na última década o maior aumento da superficie edificada de todo o Estado

O informe ministerial de 2021 establece o uso do solo e o transporte público como puntos febles da transición ecolóxica na comunidade

Como cada ano dende 2004, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de publicar o informe sobre o perfil ambiental de España no que se analizan cuestións como o aire e o clima, a natureza, os sectores económicos, a sostibilidade e a saúde. Neste caso, ademais, as tendencias están divididas en dous horizontes temporais, os anos precovid e os posteriores á pandemia, coa intención de representar a evolución ambiental que estivo condicionada polas medidas sanitarias adoptadas.

Así, no seu informe, o Ministerio afirma que Galicia é a comunidade na que máis medrou a superficie de parcelas edificadas, sendo precisamente o uso do solo un dos puntos máis febles da comunidade no que respecta a esta transición ecolóxica. O outro punto pendente establecido polo informe é o uso do transporte público, xa que é unha das comunidades autónomas onde menos medrou o número de viaxeiros.

Publicidade

Máis construcións e menos espazos non urbanos

O solo é un dos recursos naturais máis importantes, tendo en conta a súa dificultade de renovación e as múltiples presións que recibe, en gran parte, debido ao desenvolvemento social e económico. Así, as principais ameazas que contribúen á degradación do solo son a expansión urbana, o desenvolvemento agrícola e industrial e os fenómenos climáticos extremos.

Precisamente, o informe ministerial afirma que España é un dos países de Europa máis vulnerábeis á desertificación, sinalando ademais que, das tres cuartas partes do territorio que se consideran susceptibles de ser afectadas por este fenómeno, o 20% do seu solo xa se considera degradado.

Por outra banda, o informe recolle a variación rexistrada no catastro inmobiliario no que respecta á superficie de parcelas urbanas e edificadas entre 2010 e 2021, o que permite obter unha imaxe da situación do solo nos distintos territorios do Estado. Neste período, Galicia foi a comunidade cunha maior taxa de crecemento en relación a superficie de parcelas edificadas, coa cifra do 37,8%, superando por case dez puntos ao Principado de Asturias (28%), que ocupa o segundo posto nesta lista.

Variación da superficie de parcelas urbanas e edificadas entre 2010 e 2021. Fonte: Informe Perfil ambiental de España 2021.

Se ben a superficie de parcelas edificadas sufriu un aumento en todas as comunidades do Estado, non foi así no que respecta á superficie ocupada por parcelas urbanas, que diminuíron en todas as comunidades autónomas coa excepción do Principado de Asturias (cunha taxa de crecemento do 28,7%), Galicia (24,7%), Estremadura (2,3%) e Melilla (1,9%). De novo, a comunidade galega veu aumentadas as súas cifras ata colocarse nos primeiros postos da lista.

Outro dos indicadores contemplados no que respecta á conservación e protección do solo é a súa perda pola erosión, un grave problema que afecta á fertilidade das superficies agrícolas e forestais, acelerando a un tempo a degradación da cuberta vexetal e a diminución da regulación natural das augas. Neste sentido, se ben Galicia non está entre as comunidades cun perfil elevado de erosión tampouco aparece entre as que teñen unha menor perda de solo.

Pérdas medias anuais de chan e superficie afectada polos procesos erosivos. Fonte: Informe Perfil ambiental de España 2021.

Un transporte público escaso

O indicador de transporte público utilizado polo informe ministerial recolle os datos relativos ao transporte urbano e metropolitano de viaxeiros, é dicir, aqueles percorridos que se sitúan exclusivamente en solo urbano ou aqueles que serven para comunicar entre si núcleos urbanos diferentes mais que están situados dentro do mesmo municipio. Así, este indicador deixa fóra o transporte interurbano e o especial ou discrecional (por exemplo, os de mercancías ou os que non están suxeitos a horarios estables).

Desta forma, o informe pretende medir a evolución na utilización da rede de transporte público nas cidades co obxectivo de contribuír a unha mobilidade urbana sostible, vinculándose así coas metas da Axenda 2030. Neste aspecto é esencial ter en conta a situación sanitaria vivida en 2020, ano no que este indicador diminuíu tras varios anos consecutivos de subidas. Agora, no período 2020-2021 volve marcar unha tendencia positiva.

Con todo, se ben é certo que todas as comunidades mostran este incremento no número de viaxeiros en autobús urbano, Galicia é unha das que experimentou a menor variación, chegando apenas a un 15,8% máis e quedando só por detrás da Comunidade Valenciana (15,3%). Alén, a comunidade galega está separada por máis de dez puntos de Cataluña, a que encabeza a lista cun incremento do 28,2%, seguida de Murcia (24,9%) e Andalucía (24,7%).

Embalses e medio mariño en perigo

A auga é un dos recursos naturais imprescindibles para a vida, polo que o informe ministerial tamén contempla como prioritario a realización dunha boa planificación e xestión da mesma, garantizando a súa calidade e cantidade dispoñible fronte a fenómenos extremos como secas ou inundacións. Neste punto, no que respecta aos niveis de auga embalsada, toda a vertente do Atlántico mantivo no período 2020-2021 unha capacidade media do 37,1%, notablemente baixa ao comparalo coas medias de cinco anos (49,7%) e dez (56,4%).

Alén, as partículas de microplásticos por kilogramo de mostras de area das praias son outro dos indicadores utilizados á hora de abordar a contaminación marítima. Así, a máxima concentración atopada na primavera foi detectada nas demarcacións noratlántica, sudatlántica e levantino-balear, correspondéndose os principais restos con fragmentos de plástico (45,4%), pellets pre-produción (34,8%) e fragmentos de poliestireno expandido (17%).

Neste sentido, o informe identificou en 2021 o uso turístico como o principal causante do lixo mariño de todo o Estado (21,6%) seguido das actividades pesqueiras (16,5%), doutras actividades terrestes (13,5%), de augas residuais (11,7%), do comercio e/ou hostalaría (9,8%) e do tráfico marítimo (8,8%).

Máis zonas de baño seguras e reservas da biosfera

Se ben o informe recolle aquelas tarefas pendentes da comunidade galega, tamén contempla algúns dos puntos positivos que merecen ser salientados.

Por unha banda, outro dos indicadores contemplados no que respecta ás augas continentais é a calidade das zonas de baño, cuxo control sanitario é esencial para protexer a saúde da cidadanía e no que establecen catro rangos de calidade seguindo a lexislación: insuficiente, suficiente, boa e excelente. É neste punto onde destaca a comunidade galega, posto que das 14 zonas de baño engadidas en 2021 no total do Estado con respecto ao 2020, esta foi a que máis zonas achegou.

Alén, no apéndice correspondente á natureza, o informe recolle a evolución do número e superficie acumulada de espazos protexidos como unha das principais ferramentas de conservación do medio. Así, cabe destacar a inclusión por parte da UNESCO da Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e do Courel na categoría Reserva da Biosfera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

O río Lagares, o máis contaminante de Galicia: arrastra 13 toneladas de plástico ao mar

A organización The Ocean Cleanup deseñou un mapa interactivo mundial dos 1.000 cursos de auga que máis residuos depositan nos océanos

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite