Galicia supera as 2.000 persoas falecidas por Covid-19; o 10% nos últimos 10 días

O aumento de transmisión en xaneiro provoca desde hai dúas semanas unha media de máis de 20 falecementos diarios

As medidas para conter a transmisión do SARS-CoV-2 en Galicia, que seguirán en vigor, canto menos, ata a semana que vén, levaron a unha redución do número de novos casos detectados. Porén, as consecuencias do levantamento das restricións no Nadal, xunto á posible influencia das variantes con maior capacidade de transmisión, levaron a un número de infeccións que seguen traducíndose nos maiores niveis de persoas falecidas desde o comezo da pandemia. Este luns superábanse as 2.000 mortes por Covid-19 desde marzo de 2020. Mais o salientable é a aceleración dos óbitos nesta terceira onda: unha de cada 10 mortes produciuse nos últimos 10 días, e unha de cada catro (o 25%), rexistrouse desde o pasado 15 de xaneiro, momento no que comezaron a incrementarse de maneira notable as mortes derivadas dos contaxios producidos durante o Nadal.

Despois de que xaneiro se convertese no segundo mes con maior número de persoas falecidas por Covid-19, febreiro segue amosando os efectos da chamada ‘segunda desescalada’. Cos datos de só 9 días, xa se superan os rexistros da segunda onda, en outubro e decembro, con preto de 200 persoas diagnosticadas con Covid-19 que perderon a vida.

Publicidade

O incremento de falecementos obsérvase, do mesmo xeito, na media semanal, cun máximo de 27 falecidos entre finais de xaneiro e comezos de febreiro. A cifra dos últimos días mantense a revisión, xa que nas últimas actualizacións a consellería de Sanidade está incluíndo na serie a persoas que faleceron en días previos, pero que non se inclúen inmediatamente na listaxe.

Así, a pesar do comezo da campaña de vacinación entre as persoas usuarias de centros residenciais e o persoal sanitario, non se chegou a tempo para algúns gromos que causaron decenas de falecementos, como os das residencias DomusVi de Carballo ou Vimianzo. Con todo, a inmunización xa constata un descenso na porcentaxe de falecementos nestes centros residenciais. Se no global da pandemia, a proporción de persoas falecidas vinculadas a residencias é do 36,9% en Galicia, no último mes a porcentaxe baixa ata o 26,9%. Segundo os datos proporcionados pola Xunta ao Ministerio de Sanidad, xa son 54.504 persoas (o 2% da poboación galega), as que recibiron as dúas doses da vacina. A inmunidade acádase arredor dunha semana despois de completar a pauta.

Publicidade

Situación actual

Este mércores, responsables da Consellería de Sanidade compareceron para analizar a evolución da pandemia en Galicia, dúas semanas despois de que todo o territorio pasase ao nivel máximo de restricións e a menos de sete días da posible relaxación destas limitacións. Expuxeron a redución da incidencia acumulada, cun descenso dos casos detectados nos últimos sete e 14 días, nos que se pasou dun máximo de 1800 positivos novos diarios á contorna dos 700. O conselleiro Julio García Comesaña dixo que o escenario é “insuficiente para falar de contención”, por mor do elevado número de concellos que se manteñen cunha incidencia superior aos 250 casos/100.000 habitantes nas últimas dúas semanas.

Os indicadores amosan, por tanto, tendencias dispares e a diferentes ritmos. Os casos activos, é dicir, as persoas baixo seguimento por dar positivo nunha proba diagnóstica, están descendendo rapidamente ao conceder a alta a persoas diagnosticadas nos días nos que máis casos se detectaban. Pasouse así dos preto de 23.000 casos os primeiros días de febreiro aos 17.632 deste mércores.

Porén, nos hospitais a carga asistencial segue sendo alta, especialmente nas unidades de críticos da Coruña, Santiago ou Ferrol. Tal e como se pode ver baixo estas liñas, aínda que o número de camas de hospitalizacións estase reducindo, mantense por riba das 240 persoas ingresadas en UCIs. Tal e como detallou este mércores o conselleiro de Sanidade, en coidados intensivos permanecen persoas positivas por SARS-CoV-2, pero tamén outras persoas que saen da lista de casos activos por dar negativo nunha proba PCR, aínda que permanecen en estado grave por mor da infección causada pola Covid-19.

Diante da posibilidade de abordar a terceira “desescalada”, os responsables de Sanidade pediron cautela.”A día de hoxe, non podemos falar doutra cousa que de manter as medidas e pedirlle aos cidadáns un esforzo adicional”, dixo García Comesaña, minutos despois de que o presidente da Xunta falase no Parlamento de abordar unha ‘desescalada’ “medida e gradual”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua