Sábado 7 Decembro 2024

A xenetista Jimena Fernández de la Vega, Científica Galega do ano 2021

Xunto á súa irmá Elisa, foi a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago, e acadou gran notoriedade investigadora

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anunciou este mércores, véspera do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o nomeamento de Jimena Fernández de la Vega e Lombán (Vegadeo, 1895-Santiago de Compostela, 1984) como Científica do Ano 2021, un recoñecemento que desde 2008 outorga a entidade a algunha personalidade que destacase pola súa contribución ao desenvolvemento da ciencia en Galicia. De la Vega é a segunda muller homenaxeada, despois da oceanógrafa Ángeles Alvariño (2015).

A RAGC valorou especialmente “o seu carácter loitador, amosado desde que fora a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) xunto coa súa irmá Elisa, onde acadou ademais o premio extraordinario”. Na súa carreira investigadora, expón a academia, “tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España”. Posteriormente, os seus traballos no campo da hidroloxía aplicada á saúde foron tamén de enorme valía. A RAGC quere, por tanto, “dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica, en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”.

Publicidade

Jimena e Elisa naceron na Veiga de Ribadeo (Vegadeo), localidade onde exercía como médico o seu pai, Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, natural de Castroverde (Lugo), quen foi o primeiro director do balneario de Guitiriz.

https://twitter.com/RAGalegaCiencia/status/1359461124345909252

Publicidade

Despois de realizar o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, cursando todas as materias en ensinanza non oficial e non colexiada, Jimena obtivo a cualificación de sobresaínte no exame de grao tanto na Sección de Ciencias como na de Letras. Durante o último curso do bacharelato preparou no Instituto de Santiago a materia de alemán en ensinanza libre, un coñecemento que será fundamental no que foi a súa traxectoria posterior, ao ser a lingua na que se xeraron moitos dos avances científicos da época.

En 1913 matriculouse na Facultade de Medicina da USC como alumna de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas de francés e alemán que recibira nos Institutos de Lugo e Santiago. Realizou o exame de grao da licenciatura en xuño de 1919, aprobando con sobresaínte e, en setembro, conseguiu un dos dous Premios Extraordinarios concedidos. Tres anos máis tarde doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade Central en Madrid, coa tese Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico, baixo a dirección do doutor Pittaluga da que se conserva un exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid.

Formación en Alemaña, Austria e Italia

Jimena foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España. Así, foi destinataria de sucesivas bolsas en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, para traballar cos profesores Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll e Julius Baur. Neste período realizou estudos sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica e traballos de xenética experimental sobre os problemas constitucionais e súa relación coa herdanza (xenotipo), publicando numerosas contribucións.

A súa volta a España, continúa narrando a RAGC, “observou un certo descoñecemento dos fundamentos da xenética aplicada á saúde polo que desenvolveu unha intensa labor de divulgación”. Así, animada por profesores como Pittaluga, Nóvoa Santos e Marañón ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou diversos traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos no exterior. Como resultado deste traballo, creouse en Madrid a “Sección de Xenética e Constitución” en 1933 da que Fernández de la Vega foi nomeada directora.

En novembro dese mesmo ano falecía a súa irmá xemelga, Elisa, con só 38 anos. Nese momento aspiraba a ser a primeira catedrática de España, xa que estaba preparando as oposicións ás catedras de Medicina Legal en Santiago e Salamanca. Elisa morreu en Zaragoza, onde residía co seu marido, Gumersindo Sánchez Guisande, médico e membro de Izquierda Republicana, que posteriormente se tivo que exiliar á Arxentina por mor do golpe de Estado do 1936. En Buenos Aires teceu amizade con persoeiros como Luís Seoane ou Castelao, a quen atendería ata a súa morte.

Elisa e Jimena Fernández de la Vega, xunto ás fillas da primeira.
Elisa e Jimena Fernández de la Vega, xunto ás fillas da primeira.

Despois da traxedia da morte da súa irmá, Elisa seguiu adiante coa súa carreira. Realizou unha segunda estadía de investigacións en centros punteiros de Alemaña e Italia no curso 1933-1934, para profundar no eido da herdanza e constitución, realizando estudos sobre endocrinoloxía e constitución no Istituto di Clinica Medica de Xénova e no Kaiser Wilhelm Institut, en Berlín, onde desenvolveu un traballo de investigación sobre a herdanza das formas dos glóbulos vermellos no sangue humano, empregando o método dos xemelgos, traballos que foron recollidos en diversas publicacións.

Regreso a España

Ao seu regreso, a ciencia oficial en España decidiu un cambio radical da orientación da xenética, abandonando a metodoloxía experimental e transformando o Seminario nun centro de estudos xenéticos teóricos. Desgustada con esta orientación, Jimena foi pouco a pouco abandonando o interese pola xenética, orientando a súa vida profesional a aplicación da hidroloxía no campo da saúde, campo ao que destinou todo o seu entusiasmo, exercendo como médica do balneario de Guitiriz, onde traballara o seu pai, dirixindo posteriormente os balnearios de Montemayor (Cáceres), de Cestona (Guipúzkoa) e de Lanjarón (Granada), onde se xubilou.

Por todo isto, Jimena Fernández de la Vega “foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial da realización de estadías en centros referenciais para desenvolver frutíferas traxectorias profesionais que permitiron darlle unha salientable visibilidade ás científicas da época”, expón a Academia.

O acto académico central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro co gallo do “Dia da Ciencia en Galicia” programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.

Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as xemelgas pioneiras na Medicina en Galicia

 

4 COMENTÁRIOS

  1. Moitas grazas polo aviso de que esas palabras que eu ouvín dende a miña infancia na boca das miñas avoas e avós son inventadas. Primeira noticia que teño. Mágoa que hoxe xa non estean connosco (faleceron hai varios anos), pois,de viviren aínda, íaas eu avisar a correr para que deixasen de empregar esas palabras que segundo Vde. son inventadas …

  2. Importante visibilizar a estas pioneras. Se doctoró en Medicina en 1922…imaginaros cómo era el ambiente académico en esa época. Ejemplo de tesón y excelencia!

  3. Me parece maravilloso el escribir en lo que podríamos llamar gallego de siempre son incluir las palabras inventadas por la normativizacion del gallego. Por ejemplo avelencia, a cotio, arestora, Néste intre, con que nos atosigar los plumillas actuales en la prensa diaria.

  4. Tener la suerte de nacer en una familia culta y con posibles hizo que existiesen grandes pioneras de las que nos sentimos orgullosas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sempre os mesmos: por que os Nobel continúan ocultando a tantas científicas?

Este ano, o balance de galardoados nas disciplinas de Física, Química e Fisioloxía ou Medicina é de sete homes fronte a ningunha premiada

Xavier Montalbán: “O virus de Epstein-Barr é unha condición sine qua non para padecer esclerose múltiple”

O neurólogo é recoñecido polas súas aportacións nos últimos avances na mellora do prognóstico e tratamento da enfermidade

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC