Venres 26 Abril 2024

Jimena e Elisa Fernández de la Vega, as xemelgas pioneiras na Medicina en Galicia

As dúas primeiras licenciadas en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela tras máis de 400 anos de historia naceron na mesma casa. Chámabanse Elisa Fernanda María del Carmen e Jimena María Francisca Emilia Fernández de la Vega Lombán, e eran xemelgas. Naceron na Veiga, á beira asturiana do Eo, na localidade tamén coñecida como Vegadeo, no ano 1895. E seguiron durante a primeira parte das súas vidas un camiño paralelo e formidable, ata que a vida, e a morte, as separou.

Ambas estudaron o bacharelato en Lugo, onde se graduaron con sobresaliente o 23 de xuño de 1913. No curso seguinte comezaron os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela.

Publicidade

Ata 1910, as mulleres tiñan que pedir autorización para estudar na universidade

Daquela só transcorreran tres anos desde que o Goberno español levantara as restricións para a matriculación das mulleres na universidade. Antes de 1910 deberían cursar unha autorización para comezar a estudar nela, un trámite que, unido á discriminación da época, provocaba que as aulas universitarias estiveran practicamente baleiras de mulleres. Ata 1900, co fito de Manuela Barreiro Pico, ningunha muller se graduara na institución compostelá. Pero houbo que agardar ata 1919, coa licenciatura de Elisa e Jimena, para que dúas mulleres se converteran nas primeiras tituladas en Medicina en Galicia.

Como só podía outorgarse só un premio extraordinario, recibiuno Jimena, aínda que ambas eran merecedoras del, segundo conta Xoana Pintos, autora dunha tese sobre as primeiras mulleres que se graduaron na USC. Convertíanse así nas primeiras licenciadas en Medicina en Galicia. Anos antes, en 1901, Manuela Barreiro fora a primeira licenciada da universidade compostelá; no seu caso, en Farmacia.

Porén, no día a día das aulas, a situación estaba lonxe da igualdade. Elisa e Jimena tiñan que ir ata as aulas a carón dun compañeiro debido aos comentarios que recibían. “Jimena era alta, de mirada directa, face rosada e xesto serio; Elisa, delgada, de faccións finas, cos ollos máis tristes. Ante os comentarios despectivos, levantaban a cabeza e seguían adiante”, conta a xornalista Josefa Paredes nunha crónica, citando a fontes familiares.

Iniciáronse na investigación no laboratorio de Nóvoa Santos. O seu bo desempeño valeulles, con menos de 30 anos, o recoñecemento coa Gran Cruz de Alfonso XII por méritos académicos. Ao completar a carreira en Santiago, trasladáronse a Madrid para desenvolver a súa tese de doutoramento. É nesta etapa cando as súas carreiras comezan a enfocarse cara distintas disciplinas.

Elisa Fernández de la Vega Lombán

En 1921, Elisa presenta a súa tese, dirixida polo catedrático Teófilo Hernando, titulada Asma anafiláctico alimenticio y consideraciones acerca de la patogenia del asma en general. Con Hernando realiza diversos traballos de investigación. Acaba especializándose en pediatría da man do catedrático Enrique Suñer.

Gumersindo Sánchez e Elisa Fernández de la Vega, xunto a dous dos seus fillos.
Gumersindo Sánchez e Elisa Fernández de la Vega, xunto a dous dos seus fillos.

Quere afondar nos estudos de Fisioloxía da nutrición e do aparello dixestivo na infancia, polo que solicita unha bolsa, que lle é concedida, para continuar a súa formación en Berlín durante un ano. Non en tanto, decide renunciar a ela cando casa con Gumersindo Sánchez Guisande, catedrático de Anatomía e antigo compañeiro de facultade de Elisa. Gumersindo era un dos compañeiros que defendían a Elisa e Jimena dos improperios e discriminación que recibían dunha boa parte dos alumnos. Queda en Madrid, onde continúa investigando na Facultade de Medicina. Desenvolve unha intensa actividade: traballa no Hospital del Niño Jesús, imparte conferencias, escribe artigos e prepara manuais para as enfermeiras.

En 1922 múdase a Sevilla xa que o marido obtén unha praza na capital andaluza. Máis tarde, en 1928, desprázase a Zaragoza, de novo pola actividade laboral de Gumersindo, que se convertiría en decano da Facultade de Medicina. Elisa traballaría en clases prácticas de Embrioloxía, ao tempo que continúa impartindo decenas de conferencias científicas en universidades de toda España e coida aos seus tres fillos, Luciano, Wenceslao e Elisa.

En 1932 asina oposicións para presentarse ás cátedras de Medicina Legal das universidades de Santiago e Salamanca. Ía ser, deste xeito, a primeira catedrática de España. Houbo que agardar vinte anos máis, ata 1953, para que unha muller (Ángeles Galino) conseguise este fito. Pero unha pneumonía, que ela mesma se diagnosticou, impediullo. Con só 38 anos, morre en Zaragoza o 21 de novembro de 1933.

Elisa aspiraba a ser a primeira catedrática de España, pero a enfermidade impediullo

En outubro de 1936, o seu marido, membro de Izquierda Republicana, ten que exiliarse a Buenos Aires debido ao golpe de Estado, e Jimena ten que facerse cargo dos tres nenos. Gumersindo pasou doce anos sen ver aos seus fillos, ata que se trasladaron con el a Arxentina. No exilio, Gumersindo forma parte do movemento galeguista e republicano xunto a Castelao ou Luís Seoane. Atendeu ao político de Rianxo nos seus últimos días e embalsamou o seu corpo. Morreu en 1976 en Buenos Aires.

Jimena Fernández de la Vega Lombán

Un ano despois da súa irmá, Jimena presenta en 1922 a súa tese de doutoramento: Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico. Do mesmo xeito que Elisa, accede a unha bolsa dun ano, cunha prórroga doutro máis, para estudar Xenética Experimental no estranxeiro. Pero a diferenza da súa irmá, Jimena fai uso da bolsa e amplía a súa formación en Alemaña, Austria e Suíza durante longas temporadas en varias etapas. Traballa tamén na capital de España con Nóvoa Santos, o seu mestre en Santiago, que se desprazou a Madrid en 1928.

En 1930 realizou unha das súas grandes achegas. Traduciu ao castelán a obra de Julius Bauer Herencia y constitución; un libro que serviría, segundo explica Xoana Pintos, para introducir aos médicos españois nos coñecementos da xenética mendeliana. No 1932 ponse á fronte do Seminario de Xenética, e nestes anos consegue tamén que o propio Julius Bauer viaxe ata Madrid xunto a Hermann Poll para impartir varias conferencias. É nesta viaxe cando Poll convence ao fisiólogo Augusto Pi i Suñer para crear un laboratorio de Xenética Humana en Madrid. No 1933, o laboratorio bota a andar, e a súa directora é Jimena Fernández de la Vega. E en 1934 obtén unha nova bolsa da JAE para estudar en Berlín.

Retrato de Jimena Fernández de la Vega.
Retrato de Jimena Fernández de la Vega.

Desde a súa chegada a Madrid, Jimena colaborou con Gregorio Marañón e Gustavo Pittaluga. En 1935, ao publicar La herencia fisiopatológica en la especie humana, Marañón louva a figura de Jimena no prólogo do libro: “É aguda, intelixente e pouco dada a levarse por arrebatos imaxinativos. Cualidades todas excepcionais para o cultivo da ciencia”.

Porén, a Guerra Civil lastrou de forma definitiva a súa carreira. Tras o golpe de Estado, Jimena deixa Madrid e vaise a Sotillo de la Adrada, en Ávila, onde permanece ata outubro. Máis tarde presentouse en Burgos ante o principal responsable da depuración do profesorado, o catedrático Enrique Suñer, que fora mestre da súa irmá Elisa. Despois duns meses, Jimena volve a Galicia. Primeiro a Vilagarcía, e despois a Santiago, onde se ten que facer cargo dos seus tres sobriños, orfos de nai e co pai exiliado en Arxentina. Durante o resto da guerra traballa no Hospital Militar de San Caetano.

En 1945, xa con 55 anos, Jimena oposita ao corpo de Baños, seguindo a tradición familiar. Comeza a traballar no balneario de Guitiriz para estar preto da súa nai, Dolores Lombán, xa anciá. Á morte dela, dirixe balnearios en Montemayor (Salamanca), Cestona (Guipúzcoa) e Lanjarón (Granada), onde se xubilaría.

Con todo, nunca deixou de lado a súa faceta investigadora. Continuou ligada á Facultade de Medicina de Madrid, onde seguiu dirixindo o Seminario de Xenética Humana. Publicou varios traballos máis, que suman un total de máis de trinta en toda a súa vida. En 1984 morre en Santiago de Compostela aos 89 anos. Foi enterrada en Boisaca.

O legado das irmáns Fernández de la Vega Lombán pervive hoxe en Galicia e Asturias. Teñen unha rúa en Vegadeo, a súa vila natal. En Gijón, no Parque Científico Tecnolóxico da cidade, outra das vías ten o nome de Jimena. Na USC tamén se lles recordou co seu nome: en 1996, co gallo da celebración dos cincocentos anos da Universidade de Santiago de Compostela, a institución dedicoulles un vítor, o primeiro que homenaxea a mulleres en toda a súa historia. Na residencia universitaria que estivo instalada durante anos no Monte do Gozo, e a sede do Vicerreitorado de Estudantes da USC, na rúa Casas Reais, tamén se lle puxo o seu nome.

No acto de apertura destas últimas dependencias, en 2006, estaban dous dos tres fillos de Elisa, a que levaba o seu mesmo nome e Wenceslao, que chegaran desde Arxentina. Tamén estaba, emocionada, María Teresa, unha das súas sobriñas, filla do seu irmán Wenceslao. A muller dou un discurso no que dixo delas que foron “dúas mulleres excepcionais, loitadoras, apaixonadas e comprometidas, un exemplo constante, e as súas vidas foron un espello diante do que fun conformando a miña propia”. Como Elisa e Jimena, ela tamén rompiu barreiras: foi a primeira vicepresidenta do Goberno español e a primeira presidenta do Consello de Estado.

 

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

Atopan a primeira receita médica en galego, unha ‘pequena xoia’ do século XV

Está anotada no reverso dunha escritura notarial datada o 2 de abril de 1477 e conservada no Arquivo da Real Chancillería de Valladolid
00:58:19

Victoria Lareu: “O maior hándicap da muller no traballo é ser nai”

A catedrática de Medicina Legal da USC participa na terceira sesión do ciclo 'Ciencia en feminino'

Unha investigadora galega deseña próteses en 3D para integrar no tecido óseo

Ana Mejuto vén de gañar un áccesit da Real Academia de Farmacia por un artigo da súa tese doutoral sobre implantes 3D