Tarsy Carballas, a científica que mira para o solo

Captura de pantalla 2018-03-02 12.56.41

En Taboada, ás portas da Ribeira Sacra, naceu en 1934 María Tarsy Carballas Fernández, unha das científicas de referencia na historia recente da ciencia en Galicia. Co paso dos anos, Tarsy acabouse especializando na edafoloxía, o estudo dos solos, pero a súa carreira comezou por un camiño algo distinto.

Licenciouse en Farmacia en 1958 na Universidade de Santiago de Compostela, e pouco despois xa era profesora adxunta interina de Bioquímica e profesora axudante de Termodinámica e Mecánica Estatística. E aínda sacaba tempo para estudar Ciencias Químicas, que rematou, con premio extraordinario de licenciatura, no ano 1963.

Publicidade

Licenciouse primeiro en Farmacia, pero despois especializouse en Bioquímica e Edafoloxía

Alén do esforzo do estudo, aqueles non foron anos sinxelos para Tarsy. Do mesmo xeito que moitas outras científicas daquel tempo, ten recoñecido en varias ocasións a discriminación que viviu na universidade compostelá por parte dalgúns compañeiros e superiores. Este e outros motivos levárona a probar sorte fóra. Trasladouse á universidade de Nancy, en Francia, para continuar a súa formación, e volveu a Santiago para converterse na profesora encargada da cátedra de Edafoloxía, disciplina na que enfocaría a maior parte da súa produción científica. Posteriormente fixo máis estancias en Francia, Reino Unido e a República Checa.

Nesta experiencia no estranxeiro, segundo lembra o seu colega Francisco Díaz-Fierros, Tarsy estableceu contacto con algúns dos expertos máis destacados do seu tempo. Realizou traducións ao castelán dos libros do francés Philippe Duchafour, que eran os máis consultados polos edafólogos castelán-falantes nesa época.

Publicidade

No ano 1965 comeza a traballar como investigadora do CSIC, no que permanecería ata a súa xubilación. Neste centro, segundo indica Xoana Pintos citando declaracións da propia Tarsy, “a discriminación era moito menor” por ser muller. Formou parte do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), na área de Bioquímica do Solo, que ela mesma creou en 1980. Exerceu varios cargos durante a súa etapa no IIAG, do que foi directora entre 1994 e 2004.

Pioneira no estudo da erosión dos incendios

Co seu traballo, Carballas converteuse na pioneira dos estudos da xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona húmida e temperada de España e no aproveitamento de materiais orgánicos residuais como fertilizantes. Pero sobre todo, a figura de Tarsy está enfocada ao estudo dos efectos da erosión producida polos incendios forestais, da que ten alertado en moitas ocasións como un dos graves problemas que afectan aos solos en Galicia.

A súa traxectoria está inzada de premios e recoñecementos. Foi Premio Fray Bernardino de Sahagún (1972), Diploma do Ministerio de Asuntos Exteriores de Francia (1977), Premio Galicia de Investigación (Modalidade de Ciencias) 1982, Premio á Excelencia Química (2012) por un estudio sobre a prevención de incendios forestais e Premio María Wonenburger (2012). No acto de entrega deste último galardón, Tarsy afirmou: “Vivín completamente dedicada á investigación científica durante 53 anos, coa vista posta nos problemas de Galicia, no que concerne ao meu eido de estudo”.

Durante a súa carreira realizou máis de 200 publicacións científicas, ten doce libros editados e aparece como tradutora de numerosos de textos especializados.Tarsy Carballas foi tamén a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Farmacia (2003) e a primeira en formar parte da Junta de Gobierno da International Union of Soil Sciences IUSS, (1980-84). É Socia de Honra da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo. Desde xuño de 2004 é doutora «ad Honorem» do CSIC e dende xuño de 2006 é presidenta do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo método acelera o diagnóstico da tuberculose a partir de esputos de pacientes

Un equipo do CSIC secuencia o xenoma completo da bacteria que provoca a enfermidade a través da secreción expulsada polo doente

Es o que comes: unha base de datos permite estudar como rematan os microorganismos dos alimentos no noso microbioma

O estudo, feito por investigadores do CSIC, abre ás portas a avaliar a autenticidade e orixe dos produtos de consumo humano a través da xenética

Si, é posible xerar enerxía renovable a partir de algas: así o fan nun centro do CSIC

Grazas ao emprego de materiais condutores, os científicos son capaces de cargar pequenos dispositivos a partir da electricidade presente no alxinato destes organismos mariños

Este é Teodoro, o primeiro cordeiro modificado xeneticamente en España

O animal servirá como modelo para entender a fecundación na especie humana e estudar fallos reprodutivos en animais de granxa
93040