A base de datos reúne información de 280 grupos de especies e xéneros. Fotos: Adolfo Codero, Jesús Arribas, Pere Bonada, José Antonio Carbonell e María Alp.
A base de datos reúne información de 280 grupos de especies e xéneros. Fotos: Adolfo Codero, Jesús Arribas, Pere Bonada, José Antonio Carbonell e María Alp.

Unha base de datos pioneira da dispersión dos macroinvertebrados de auga doce

O catedrático da UVigo Adolfo Cordero foi un dos impulsores de 'Disperse', un recurso de acceso aberto con información de 280 grupos de especies e xéneros

A dispersión, a capacidade dos individuos de desprazarse dun lugar a outro, constitúe un proceso ecolóxico fundamental na biodiversidade, cunha forte influencia nas dinámicas das poboacións e comunidades de múltiples organismos. Mais, no referido a invertebrados como os artrópodos, moluscos ou crustáceos, os coñecementos existentes son limitados, dada a súa elevada diversidade biolóxica e as dificultades para levar a cabo estudos a grande escala. Co propósito de contribuír a unha mellor compresión dos procesos de dispersión, 19 investigadores e investigadoras de oito países, entre os que se atopa o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, crearon Disperse, a primeira base de datos en liña que describe unha serie de características que inflúen na capacidade de dispersión de 280 grupos de especies e xéneros de macroinvertebrados de auga doce europeos.

“A idea era compilar a información dispoñible, incluso en boa parte non publicada, e poñela a disposición doutros investigadores”, salienta Cordero, responsable do grupo de investigación EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Coordinado polo investigador da Universidade de California Berkeley Romain Sarremejane, este proxecto contou coa participación de expertos e expertas de Reino Unido, España, Francia, República Checa, Portugal, Finlandia, Suíza e Hungría. As e os participantes reuniron nesta base de datos a información relativa a nove características relacionadas co comportamento, morfoloxía e ciclo vital de 280 taxóns (especies ou xéneros), subdivididas á súa vez en 39 categorías que permiten coñecer se unha determinada especie é máis ou menos proclive á dispersión poboacional. Os resultados deste proceso de traballo, no que a contribución do investigador do campus pontevedrés centrouse nos odonatos, orde que agrupa a libélulas e cabaliños do demo, preséntanse nun artigo publicado na revista Scientific Data do grupo Nature, ao que Cordero achega así mesmo boa parte das fotografías. 

Nove características funcionais

Como explican os autores e autoras deste artigo, a maioría dos macroinvertebrados que viven en ecosistemas de auga doce poden nadar, reptar, trepar, desprazarse arrastrados polas correntes e, nalgúns dos casos, voar durante a súa etapa adulta. A isto súmase a influencia que os ciclos vitais e as estratexias reprodutivas teñen na súa capacidade de dispersión, dificultando aínda máis o coñecemento destes procesos. Polo xeral, explica este grupo de expertos, os procesos de dispersión estúdanse a través do marcado e captura de exemplares ou de análises xenéticas, o que impide levar a cabo estudos de comunidades ou a grande escala. De aí que optasen por centrarse nunha serie de nove características funcionais, que poden achegar, como sinalan no artigo, “unha forma máis efectiva de avaliar o potencial de dispersión de múltiples taxons”.

Trátase do tamaño máximo do corpo; a lonxitude das ás das femias; o tipo de ás; a duración do ciclo vital; o período deste que corresponde á etapa adulta; a fecundidade ao longo da vida, medida no número de ovos por femia; o potencial número de ciclos reprodutivos anuais; as estratexias de dispersión, e a propensión para ir á deriva, “a facilitade con que os individuos dunha especie poden ser arrastrados ou procuran moverse coa corrente do río”, explica Cordero.

O catedrático Adolfo Cordero. Foto: Duvi.
O catedrático Adolfo Cordero. Foto: Duvi.

Segundo recolle o artigo, Disperse supón un “recurso único de acceso aberto que permitirá aos investigadores estimar o potencial de dispersión de invertebrados de auga doce con maior exactitude”. A base de datos, dispoñible na web do proxecto IRBAS (Intermittent River Biodiversity Analysis and Synthesis) e no repositorio Figshare, reúne tanto a información compilada a través da revisión de máis de 300 artigos científicos e capítulos de libros, como outra non publicada. “Compilar esa información é unha tarefa complexa, que pode levar moito tempo. Ademais moitos dos datos proceden de información acumulada pola experiencia, que non se publica por si soa e que se perdería de non terse compilado así”, destaca Cordero deste proceso de “traballo colaborativo”.

“Esperamos que permita a futuras investigacións achegarse a cuestións que agora non son abordables”, engade o catedrático, que explica que “o que se pretende tamén é que a base de datos poida usarse en estudos comparativos, para traballos enfocados ao conxunto de especies dunha zona, por exemplo”. Polo de agora só reúne información de especies europeas, mais o obxectivo, explica Cordero, é que “a medida que esta información exista tamén para outras áreas”, incorporala tamén á base de datos.

Xunto a Cordero, na creación de Disperse participaron investigadores e investigadoras das universidades de Barcelona, Murcia e Granada, da Nottingham Trent University británica; do Inrae e a Universidade de Lorraine francesa; da Masaryik University checa; da Universidade de Minho, do Finish Environment Institute, da Universidade de Pécs, en Hungría, e do Instituto Federal de Ciencias Acuáticas de Suíza.


Referencia: DISPERSE, a trait database to assess the dispersal potential of European aquatic macroinvertebrates (Publicado en Scientific Data).

Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.