O proxecto Bewats avanza na detección de lixo mariño

Coordinado pola Universidade de Vigo e o Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC-UAM-UCM-UC3M), monitorea a costa galega con satélites e drones

O lixo mariño, en particular os residuos plásticos, supoñen unha seria ameaza global para os ecosistemas, tanto pola gran cantidade que chega aos mares e océanos como pola súa composición, xa que poden tardar ata 1000 anos en biodegradarse. De feito, a maior parte do lixo que se rexistra e recolle nos areais son microplásticos, o que dificulta en gran medida a súa recollida debido ao seu tamaño. Un dos xeitos de controlar e frear a chegadas deste lixo aos ecosistemas mariños é coñecer a orixe e o percorrido destes residuos, que é o obxectivo do proxecto Bewats (Beach Waste Tracking System), impulsado por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC-UAM-UCM-UC3M).

A finalidade desta iniciativa, que botou a nadar en decembro de 2019, é buscar ferramentas innovadoras para a monitoraxe da procedencia e o destino do lixo mariño a través de imaxes de satélites e drones. Froito deste primeiro ano de traballo, os investigadores xa contan con avances destacados, como explica Fernando Martín, do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da UVigo.

Publicidade

Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da UVigo.

O proxecto, financiado polo programa Pleamar 2019 da Fundación Biodiversidade, céntrase nas rías de Vigo e Pontevedra, incluíndo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. “Ás costas galegas chegan refugallos mariños, principalmente plásticos, impulsados polas fortes correntes oceánicas”, explican os investigadores. Estes restos provocan graves impactos nos ecosistemas mariños, na saúde humana e perdas importantes nunha economía como a galega que vive do mar. Así, a través de Bewats trátase de “buscar solucións a esta problemática e establecer estratexias de limpeza máis eficientes utilizando novas fontes de información”.

Avances en tres eidos

Nestes meses de traballo, o equipo avanzou en varias frontes. Por unha banda, Ana M. Mancho e Guillermo García Sánchez, do CSIC, desenvolveron modelos para o seguimento das rutas dos residuos baseados nas correntes mariñas proporcionadas polo Servicio de Monitorización Marina de Copernicus (CMEMS) e en desenvolvementos propios dos investigadores. Os resultados proporcionados polos modelos delimitan as zonas de orixe para estes residuos nas diferentes épocas do ano.

Publicidade

Dende a Universidade de Vigo, os investigadores Fernando Martín e Orentino Mojón, do centro atlanTTic, comezaron a toma de imaxes con drones en diferentes puntos das rías de Vigo e Pontevedra, baseándose na experiencia e no software desenvolvido no proxecto europeo Litterdrone, que a institución olívica coordinou entre 2017 e 2019. “O software foi mellorado redeseñando os algoritmos que permiten localizar os residuos para obter unha maior precisión”, explican.

Detección remota de posibles plásticos na ría de Pontevedra.

O proxecto Bewats rematará no mes de abril, xa que conta nunha prórroga pola pandemia da covid-19. Nestes próximos meses, e ante a falta de datos in situ para validar os datos remotos, o traballo dos investigadores da Universidade de Vigo centraranse nunha serie de obxectivos técnicos.

Así crearán un obxecto de plástico a modo de branco flotante, co que realizarán varios experimentos para capturalo no mar coincidindo coa pasada do satélite e tomando imaxes de drone e procesarán as imaxes de satélites coincidentes co experimento, para validar os resultados do algoritmo desenvolvido pola empresa GMV. Ademais, continuarán mellorando o software Litterdrone. Por parte da Universidade de Vigo tamén participa no proxecto o grupo I-Mark, que xa comezou a realizar un estudo sobre a viabilidade comercial das tecnoloxías desenvolvidas en Bewats.

Detección de lixo mariño

Outro dos avances do proxecto viu da man da empresa GMV, colaboradora do proxecto, que desenvolveu un innovador enfoque baseado en datos remotos para a detección de lixo mariño empregando imaxes Sentinel-2, proporcionadas polo programa Copernicus, e técnicas de Machine Learning. Omjyoti Dutta, da división Remote Sensing and Geospatial Analytics de GMV, foi o encargado de procesar os datos de satélite de observación da Terra para detectar posibles restos e clasificar e cuantificar a fracción de residuos presente a nivel de píxel.

Ademais, tamén se realizaron as primeiras investigacións para identificar os diferentes tipos de plásticos detectados, sendo as acumulacións de PET, presente en botellas de plástico, as máis fáciles de identificar. En Galicia, GMV empregou as ventás espazo-temporais proporcionadas polos modelos matemáticos do CSIC para a predición sobre o posible percorrido destes residuos presentes no mar. Non obstante, para os anos analizados (2017-2020) “non se dispón de datos de lixo flotante no mar para validar a detección realizada coas imaxes de satélites”. Por isto, GMV validou o enfoque en outras localizacións en Europa, América do Sur e África onde existen datos dispoñibles de desperdicios mariños e con licencia aberta.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

O fenómeno xérase pola axitación producida pola forza das ondas e dos ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta, forma unha dispersión de auga e burbullas de aire. Por Gumersindo Feijoo Costa

Case a metade dos cetáceos de augas profundas inxiren macrolixo no noroeste ibérico

A CEMMA participa nun estudo que documenta que aproximadamente o 30% dos exemplares acaba falecendo a causa de lesións dixestivas

A tropicalización do mar muda o ecosistema: Galicia rexistra xa 50 especies exóticas dende 1945

O investigador Rafael Bañón apunta a que o quecemento favorece a chegada de peixes pouco habituais como o peixe porco ou a rémora azul

Praias galegas pechadas ao baño pola carabela portuguesa: por que hai cada vez máis?

Os movementos das correntes e os cambios na temperatura do mar son algunhas das causas do aumento da súa presenza na comunidade