O proxecto Nanoevers, solucións para a medicina personalizada, do grupo de María de la Fuente, do IDIS, ven de acadar medio millón de euros de financiamento do programa Ignicia, de GAIN, que ten como obxectivo apoiar a transferencia da investigación xerada nos centros de investigación de Galicia ao mercado. Nanoevers é o resultado do traballo dun equipo de investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) liderado por María de la Fuente Freire, e do que forman parte Rafael López López, Abi Judit Vázquez Ríos, Ana Belén Dávila Ibañez e Gloria García López. O grupo desenvolveu un novo tipo de nanosistemas, altamente biocompatibles e versátiles, adecuados para actuar como transportadores de fármacos e biomoléculas terapéuticas para o tratamento do cancro e outras enfermidades prevalentes.
Esta tecnoloxía achegará en tres anos solucións personalizadas adaptando a terapia ás necesidades específicas de cada doente. Este tipo de nanopartículas, moi sinxelas de producir, están compostas de materiais biocompatibles e biodegradables, e son capaces de incorporar tanto fármacos convencionais de baixo peso molecular, como biomoléculas, e mesmo axentes de contraste para aplicacións relacionadas coa terapia e o diagnóstico de enfermidades. O proxecto rematará coa constitución dunha Spin-off que ofertará servizos baixo demanda e comercializará kits para facilitar o uso da tecnoloxía. Ademais, contará cunha terceira liña de maior risco e beneficio potencial, destinada a desenvolver novos nanomedicamentos oncolóxicos para frear o crecemento das metástases.
“Ofertaranse servizos, sobre todo destinados á encapsulación de biomoléculas terapéuticas, como péptidos, proteínas, ou terapias xénicas, que presentan un potencial enorme para o tratamento de numerosas enfermidades, incluíndo non só cancro senón tamén outras patoloxías, desde enfermidades infecciosas ata medicina rexenerativa”, subliña María de la Fuente.
Nanoevers é por tanto un proxecto moi ambicioso, que pretende trasladar a tecnoloxía ao mercado, contemplando tres liñas de actuación. “Queremos avanzar cara a medicina personalizada, e a nosa plataforma tecnolóxica é adecuada para ofrecer solucións versátiles en función da demanda”, subliña de la Fuente.
48 proxectos presentados a Ignicia
Nanoevers é un dos sete proxectos financiados nesta segunda convocatoria do Programa Ignicia, de GAIN, e que en total recibirán un financiamento de máis de 2,6 millóns de euros e contarán con apoio para a implementación do plan de desenvolvemento e comercialización. Os sete proxectos veñen sumarse aos nove impulsados pola primeira convocatoria do Programa.
Nesta convocatoria presentáronse un total de 48 proxectos promovidos por centros de coñecemento galegos. Dos sete proxectos seleccionados, un está promovido pola Fundación IDIS (NANOEVERS, solucións para medicina personalizada). Do resto, tres están promovidos pola Universidade de Santiago de Compostela, dous pola Universidade de Vigo, e o outro pola Universidade da Coruña.
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) destacou a excelencia científica dos proxectos financiados, nos que participan un total 48 investigadores. Ademais, tres dos proxectos seleccionados tiñan participado xa na edición anterior do Programa Ignicia e, tras implementar as melloras identificadas nos informes de avaliación, conseguiron finalmente resultar seleccionados nesta nova convocatoria do Programa.