O CINBIO de Vigo superou os 200 millóns en contratos en tres anos

O Centro de Investigacións Biomédicas fixo 550 publicacións e creou cinco spin-offs dende 2016

213 persoas integran a día de hoxe o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, un centro singular de investigación, que botou a andar no ano 2009 e que hoxe, unha década despois da súa creación, reuniu ao seu persoal no seu primeiro encontro anual, co obxectivo de facer balance, coñecer o traballo dalgúns dos grupos de investigación que o integran e premiar a, neste caso, á investigadora Ana Sousa pola publicación do artigo con maior índice de impacto IF 2018.

“É un día de festa, de encontro persoal do centro e que queremos que teña continuidade. Un día para todos, para poñer cousas en común e recoller opinións, co obxectivo de seguir progresando, coñecernos mellor, tender pontes entre os grupos e sobre todo entre o alumnado pre e postdoc”, explica África González, directora do Cinbio.

Publicidade

Precisamente foi a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo a encargada de facer balance da traxectoria do Centro de Investigacións Biomédicas desde o seu nacemento ata a actualidade e fixar algúns obxectivos, que considera que o Cinbio debe enfrontar, como acadar o financiamento que outorga a Xunta para asegurar a súa continuidade como centro singular de investigación de Galicia ou a necesidade de incrementar a colaboración dos grupos do centro coas empresas.

Ana Sousa recibiu un galardón polo artigo máis citado.

González foi a primeira en tomar a palabra neste encontro no que Mercedes Peleteiro, responsable do Servizo de citometría, foi a encargada de detallar a actividade e equipamentos cos que contan os cinco servizos que integran na actualidade o Cinbio, á espera da entrada en funcionamento en breve do Laboratorio de contención biolóxica nivel 3.

Publicidade

Pola súa banda, os investigadores David Posada e Herminia Domínguez detallaron o traballo que desenvolven no Laboratorio de Filoxenómica e no Grupo EQ-2, respectivamente, mentres que Yolanda Diz e Gustavo Bodelón achegaron ás e aos asistentes á xornada a súa experiencia como investigadores emerxentes. Tras a celebración dun espazo para a posta en común de ideas, a sesión finalizou coa entrega a Ana Sousa do premio ao artigo orixinal con maior IF 2018.

Tras lembrar o seu inicio no ano 2009 e a importancia que para o desenvolvemento do centro tivo a concesión do proxecto europeo Biocaps, África González repasou as grandes cifras do Cinbio, “que se estableceu cunha base multidisciplinar, colaborando con hospitais e con algunhas áreas únicas en Galicia, coa misión de crear e transferir coñecemento e innovación no ámbito biomédico, baixo un enfoque colaborativo e multidisciplinar”, lembrou a directora.

213 persoas, das que 120 son mulleres e 93 homes, traballan a día de hoxe no Centro de Investigacións Biomédicas, que xerou entre os anos 2016 e outubro de 2018 un total de 552 publicacións, cun ratio de 13 publicacións de media ao ano e un factor de impacto acumulado de 2352 e un factor de impacto medio de 4,62.

O financiamento acumulado entre 2016 e 2018 ascendeu a máis de 20 millóns de euros e o número de patentes e software, durante ese período, ascendeu a 27. En canto aos proxectos activos, no ano 2018 eran 55, tres máis que en 2017 e nove máis que en 2016.

“Nestes tres anos desenvolvéronse ademais cinco spin-off e é difícil crear máis nun centro como o noso, pero amosa que temos xente innovadora e con ganas de desenvolver empresas”, explicou González, que tamén destacou na súa exposición a recente consecución do certificado ISO 9001 nos servizos de Bioexperimentación, Citometría de fluxo, Bioloxía molecular, Histoloxía e Microscopía e Interaccións moleculares, que conforman o Cinbio.

Ademais dos traballos de investigación que o centro desenvolve nas súas cinco liñas de traballo principais: cáncer, inmunidade e inflamación, neurociencias, biosaúde e obesidade e as transversais: bioestatística/bioinformática e novos métodos de prevención diagnose-terapia, a directora do Cinbio lembrou as actividades que o seu persoal tamén leva a cabo no ámbito da divulgación coa celebración de xornadas de portas abertas e actividades como Pint of Science.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación