Un fármaco mostra resultados prometedores para tratar a endometriose

Os ensaios clínicos están na fase 3 e apuntan a unha redución significativa da dor pélvica e das cambras menstruais, amais de poucos efectos secundarios

A endometriose é unha enfermidade crónica.
A endometriose é unha enfermidade crónica.

Non hai unha cura. Tampouco unha causa clara. E iso que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), afecta ao 10% das mulleres de todo o mundo que están na idade reprodutiva. É unha enfermidade crónica que cursa con dor intensa, limitando a vida das doentes, e que, en ocasións, pode derivar en depresión, ansiedade e infertilidade. A día de hoxe, a única maneira de mellorar as condicións de vida das pacientes é controlando os síntomas. E parece que hai motivos para a esperanza. Un fármaco da empresa biofarmacéutica Obseva (con sede en Suíza) mostra resultados prometedores para tratar a dor asociada á endometriose e presenta poucos efectos secundarios. Está xa na fase 3.

Enfermidade crónica

A endometriose é unha enfermidade crónica causada polo crecemento dun tecido similar ao útero noutras partes do corpo. Pode ser unha doenza complicada de diagnosticar polo que, en ocasións, non se pode receitar un tratamento eficaz e temperán. Amais disto, hai poucos medicamentos aprobados para o seu uso. E os que hai teñen importantes efectos adversos, como a perda significativa de densidade ósea ou a aparición de síntomas semellantes á menopausia (sofocos, insomnio, cambios de humor…). Este novo fármaco experimental, denominado linzagolix, podería supor unha alternativa.

De feito, tamén serve para tratar a dor asociada ao sangrado menstrual abundante dos fibromas uterinos. E a finais de 2021 a Axencia Federal de Medicamentos dos Estados Unidos revisou os resultados dos ensaios clínicos de fase 3 para tratar esta segunda doenza. É probable que isto tamén poida acontecer coa endometriose aínda que, de momento, é preciso manter a cautela. Os resultados son prometedores pero requiren dunha revisión por pares.

Os ensaios clínicos

Durante os ensaios clínicos probáronse dúas doses diarias diferentes de linzagolix: unha de 200 mg e outra de 75 mg. Coa primeira dose, as doentes recibiron unha terapia hormonal “complementaria”, posto que o fármaco actúa no cerebro para reducir a produción de estróxenos nos ovarios. Os resultados destes ensaios mostraron unha diminución das cambras menstruais frecuentes e severas, así como da dor pélvica. Todos estes síntomas, segundo informan dende o portal ScienceAlert, foron mellorando nos seis meses seguintes e os efectos secundarios da administración foron limitados.

Amais disto, a dose máis baixa, a de 75 mg, non mostrou “ningún impacto clinicamente significativo” sobre a densidade ósea. A dose máis alta mostrou perda, aínda que foi mínima. Dende Obseva indican que a administración máis baixa estase probando como opción para aquelas doentes que non poden ou non desexan tomar hormonas con terapia complementaria. E aínda que os resultados hai que tomalos con cautela e paciencia, é positivo que se estean a realizar ensaios clínicos e estudos que poñan o foco na dor xinecolóxica. Algo que tamén reivindica a OMS, co obxectivo de que o diagnóstico sexa precoz e os tratamentos máis eficaces.

“Se ben houbo avances recentes no tratamento da endometriose non cirúrxica, aínda existe unha necesidade crítica de opcións terapéuticas para as mulleres que padecen esta afección crónica”, di o investigador Hugh Taylor da Universidade de Yale e director dos ensaios clínicos. Haberá que seguir esperando. Pero, de momento, hai motivos para o optimismo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.