Xoves 28 Marzo 2024

Os expertos da Xunta alertan do turismo como principal ameaza de rebrotes

Os informes encargados ao comité de crise para establecer a data acaída das eleccións advirten do maior risco de contaxios a partir de mediados de xullo

A comparecencia do presidente da Xunta este mércores, na que se expuxo a proposta de celebrar as eleccións autonómicas “axiña” para reducir o risco de posibles rebrotes relacionados coas votacións, serviu tamén para coñecer novos detalles sobre a evolución da pandemia de Covid-19 en Galicia e os posibles escenarios de futuro que manexan os expertos do comité de crise que asesora á Xunta.

Varios dos seus membros, que traballaron en primeira liña nestas semanas no Servizo Galego de Saúde, asinaron informes que apuntaban na mesma dirección, a recomendación de celebrar os comicios canto antes para previr os posibles rebrotes derivados dunha maior circulación de persoas e, por tanto, do virus en Galicia. Aínda que os documentos están centrados nas eleccións, todos os expertos coinciden nun factor: o risco do turismo exterior na aparición de posibles rebrotes do virus en Galicia, debido á chegada de persoas procedentes de lugares con maior circulación do SARS-CoV-2. Ademais disto, os informes achegan por primeira vez algúns detalles descoñecidos ata agora sobre a crise en Galicia, debido á dificultade para acceder a algúns dos datos.

Publicidade

A reacción do sistema galego de saúde

O documento máis extenso é o da Dirección Xeral de Saúde Pública, asinado polo responsable deste departamento, Andrés Paz-Ares Rodríguez, e o subdirector xeral de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada. As súas consideracións xiran, segundo indica o título, sobre “o entorno máis propicio para celebrar as eleccións autonómicas”.

O texto repasa a actuación do sistema sanitario en Galicia desde o comezo da crise, e achega un dato relevante non coñecido ata agora: a transmisión comunitaria do virus en Galicia (cifras que só teñen en conta os casos confirmados por probas PCR) sen sumar os positivos detectados en persoal sanitario do Sergas e as residencias sociosanitarias. É dicir, dalgún xeito, os momentos nos que o virus circulou ‘libremente’ por Galicia.

Casos detectados en Galicia sen ter en conta os datos de residencias sociosanitarias e persoal sanitario. Fonte: Dirección Xeral de Saúde Pública.
Casos detectados en Galicia sen ter en conta os datos de residencias sociosanitarias e persoal sanitario. Fonte: Dirección Xeral de Saúde Pública.

Despois de repasar a situación nos hospitais e cada unha das áreas sanitarias, o documento afonda tamén noutro detalle descoñecido ata agora, e só transmitido verbalmente nas comparecencias dos cargos da Xunta de Galicia: o número de concellos sen transmisión comunitaria con data do 11 de maio. Nas dúas semanas antes desa data (desde o 27 de abril), houbo 229 concellos nos que viven 864.514 persoas, onde non se detectaron casos. A cifra sobe ata os 291 concellos e 1.743.132 habitantes desde o 8 de abril.

Ademais das consideracións xerais sobre as pandemias, o informe de Saúde Pública ofrece algunhas reflexións específicas sobre a crise en Galicia. Neste sentido saliéntase a tardía chegada do virus á comunidade, a diferenza doutras zonas da península ibérica, que provocou unha incidencia menor nas primeiras semanas.

Desde o 27 de abril houbo 229 concellos sen casos de transmisión comunitaria

Paz-Ares e Hervada tamén destacan na súa análise un dato que constatou, en parte, o resultado preliminar do estudo de seroprevalencia ENE-Covid19: Galicia foi unha das comunidades autónomas que máis casos detectou en proporción á prevalencia ‘real’ do virus na poboación, debido á elevada realización de PCR e á escasa cifra de positivos en relación ao total de probas realizadas.

O texto pasa a expoñer as medidas de detección precoz e seguimento de casos que se desenvolveron en Galicia, como a plataforma Telea, a atención telefónica, o sistema Vixía ou o cribado en residencias sociosanitarios e centros médicos, así como o estudo de seroprevalencia que concluíu a primeira das dúas fases previstas.

O factor do turismo

Porén, o informe detense, como o resto dos difundidos pola Xunta, no factor que “pode alterar a situación”: a chegada “múltiple e descontrolada” de persoas doutros territorios “que poden iniciar cadeas de transmisión que pasen desapercibidas no seu inicio por un menor acceso ao sistema asistencial”.

Neste sentido, o texto cita nomeadamente ao turismo, que en Galicia acada o seu máximo “na segunda quincena de xullo e a primeira do mes de agosto”, que mesmo se estende ata setembro. “Esta afluencia de turistas pode multiplicar, nunha cifra imposible de determinar neste momento, as posibilidades de entrada de novas infeccións na comunidade, o que pode provocar pequenos repuntes de casos que poden obrigar á volta a novas restricións da vida social e de certas actividades habituais”.

Ante isto, e debido ao alto grao de incerteza que o factor do turismo pode engadir, Saúde Pública expón que “un novo repunte da onda será moito máis probable que ocorra no mes de agosto que en xullo”, e cun risco que seguirá “no mes de setembro pola acumulación de oportunidades de exposición durante os dous meses previos”.

Todos estes datos levan a recomendar, por tanto, o marco temporal máis axeitado para as eleccións serían a “última semana de xuño e as primeiras de xullo“. Sempre, iso si, garantindo as medidas estritas de hixiene e distanciamento, tanto na campaña electoral como no día das votacións, así como de control estreito para previr a posible aparición de casos e contactos nestes eventos.

A evolución da pandemia

No referente á futura evolución da pandemia, a Xunta de Galicia fixo públicos dous informes, asinados por Pedro Rascado Sedes, presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias, e Enrique Míguez Rey, xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do Chuac. Os dous son membros da comisión de crise da Covid-19.

O primeiro dos documentos, do doutor Rascado, expón algúns dos modelos de predición que se están a desenvolver no mundo e os distintos escenarios posibles, como os presentados polo Cidrap da Universidade de Minnesota e que analizou a pasada semana en GCiencia o científico Antonio Figueras.

Para cando a segunda ondada?

Ante isto, Rascado prevé “unha transmisión de baixo nivel nos vindeiros meses”, co que “para evitar novos picos epidémicos” sería preciso, ademais da distancia social, “extremar as precaucións para controlar a evolución de casos tras movementos poboacionais”, sobre todo no relacionado co período estival. Do mesmo xeito, o experto avanza que o posible pico de outono “dependerá do comportamento estacional do virus e o mantemento das medidas de control”.

Pola súa parte, o doutor Míguez Rey comeza analizando no seu informe a situación no Chuac, no que se segue detectando “máis dun caso por semana de portadores asintomáticos ao realizar PCR como medida preoperatoria”. Ante isto, debido á relevancia dos ‘contaxiadores’ non detectados na propagación da epidemia durante estes meses, apunta o experto que “nos enfrontamos a un futuro inmediato incerto” debido ás reticencias de parte da poboación sobre o uso da máscara de protección e a ausencia de distancia social. “A pesar da baixa circulación do virus na nosa poboación” poden aparecer “rebrotes que non sexamos quen de atallar en tempo e forma, dando lugar a pequenas ondadas”, debuxando unha situación de acordeón.

Enrique Míguez advirte de posibles rebrotes “de amplitude non predicible” a partir da terceira semana de xullo

Ante isto, coas incertezas respecto ao papel dos chamados “supercontaxiadores” (Míguez cita o caso de Corea do Sur), e o maior risco derivado das “posibles chegadas ao principio do verán”, “é facilmente esperable un rebrote máis duro do actual, cun impacto pouco predicible e no que todo o logrado se perda na baixada deste porto de montaña”.

Conclúe o informe de Enrique Míguez que “sería esperable un pequeno rebrote nas 2-3 semanas próximas” e “un rebrote de amplitude non predicible” “a partir da terceira semana de xullo”, que condiciona, como menciona no mesmo documento, á relaxación da poboación nas medidas de prevención e a posible chegada de casos importados.

“Territorio illado epidemiolóxicamente”

O traballo restante, asinado por Manuel José Vázquez Lima, xefe de servizo de Urxencias do CHOP e presidente en Galicia da Sociedade Española de Medicina de Urgencias y Emergencias (SEMES), expón a previsión da situación nos servizos hospitalarios no “futuro inmediato”. Explica Vázquez Lima que por mor da crise da Covid-19, as urxencias tiveron en Galicia unha menor afluencia por mor das reservas de parte de poboación a acudir a elas polo temor á infección.

Cara ao futuro, o informe avanza que a situación histórica dos servizos de urxencias e emerxencias nos hospitais galegos amosa “un descenso na media diaria de urxencias totais” durante xuño e a primeira semana de xullo, pero que  “a partir de mediados” deste mes e durante agosto se observa en determinadas áreas sanitarias un incremento causado pola “influencia do turismo”.

Ante isto, o documento traza unha hipótese de traballo con distintos escenarios. No “marco teórico ideal”, o 30 de xuño acabaría a fase III da desescalada, no que Galicia deixaría de funcionar como “un marco poboacional pechado”, tendo en conta ademais que a situación de Castilla y León, aínda na fase 0, só permitiría o contacto directo con Asturias nesa data. Ademais, a elevada afluencia de turistas estivais dese Madrid, tamén en fase 0, veríase retrasada no tempo. Isto sitúa, segundo Vázquez Lima, a Galicia como “un territorio illado epidemiolóxicamente” ata o 15 de xullo.

Esta situación retrasaría por tanto, a xuízo do informe, o incremento de afluencia nos hospitais debido a casos importados de áreas cunha maior circulación do virus. O escenario tamén contempla unha maior afluencia de persoas con patoloxías crónicas ata agora remisas a acudir, así como a reactivación da actividade cirúrxica, pero que en todo caso non compensaría a caída producida pola crise da Covid-19.

Tendo en conta de que se cumpran en boa medida as recomendacións sanitarias (hixiene, distanciamento social, máscaras, etc.) así como os sistemas de detección precoz xa activados, e mesmo obviando a posible influencia negativa do sol e a calor na circulación do virus, o informe conclúe que non é esperable un aumento de actividade de emerxencias en Galicia ata a primeira quincena de xullo.


Consulta aquí os informes científicos (PDF):

Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Informe de Manuel José Vázquez Lima, presidente en Galicia da Sociedade Española de Medicina de Urgencias y Emergencias (SEMES) e xefe de servizo de Urxencias do CHOP.

Informe de Enrique Míguez Rey, responsable da Unidade de Enfermidades Infecciosas do Chuac.

Informe de Pedro Rascado, presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.