Os últimos meses estiveron marcados por un goteo de alertas sanitarias. Primeiro foi a covid, e logo sumáronse a varíola do mono e a hepatite aguda infantil de causa descoñecida. Malia que todos os anos se rexistran casos desta doenza, o aumento sostido nun curto prazo de tempo espertou preocupación entre a comunidade científica. Segundo os últimos datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), xa suma 1.010 casos en todo o mundo. Agora, un equipo de investigación internacional está tratando de esclarecer as causas. Un estudo no que participan os científicos galegos Federico Martinón-Torres e Antonio Salas vén de corroborar que a hepatite aguda infantil é infecciosa e que, probablemente, se deriva dunha colaboración entre virus: o adenoasociado tipo 2 (AAV2) cun adenovirus ou un herpes virus.
“O AAV2 é un virus pequeno. Xeralmente é tan inofensivo que se utiliza como posible vector para tratamentos”, explica Martinón, tamén xefe de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Segundo continúa analizando o investigador, este tipo de virus non ten capacidade para replicarse por si só, senón que precisa doutros patóxenos. A este respecto, engade: “Atopar un adenoasociado de tipo 2 pode ser, realmente, un marcador de coinfección”. De feito, o pediatra asegura que a meirande parte da poboación adulta estivo en contacto con este virus sen ser realmente consciente. “O interese desta achado é que se atopa o adenoasociado 2 en todas as mostras de casos, incluso na maioría de mostras de fígado”, apunta. Ao tempo, explica que os nove nenos participantes comparáronse cun grupo de control de rapaces sans, da mesma idade e etnia ou que, incluso, tiñan hepatites doutras etioloxías. De todas formas, Martinón subliña que é preciso seguir investigando, dado que só foron 9 o número de casos a estudo.
“O adenoasociado 2 é considerado inofensivo e precisa doutros virus para poder replicarse”
FEDERICO MARTINÓN-TORRES, pediatra e investigador
Ata o de agora, foron moitas as hipóteses que se barallaron tratando de atopar unha causa ao gromo de hepatite aguda infantil. Porén, a posibilidade de que o adenoasoaciado 2 xogase un papel crucial na doenza non entraba dentro das opcións de Martinón. De feito, o investigador insta á prudencia: “Pode que só sexa un marcador da infección por adenovirus ou herpes virus, pero dálle validez específica ao gromo que houbo de adenovirus e que si se contemplaba como unha posibilidade”. E insiste en que o aumento sostido de casos nun curto período de tempo, tal e como se recolle no estudo, puido ser unha confluencia de distintos factores. Amais, recalca que as hepatites agudas infantís de causa descoñecida non son unha doenza nova, senón unha enfermidade da que se notifican casos todos os anos. “Pode que este traballo nos estea dando unha pista para a identificación da causa de moitas desas hepatites que xa existían antes da pandemia”, puntualiza Martinón, dando conta da importancia do achado.
O confinamento, un factor clave
A maiores desa posible colaboración entre virus, un factor clave á hora de explicar o actual gromo de hepatite aguda infantil é o confinamento. As continuas restricións, as corentenas e os longos períodos de encerro na casa obrigaron a moitos menores a reducir a súa exposición no exterior e, polo tanto, aos diferentes patóxenos. “Habitualmente, os nenos están en contacto con estes axentes virais. Pero coa crise sanitaria deixaron de estar expostos durante dous anos a estes patóxenos. Polo tanto agora, en vez de ter os casos graduados, aparecen de golpe”, indica Martinón. De todas formas, o investigador cre que será o paso do tempo o que dea validez a esta explicación e se demostre se os números volven ou non á normalidade. “Coincidiu, sobre todo, en determinados países onde se incrementaron as cifras cando se comparaban cos números de base”, indica. E cre que un aspecto clave estaría no aumento dos transplantes hepáticos infantís. “Non se produciu un incremento significativo”, asevera.
“Debido ao confinamento, os casos aparecen de golpe e non graduados”
FEDERICO MARTINÓN-TORRES, pediatra e investigador
En relación co confinamento, unha das hipóteses que se barallaba como posible causa —ou que, polo menos, tivera certa influencia no desenvolvemento da doenza— era a infección por coronavirus. “Iso xa podemos descartalo case por completo”, asegura Martinón. E engade: “Non se ven diferenzas de positividade na infección aguda, nin na documentación de infeccións expostas previamente”, matiza. Ao tempo, recalca que o patóxeno que si estaba presente “no 100% dos nenos” era o adenovirus asociado de tipo 2. Amais diso, insiste en que as vacinas anticovid non teñen ningún tipo de relación coa hepatite aguda infantil. Xa dende o principio, esta era unha das hipóteses que primeiro se descartou. “Os nenos afectados nin sequera teñen a idade para recibir a vacina”, argumenta Martinón.
As variantes xenéticas
Outro dos factores que puido influír no aumento de casos foi a detección dunha variante xenética pouco frecuente na poboación xeral. Todos os pacientes a estudo, menos un, presentaban esta predisposición, que os fai máis vulnerables a ter hepatite aguda infantil. “A combinación entre esta variante, unha menor exposición aos patóxenos e a colaboración entre o adenoasociado tipo 2 co adenovirus ou co herpes virus é un cóctel que deriva na propia enfermidade”, explica o investigador. Porén, atopar esta variante xenética non é, de momento, determinante, sobre todo porque o equipo traballou cunha serie moi pequena de casos. “Máis ben sería entender un fenómeno de autoinmunidade que explicaría por que estes virus, que habitualmente non son graves na infancia, si o son nestes casos”, apunta Martinón.
De todas formas, o estudo non pescuda en cales poden ser as causas de que algúns pacientes desenvolvan a enfermidade grave fronte a outros, requirindo un transplante ou chegando incluso a falecer. Para iso, precisaríase de máis investigación e unha mostra máis ampla de casos. Amais disto, o artigo, polo menos de momento, non modificará o tratamento que se aplica a día de hoxe para a hepatite aguda infantil. “As liñas a seguir a partir de agora serán a de buscar a maneira de demostrar isto en diferentes cohortes. Replicalo, incluso en modelos animais, e ver se a nosa hipótese e os datos se poden confirmar”, apunta Martinón, tamén coordinador clínico da rede DIAMONDS, que recolle mostras de pacientes con procesos infecciosos, tanto adultos coma nenos, e que está detrás desta investigación sobre a hepatite aguda infantil de causa descoñecida.
Referencia: Adeno-associated virus 2 infection in children with non-A-E hepatitis (Prepint en MedRxiv)