Dous estudantes crean un dispositivo contra infeccións postoperatorias

Jesús Gago e Carlos de Frías, que cursan Medicina na USC, desenvolveron BactiDec, un dispositivo capaz de cuantificar bacterias en tempo real

As infeccións postoperatorias son unha complicación máis habitual do que parece nas persoas que afrontar intervencións cirúrxicas. Segundo os datos do Estudo de Prevalencia das Infeccións Nosocomiais de España (EPINE- EPPS) a prevalencia destas situacións postoperatorias está arredor do 8% en España. É dicir, case un de cada dez pacientes exponse a padecelas tras unha intervención cirúrxica. Detrás deste problema está a solución proposta por José Gago e Carlos de Frías, dous estudantes de 5º de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos crearon BactiDec, un dispositivo do tamaño dunha caixa de mistos, co que acaban de recibir o premio a mellor proxecto do ano do programa Explorer “Mozos con ideas” impulsado por Banco Santander e coordinado por CISE, polo que recibirán 30.000 euros.

Os promotores de BactiDec comezaron a desenvolver a idea despois das experiencias adquiridas nas diversas rotacións realizadas durante os seus estudos, puideron comprobar como as infeccións postoperatorias eran un problema real na práctica clínica diaria. A partir da experiencia de Gago no campo da robótica e a impresión 3D, puideron desenvolver un prototipo do que sería unha posible solución para este problema.

Publicidade

A partir disto, os estudantes realizaron máis de 100 entrevistas a xerentes hospitalarios, médicos, cirurxiáns, enfermeiros e persoal auxiliar que lles permitiron validar as hipóteses e chegar a un produto final adaptado ás necesidades dos profesionais. A continuación, despois de meses de investigación, desenvolveron un algoritmo que lle permite ao cirurxián coñecer en tempo real o número de bacterias presentes na ferida cirúrxica simplemente apertando un botón, o que aforra tempo, custos á sanidade e axuda a salvar vidas.

O dispositivo poderá tamén contribuír a reducir o custo por paciente, que pode chegar aos 90.000 euros en caso de experimentar estas dificultades postoperatorias. Tal e como lembran os creadores de BactiDec, no XXI Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria indicouse estas infeccións son a complicación máis frecuente en cirurxía e incrementan en máis dunha semana de media a estancia hospitalaria do paciente afectado. Ademais, en España o 10% das persoas sométese a unha intervención cirúrxica ao ano, polo que o impacto económico positivo deste dispositivo para o sistema sanitario español pode resultar moi significativo.

Publicidade

O dispositivo de BactiDec

BactiDec ten o tamaño dunha caixa de mistos e un deseño simple cun único botón que permite acender o aparello e realizar as medicións, o que o fai facilmente manipulable tanto por cirurxiáns como por persoal de enfermería, sen necesidade dun adestramento previo. O dispositivo xa foi probado por cirurxiáns e espertou o interese tanto do colectivo médico como de varias empresas da industria sanitaria.

Ao coller unha mostra da ferida cirúrxica o dispositivo reflicte en pantalla o número de bacterias por centímetro cúbico de tecido analizado en notación científica, o que permite facer unha rápida aproximación aos límites de contaminación e infección, ou cantidade de bacterias volumétricas (CBV). Ademais, conta cunha gráfica que obxectiva os aumentos e diminucións de cantidade de bacterias en medicións consecutivas, que resulta moi útil á hora de establecer gradientes de cantidade bacteriana ao longo do sitio cirúrxico.

Segundo subliñan os seus creadores, o que diferencia a BactiDec das alternativas existentes é a franxa clínica na que se pode aplicar e a súa capacidade de brindar información que permita tomar medicións en tempo real. As outras opcións de prevención utilízanse antes e durante o acto cirúrxico, pero ata a aparición de BactiDec non era posible obxectivar se a súa aplicación fora correcta. As alternativas para o diagnóstico das infeccións postoperatorias aplícanse unha vez existen signos ou síntomas que nos fagan sospeitar dunha posible doenza e implican sempre pasar por laboratorios de microbioloxía.

Pola contra, este dispositivo anticípase á aparición dos síntomas clínicos dunha infección e ofrece unha solución no período de tempo comprendido entre as medidas de prevención e os posibles métodos diagnósticos utilizados para tipificar o tipo de bacterias, complementándoos unha vez establecida a sospeita.

Nos días posteriores á cirurxía pódese realizar un seguimento con medicións do CBV para comprobar que as medidas hixiénicas son correctas e, no caso de que se produzan cambios na cuantificación, esta información pode terse en conta para a toma de decisións como medida obxectiva para establecer unha profilaxe antibiótica.

O traballo de José Rodríguez e Carlos de Frías xa se encamiña agora cara a novos proxectos. A startup que crearon investiga para desenvolver un segundo dispositivo pensado para ser utilizado en cirurxía laparoscópica que consta da pequena caixa onde se atopa o aparello, pero que incorpora un filamento con pico de papagaio que permite morder pequenas cantidades de tecido para realizar medicións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cunchas de moluscos, as grandes aliadas do sector da bioconstrución

A empresa Extraco promove o emprego de materiais de orixe biolóxica para a fabricación de morteiros ou formigóns

Que infeccións podemos contraer nas piscinas?

Os nenos, as mulleres embarazadas e as persoas inmunocomprometidas teñen un maior risco de contraer unha infección mentres nadan

Un científico galego descobre os poderes do veleno de avespa contra as superbacterias 

César de la Fuente: “O logro abre novas portas para deseñar novos antibióticos inspirándonos nos velenos do mundo natural"

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo