Durmirse entre as 10 e as 11 da noite asóciase a menor risco de problemas cardíacos

Un estudo con miles de persoas durante seis anos expón que as persoas que se deitan máis tarde, en especial as mulleres, teñen máis probabilidades de padecer estas doenzas

A ciencia dispón de numerosas evidencias que relacionan a mala calidade do sono cun maior risco de padecer enfermidades cardiovasculares (ECV). Baixo esta premisa impulsouse un estudo que contou coa información do Biobanco do Reino Unido, unha base de datos utilizada para análises a grande escala da saúde da poboación, complementándoo co uso de acelerómetros incluídos nos wearables, pulseiras portátiles que miden os parámetros do corazón. E o estudo resultante, publicado este mércores European Heart Journal – Digital Health, suxire “a posibilidade dunha relación entre o momento de inicio do sono e o risco de desenvolver ECVs, particularmente en mulleres”.

O equipo, formado por investigadores da Universidade de Oxford e a compañía Huma Therapeutics, descubriu que ficar durmido despois da medianoite ou antes das 22 horas asociouse cun aumento de arredor do 25% no risco de problemas cardíacos, en comparación ás persoas que aplanaban a orella entre as 10 e as 11 da noite. O aumento de risco no caso das persoas que quedan durmidas entre as 23 horas e a medianoite era do 12%.

Publicidade

“O momento de maior risco foi despois da medianoite, potencialmente porque pode reducir a probabilidade de ver a luz da mañá, que axuda a reestablecer o reloxo biolóxico, explica David Plans, autor principal do artigo. Para chegar a esta conclusión, o equipo comparou o sono durante un período dunha semana cos resultados de saúde posteriores, seguidos durante seis anos, o que incluíu 3.172 casos de enfermidades cardiovasculares.

A tendencia observada mantívose ao peneirar estes datos en función da idade, o sexo, a duración do sono, o feito de madrugar ou espertar máis tarde, o tabaquismo, peso, diabetes, presión arterial, nivel de colesterol ou nivel socioeconómico. Sobre o maior risco nas mulleres, os investigadores non o teñen claro. “Pode ser que exista unha diferenza por sexo na forma en que o sistema endócrino responde a unha interrupción no ritmo circadiano”, suxire Plans, ou que, ademais, inflúa a idade avanzada dos participantes no estudo, xa que o risco de ECVs nas mulleres aumenta trala menopausa.

“O corpo ten un reloxo interno de 24 horas, o ritmo circadiano, que axuda a regular o funcionamento físico e mental. Se ben non podemos concluír a causalidade do noso estudo, os resultados suxiren que é máis probable que a hora de deitarse tarde ou cedo altere este reloxo, con consecuencias adversas para a saúde cardiovascular”, resume David Plans.

Os autores aclaran que non é posible determinar se este maior risco ven só determinado polo feito de durmirse máis tarde ou por factores relacionados con esta situación, como por exemplo os malos hábitos nocturnos, ou o estrés que dificulta conciliar o sono. Do mesmo xeito, insisten nas limitacións do estudo polas características das persoas estudadas, predominantemente caucásicas e de entre 43 e 79 anos, o que limita a evidencia no caso doutros grupos demográficos. Con todo, apuntan, os datos biométricos eliminan algúns dos posibles nesgos.

E, do mesmo xeito, os resultados van na liña de traballos previos que amosan un maior risco de ECVs para as persoas que van á cama tarde. “A desaliñación dos comportamentos co reloxo circadiano ten consecuencias na inflamación e pode afectar á regulación da glicosa, o que probablemente incrementa o risco de doenzas cardiovasculares”, explicou David Plans a The Guardian.

“Se os nosos achados se confirmasen noutros estudos, o horario e a hixiene básica do sono poderían ser un obxectivo de saúde pública de baixo custo para reducir o risco de enfermidade cardíaca”, conclúe o científico.


ReferenciaAccelerometer-derived sleep onset timing and cardiovascular disease incidence: a UK Biobank cohort study (Publicado en European Heart Journal – Digital Health).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego revela que os infartos en mulleres tardan 23 minutos máis en atenderse

Dúas investigacións realizadas por expertos da área sanitaria de Vigo afondan nas diferenzas entre sexos nas enfermidades cardiovasculares

Galicia e o norte de Portugal alíanse para a detección precoz de doenzas cardiovasculares

O proxecto New Heart é unha iniciativa transfronteiriza pioneira en cardioloxía para mellorar a calidade de vida dos pacientes da eurorrexión

Identificado un mecanismo que podería reducir a calcificación vascular en diabéticos

O estudo do CiMUS abre a porta á prevención e tratamento doutras patoloxías como a enfermidade renal crónica

Estes 10 alimentos poden prexudicar o teu corazón

O colesterol elevado, a presión arterial alta, a diabetes ou o sedentarismo son os principais factores de risco para as enfermidades cardiovasculares, que representan a segunda causa de morte en España