Universidade de Vigo, ciencia e innovación de referencia internacional

A institución conta con centros de investigación de vangarda únicos en Galicia

Un ano e medio despois seguimos inmersos nunha pandemia mundial que puxo contra as cordas á nosa sociedade, provocando nela tal impacto que colocou a ciencia na primeira páxina da axenda pública, conseguindo poñer en valor a importancia da I+D+i e do traballo desenvolvido polo persoal investigador espallado polo mundo. Na nosa contorna, a Universidade de Vigo tamén uniu forzas tratando de poñer as súas capacidades e coñecementos ao servizo da cidadanía. Este é un traballo que xa formaba parte do ADN e do día a día das científicas e científicos dos cinco centros de investigación que conforman esta universidade, achegando solucións aos problemas actuais e futuros e colocando a Galicia no mapa da innovación científica e tecnolóxica.

atlanTTic: tecnoloxía de vangarda feita en Galicia

O Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), formado por 11 grupos de investigación e 160 profesionais que inclúen persoal investigador e de xestión, concentra as capacidades científicas da UVigo no campo das Tecnoloxías da Telecomunicación. O centro sitúase á vangarda da I+D vinculada ás comunicacións, aos servizos dixitais e á ciberseguridade como tres grandes áreas de traballo, entre as que destacan liñas de investigación como a seguridade e a privacidade, as redes de datos, o radar e a teledetección ou os servizos de Internet, entre outras. “atlanTTic busca dar resposta ás necesidades e desafíos da sociedade dun xeito moi transversal xa que traballamos en diferentes campos como o da saúde, por exemplo, contribuíndo ao envellecemento activo, ou nas comunicacións en xeral co 5G e o seu impacto en diversos aspectos da vida cotiá”, salienta o seu director Martín Llamas. Ademais destaca os 36 proxectos de investigación nos que están a participar co fin de “acadar resultados con potencial para converterse en solucións demandadas polas empresas e a sociedade”.

Publicidade

O traballo das cientíicas e científicos achega solucións aos problemas actuais e futuros da sociedade.

CIM: referente en ciencia mariña

 Como referente na xeración do coñecemento sobre o medio mariño e costeiro, o Centro de Investigación Mariña (CIM) é o elemento central da estratexia mariña da UVigo. Integrado por 15 grupos de investigación e tres investigadores individuais distribuídos nos campus de Vigo e Ourense desenvolvendo unha vintena de proxectos internacionais e nacionais, o CIM “contribúe á conservación e uso sostible dos océanos, mares e recursos mariños a través da xeración e transferencia de coñecemento baseado na ciencia, a tecnoloxía e a innovación”, comenta o seu director Daniel Rey. Ademais destaca que un dos retos do centro está na “captación de talento excelente para impulsar a investigación en temas emerxentes, como o cambio climático ou a biotecnoloxía mariña, sendo ambos prioridades científicas para o mesmo”. A importancia do sector marítimo-pesqueiro en Galicia fai que o CIM xogue un papel estratéxico e por iso, comenta Rey, “esforzámonos en transferir e divulgar o coñecemento xerado á sociedade, colaborando con confrarías de pescadores, empresas e administracións públicas, traballando para acadar os nosos obxectivos no arco atlántico europeo”.

Cinbio: innovación de excelencia para a saúde

Formado por arredor de 200 investigadoras e investigadores do máis alto nivel, organizados en 15 grupos de investigación sénior e catro grupos júnior, o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) é unha aposta da Universidade de Vigo para desenvolver o ámbito biomédico e biotecnolóxico desde un punto de vista multidisciplinar e colaborativo. Nutrición e benestar, medicina molecular e nanomateriais son, xunto coa informática para a saúde e a bioestatística como área transversal,  as principais liñas de investigación sobre as que traballa o persoal deste centro que, nos últimos catro anos, desenvolveu 24 proxectos internacionais e 51 de ámbito nacional. En palabras do seu director, Miguel Ángel Correa, “transferir coñecemento e innovación no campo biomédico a través das ferramentas da nanotecnoloxía, entre outras, é a misión dun centro como o Cinbio, no que traballamos diariamente para construír unha comunidade científica baseada na excelencia con fin de multiplicar o retorno á sociedade e protexer o futuro da investigación”.

Publicidade

Cintecx: especialización tecnolóxica única en Galicia

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo (Cintecx) aspira a “defender unha capacidade de investigación competitiva no marco europeo, sen deixar de lado as esferas locais e rexionais”, tal e como destaca a súa directora, Concepción Paz. Cun edificio propio e 21 laboratorios no campus de Vigo, “Cintecx capitaliza a súa privilexiada situación xeográfica na cidade olívica, motor económico en sectores clave para o país como a automoción, o naval ou o sector alimentario”. Con este piar como base, o centro concentra o esforzo multidisciplinar de 175 investigadores, das que preto dun 40% son mulleres,  que desenvolven un traballo de I+D+i á vangarda das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o aproveitamento de recursos naturais, a valorización de residuos industriais, ou a intelixencia artificial. Así, “a especialización tecnolóxica de Cintecx en ámbitos como as tecnoloxías do hidróxeno ou o desenvolvemento de novos materiais son os principais retos do seu esforzo investigador, sempre dirixido a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible”.

Ecobas: na procura dun centro con proxección internacional

Posicionarse como un centro de referencia en Galicia, con proxección nacional e internacional, na investigación e transferencia de coñecemento desde a perspectiva económica, ambiental e social é o reto ao que se afronta Ecobas (Economics and Business Administration for Society), un centro de investigación interuniversitario integrado por persoal investigador das tres universidades galegas. A súa axenda científica céntrase en temas como a economía do cambio climático, dos recursos naturais e das novas enerxías, a economía circular, a innovación e estratexia empresarial, ou a igualdade, inclusión social e benestar. O centro dá continuidade á agrupación estratéxica do mesmo nome, nacida no ano 2015,  que nesta nova etapa “aspira a ser un motor de cambio a través da xeración de coñecemento de calidade que axude a resolver os problemas da sociedade, desenvolvendo unha investigación aliñada coas prioridades da nosa contorna e tendo en conta aos axentes socioeconómicos, ademais de impulsar a inclusión e a participación da cidadanía”, destaca o catedrático da Universidade de Vigo e director de Ecobas, Carlos Hervés.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2