Detectan nun colexio de Lalín varios casos de hepatite A

A Consellería de Sanidade mantén desde este mesmo luns unha campaña de vacinación entre escolares, docentes e familiares directos do centro

A Consellería de Sanidade informou este martes, segundo recolle a axencia Europa Press, dun abrocho de hepatite A no CEIP Xesús Gomar de Lalín. Desde este luns, o centro de saúde da vila xa está reforzando o servizo de vacinación contra a doenza, recomendada aos escolares, docentes e familiares directos do centro, xa que a inmunización desta enfermidade non é habitual nos adultos e non está incluída no calendario infantil (que sí inclúe a hepatite B).

En concreto, o Sergas destina tres profesionais de enfermería a realizar a vacinación en quendas de mañá e tarde desde este luns ata o 28 de febreiro. Sanidade explicou que, tras a comunicación de “varios casos de hepatite A en alumnos” do CEIP Xesús Golmar, recomendou a vacinación aos escolares e profesores dos cursos afectados, así como aos seus contactos máis próximos.

Publicidade

O abrocho prodúcese despois de ter detectado un caso a finais de xaneiro, segundo recolleu no seu momento La Voz de Galicia. O pasado venres, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra remitiu unha carta aos familiares e docentes a través da dirección do centro escolar na que especificaba a recomendación da vacinación e outra información sobre a enfermidade, sintomatoloxía e como previr o contaxio.

Ademais, este luns tivo lugar unha reunión de escolares, docentes e familias con persoal de Saúde Pública e do centro de saúde da localidade “para aclarar todas as dúbidas”, segundo a Consellería.

Publicidade

Síntomas da hepatite A

Esta doenza ocasiona unha inflamación do fígado causada pola infección do virus da hepatite A (VHA). O virus adoita transmitirse por vía oral (auga e alimentos contaminados) pero tamén se pode transmitir, a diferenza das outras variantes habituais (B e C, que se transmiten a través do sangue e agullas ou materiais cortantes contaminados ou mediante relacións sexuais), por vía fecal-oral, mediante prácticas sexuais como o sexo oral (boca-pene ou boca-ano) con persoas enfermas con hepatite A.

Entre os síntomas, segundo informa o web do Sergas, están o cansazo extremo, ouriño escuros e deposicións branquexadas, diarrea ou dor abdominal, náuseas, proído na pel e ictericia (cor amarela na pel e parte branca dos ollos).

A duración dos síntomas é variable, puntualiza Sanidade, de entre unha e dúas semanas, ata “varios meses nas formas graves”. “Non se sabe que se produza infección crónica”, matiza. Porén, a doenza adoita ter un impacto “moi leve” nos nenos, sendo máis grave en adultos.

Como medidas de precaución, recoméndase manter unha boa hixiene nas mans despois de ir ao baño e antes e despois de consumir alimentos.

Nos países desenvolvidos, coa mellora das condicións hixiénicas, reduciuse moito o contaxio polo consumo de auga ou alimentos contaminados, que aínda son a principal causa de contaxio noutras zonas do mundo. Así, en Galicia e no resto dos países desenvolvidos, o modo de transmisión máis habitual son as relacións sexuais orais-anais e orais-xenitais.

Abrocho de hepatite A en 2018

En Galicia produciuse en 2016 un abrocho de hepatite A que acabou controlado en 2018. Os casos localizáronse sobre todo en homes que mantiñan sexo con homes (HSH), con idades comprendidas entre 25 e 44 anos, grupo no que se concentraron o 85% dos casos segundo informaba o Sergas en setembro de 2018.

No caso de manter relacións sexuais de risco, recoméndase lavar as mans antes e despois, así como utilizar medidas de protección adecuadas ante práticas susceptibles de contaxio, como luvas de látex e preservativos, así como cubrir con estes calquera obxecto que se use durante as relacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha vacina do rotavirus na infancia podería previr cancros gastrointestinais na idade adulta

Unha investigación do IDIS formula a hipótese de que unha vacina contra a infección, que causa o 5% das mortes infantís globais, podería reducir o risco de contraer cáncer no estómago, páncreas e colon

As claves do gromo de hepatite A de Narón: que se sabe do contaxio

O longo período de incubación de ata dous meses dificulta a identificación da fonte inicial e obriga a manter a vixilancia epidemiolóxica

Un consorcio internacional acelera o desenvolvemento da vacina ‘galega’ contra a tuberculose

Os 12 socios coordinados por Biofabri reciben 18,2 millóns de euros para apoiar dous ensaios clínicos en países de África Subsahariana

Doce factores que explican por que están aumentando as infeccións de transmisión sexual

Cada día, máis dun millón de persoas en todo o mundo contraen unha ITS e, por desgraza, estas cifras van en aumento