Descobren unha das causas da cegueira asociada á idade

A investigación, liderada polo español Miguel Flores-Bellver, sinala a liberación das drusas como biomarcador que facilitaría o diagnóstico precoz

Os ollos tamén son testemuño do envellecemento. Foto: Pixabay
Os ollos tamén son testemuño do envellecemento. Foto: Pixabay

Coma o resto do corpo, cos anos, os nosos ollos tamén envellecen. Un selo distintivo deste proceso de envellecemento ocular é a aparición de drusas, depósitos amarelados extracelulares que se forman entre a lámina basal do epitelio pigmentario da retina (RPE) e a capa coláxena interna da membrana de Bruch. Con todo, a presenza de numerosas drusas (depósitos de residuos celulares) na mácula considérase un importante factor de risco para o desenvolvemento da dexeneración macular asociada á idade (DMAI), unha das principais causas de cegueira e deficiencia visual, que afecta a milleiros de persoas en todo o mundo.

Publicidade

E malia que as drusas son amplamente aceptadas como contribuíntes á etioloxía da DMAI, tanto seca como húmida, pouco se coñecía sobre a súa bioxénese. Agora, un estudo liderado polo español Miguel Flores-Bellver, investigador no CellSight – Ocular Stem Cell and Regeneration Program da Universidade de Colorado, vén de identificar algúns dos mecanismos subxacentes ás manifestacións temperás da DMAI, que poderían levar a un diagnóstico precoz, así como opcións de tratamento específicos da variante seca da patoloxía.⁠

As drusas, potencial biomarcador

A investigación de Flores-Bellver proporciona a primeira evidencia de que as proteínas drusas se liberan en asociación coas vesículas extracelulares (EV) secretadas polas células do RPE, unha capa de células situadas debaixo das células fotorreceptoras do ollo, a través dun mecanismo modulado en resposta a estresores ligados á DMAI.

En condicións fisiolóxicas normais, as células do RPE liberan exosomas que conteñen proteínas normais e proteínas asociadas ás drusas, principais manifestacións iniciais da enfermidade. Con todo, descubriuse que, en condicións estresantes, estas células liberan proteínas asociadas ás drusas unhas 20 veces máis. Un aumento na produción e secreción destas proteínas que, segundo postulan, podería representar inicialmente un mecanismo protector pero que, en exceso, levaría á propagación das formas tóxicas destas.

Unha achega que permite establecer pautas de comportamento preventivo, reducindo as condicións de estrés que afectan ás células do epitelio pigmentario. Ademais, este potencial biomarcador abre as portar ao desenvolvemento dun sistema de identificación temperá da cegueira. Unha mellor comprensión deste proceso podería levar a estratexias terapéuticas para modular a bioxénese das drusas e, á súa vez, frear ou deter a progresión da DMAI.

Aplicacións preventivas

Entendendo que mecanismos contribúen á formación das drusas posibilitaría o controlar, retardar ou mesmo parar algúns dos eventos patolóxicos que conducen á dexeneración macular. “Saber que as vesículas extracelulares están a liberar proteínas asociadas ás drusas presenta unha oportunidade para novos enfoques diagnósticos e terapéuticos”, explica Flores-Bellver.

“Se podemos definir ensaios para medir estas proteínas liberadas nestes exosomas, poderiamos diagnosticar a enfermidade precozmente, quizais mesmo no momento do inicio. Ademais, poderíamos pensar en desenvolver novas ferramentas para orientar e modular a liberación de exosomas e protexer as células da acumulación de drusas baixo a retina”, engade. O achado tamén permitiría indagar na busca de fármacos capaces de inhibir a liberación das partículas que se acumulan e forman as drusas e axudar a tratar a milleiros de pacientes antes de que desenvolvan atrofia xeográfica, a forma avanzada da DMAI na súa forma seca, na que a perda de visión é irreversíbel e que actualmente non ten cura.


Referencia: Extracellular vesicles released by human retinal pigment epithelium mediate increased polarised secretion of drusen proteins in response to AMD stressors (Publicado en Journal of Extracellular Vesicles)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.