Venres 26 Abril 2024

Un novo ecosistema está a medrar na “illa de lixo” do Pacífico

Un estudo publicado en Nature Communications alerta de que os organismos costeiros xa están comezando a habitar o mar aberto grazas aos plásticos

O plástico está en todas partes. Incluso no mar. E os nomes para designar os refugallos flotantes son tan variados como as súas cores e os seus tamaños. De feito, hai unha extensa zona do Pacífico Norte á que conmunmente se denomina como “illa de plástico”. As súas dimensións son inabarcables, chegando a ocupar 1,6 millóns de kilómetros cadrados. Agora, un estudo publicado na revista Nature Communications determina que unha serie de especies costeiras, moi infrecuentes en mar aberto, xa están comezando a colonizar este hábitat plástico. Este novo achado pode presaxiar “cambios ecolóxicos significativos no medio ambiente mariño”.

Segundo aparece recollido na investigación liderada pola ecóloga mariña Lindsey E. Haram, este “novo ecosistema emerxente” no plástico do Pácifico é definido como “comunidade neopeláxica”. É dicir, a aparición, en mar aberto, de especies que son habituais nas costas. E aínda que xa se coñece, dende hai tempo, como estes organismos se transportan a través do océano e das costas sobre escombros ou balsas naturais —como sementes, ábores ou algas—, isto adoitaba ser un evento efímero, pouco frecuente ou limitado. Ademais, este tipo de materias son biodegradables, polo que a súa capacidade de transporte era relativamente curta no tempo.

Publicidade

Longas viaxes oceánicas

De todas formas, e segundo se explicita no estudo, a capacidade destas especies de sobrevivir ás longas viaxes oceánicas, incluso neste tipo de materiais naturais, é o que explica a presenza de organismos continentais nas illas oceánicas. Non obstante, coa aparición do plástico, o transporte mariño destas especies amplificouse. Ademais, é un material que tarda moito en desfacerse, polo que permite longas viaxes. Os investigadores advirten que esta nova situación pode alterar os ecosistemas oceánicos e cambiar a dinámica da invasión a escala global, ao tempo que mudan as barreiras bioxeográficas.

Ata o momento, os invertebrados oceánicos, ou as especies que habitaban o mar aberto, eran na súa maioría pequenos organismos que se adherían á parte superior ou inferior da película superficial do océano. E que tamén se instalaban en troncos flotantes, algas e outros animais mariños. Porén, e segundo as observacións de Haram e o seu equipo, xa se está a producir un cambio na composición das especies de invertebrados oceánicos coa aparición dunha gran variedade de especies costeiras capaces de ocupar as balsas de plástico.

Transporte da comunidade neopeláxica sobre refugallos plasticos flotantes nas augas superficiais do oceáno. Foto: Ilustrado por © 2021 Alex Boersma.
Transporte da comunidade neopeláxica sobre refugallos plasticos flotantes nas augas superficiais do oceáno. Foto: Ilustrado por © 2021 Alex Boersma.

Competir polos recursos

“As especies costeiras están competindo directamente con estas balsas oceánicas”, di Haram. “Están competindo polo espazo. Compiten polos recursos. E esas interaccións son moi pouco coñecidas”, engade a investigadora. Así é que o uso de plásticos a gran escala e a súa contaminación do medio ambiente, converte todo isto nunha oportunidade permanente para que as especies costeiras transiten polas concas oceánicas. Dálles, por tanto, un fogar a longo prazo co que colonizar o mar aberto. Cabe recordar, ademais, que esta “illa de plástico” do Pacífico está integrada con 79.000 toneladas métricas de refugallos. Evidentemente plásticos.

“Están competindo polo espazo. Compiten polos recursos. E esas interaccións son moi pouco coñecidas”

A maiores disto, a introdución destas especies en mar aberto parece cambiar o paradigma. Ata o de agora pensábase que as vastas extensións de augas abertas constituían unha barreira física e biolóxica para a dispersión das especies. “Esta situación xa non parece ser o caso, xa que agora existe un hábitat axeitado en mar aberto e os organismos costeiros poden tanto sobrevivir no mar durante anos como reproducirse, dando lugar a comunidades costeiras autosuficientes en altar mar”, sinalan os investigadores.

Posibles invasores

Pero hai un aspecto máis preocupante aínda. Se estas comunidades mariñas son capaces de sosterse vivindo no plástico, isto podería constituír un lugar de tránsito antes de propagarse por outros hábitats costeiros. É dicir, que poderían converterse en especies invasoras son máis facilidade. “Esas outras costas non son só centros urbanos… Esa oporunidade esténdese a zonas máis remotas, áreas protexidas, illas hawaianas, parques nacionais e áreas mariñas protexidas”, di o científico Greg Ruíz.

Así é que este estudo abre novas vías de investigación, co obxectivo de seguir indagando que significa ese novo ecosistema capaz de medrar e sobrevivir no plástico. No estudo sinálase que a medida que aumenta a demanda e a produción destes refugallos, seguirán aumentando as oportunidades para que estas especies costeiras realicen a súa primeira viaxe ao mar. Talvez como paso previo á invasión doutros territorios.


Referencia: Emergence of a neopelagic community through the establishment of coastal species on the high seas. (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli