Venres 19 Abril 2024

As depuradoras de augas de Galicia reflicten a evolución da pandemia

Científicos do CSIC e da Universidade de Vigo analizan as augas de 11 depuradoras dende Cedeira a Baiona detectando a evolución do coronavirus

En marzo de 2020 o proxecto DIMCoVAR botaba a andar coa realización de análises de presenza de material xenético de virus SARS-CoV-2 nas augas residuais de entrada de 11 EDAR (estación depuradora de augas residuais) de Galicia, así como nos puntos de vertido das EDAR no medio mariño. Logo dun ano de traballo, os investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e persoal da empresa Geseco Aguas, que participan no proxecto, que conta con 235.000 euros de financiamento do Fondo Supera Covid da CRUE- Santander, afirman que “efectivamente a mostraxe nas depuradoras seleccionadas resultou representativo da evolución da pandemia a nivel de Galicia”, explican Claudio Cameselle, docente e investigador do grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental) da Universidade de Vigo, que coordina o proxecto, e Beatriz Novoa García investigadora do grupo  Inmunoloxía e Xenómica do IIM-CSIC.

Despois de case un ano de traballo desenvolvido en 11 EDAR, distribuídas do norte ao sur de Galicia, desde Cedeira a Baiona, as e os investigadores observan que os valores promedio das estacións depuradoras son un fiel reflexo da evolución da pandemia, ademais de que “podemos estar seguros de que a análise da presenza de material xenético do virus nas augas residuais é unha boa ferramenta para detectar con suficiente antelación a evolución do número de infectados na comunidade que verte as súas augas na EDAR en estudo”, detalla Cameselle. Neste sentido, os integrantes do proxecto confirman que, por termo medio, o incremento de concentración de material xenético do virus na entrada da EDAR adiántase entre 7 e 10 días á detección de novos infectados por PCR polas autoridades sanitarias.

Publicidade

Beatriz Novoa e o seu equipo do grupo Inmunoloxía e Xenómica do IIM-CSIC.

“Os datos que semanalmente enviamos a Augas de Galicia e eles mandan á Consellería de Sanidade e ao Ministerio de Sanidad, sérvenlle ás autoridades sanitarias para detectar posibles rebrotes en base á tendencia á alza das concentracións de virus, así como para xestión dos recursos sanitarios”, explica Cameselle, que xunto aos investigadores da UVigo encárganse da análise de diversos parámetros físico-químicos das mostras recollidas por Geseco Aguas. Pola súa banda, a participación do CSIC, a través do Instituto de Investigacións Marinas e, concretamente, dos grupos de investigación Inmunoloxía e Xenómica e  Enxeñería de Procesos, consiste fundamentalmente na detección do material xenético do virus por PCR e no desenvolvemento do modelo epidemiolóxico en base aos resultados das análises.

O proceso de mostraxe nas EDAR

A selección das estacións depuradoras nas que se está a realizar o seguimento desde hai un ano, e ás que en xullo de 2020 e a petición de Augas de Galicia se sumaron as de Pobra do Caramiñal, Betanzos, Viveiro e Burela, fíxose para incluír diferentes localizacións de Galicia con diferentes niveis de poboación, entre 4.000 e 20.000 habitantes, e nas que non houbese entrada de augas procedentes de grandes hospitais, o que aumentaría a presenza do virus. “Así, obtense unha información detallada exenta de interferencias externas que permite un estudo máis preciso da dinámica dos rebrotes”, explican os investigadores, que sinalan que na selección das depuradoras tamén se tivo en conta a existencia de diferentes tipos de tecnoloxía para o tratamento da auga, para poder avaliar se tiña un efecto de eliminación do material xenético do virus.

Os investigadores da UVigo que coordinan o proxecto DIMCoVAR, Claudio Cameselle, Susana Gouveia e Adrián Cabo.

Así, comprobouse que as depuradoras cun tratamento biolóxico e cun tratamento terciario de desinfección por ultravioleta ou hipoclorito de sodio son máis eficaces na eliminación do material xenético do virus, fronte ás plantas que non dispoñan de este tipo de tratamentos. “En calquera caso, non se detectaron virus viables con capacidade infectiva nas EDAR nin nos efluentes de entrada ou saída das estacións depuradoras. A auga residual e as EDAR son un bo indicador da evolución da pandemia, pero non un foco de contaxio de covid-19”, aclaran os investigadores e investigadoras de DIMCoVAR, que finalizará o vindeiro 31 de marzo, pero para o que xa están a procurar fontes de financiamento que permitan a súa continuidade.

Cara unha cuarta vaga da covid-19?

As análises máis recentes realizadas a finais do pasado mes de marzo polo equipo do proxecto DIMCoVAR deron unhas concentracións nas EDAR en estudo de entre 3.000 e 18.000 copias por litro, uns valores considerados polos investigadores “discretos” comparados cos obtidos durante o mes xaneiro, nos peores momentos da terceira vaga, que nalgúns casos chegaron a superar o millón de copias por litro.

Non obstante, e aínda que as análises de presenza de material xenético do virus nas augas residuais foron caendo durante febreiro, estes valores non terminan de chegar a cero, senón que durante marzo mantivéronse nun rango entre 1.000 e 45.000 copias por litro. Neste momento, as e os investigadores aseguran que non poden afirmar que haxa unha tendencia á alza na concentración de material xenético do virus á entrada das EDAR, pero tampouco se observa unha diminución da concentración que permita confirmar unha redución na incidencia da pandemia. “Dito doutro modo, a concentración de material xenético nas augas residuais indica que o virus segue a circular, e que a pouco que nos descoidemos e que se relaxen as medidas de seguridade pode producirse un novo aumento de casos similar ao observado en decembro 2020 e xaneiro 2021”, explican.

Sobre a posibilidade de estar neste momento ante unha nova vaga, os integrantes do proxecto DIMCoVAR aseguran que non depende tanto dos valores de concentración en si mesmos, senón da tendencia no tempo, de xeito que, aínda que neste intre non se pode afirmar taxativamente que hai un aumento na concentración de virus na EDAR, nin que esteamos no inicio da cuarta vaga, “pero si que hai uns valores de concentración suficientemente altos como para afirmar que o virus segue en circulación e que a aparición dunha nova onda é un risco real, similar ao sucedido en decembro 2020”, advirten.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un hidroxel permite cultivar células neurais para reparar lesións medulares

O material desenvolvido polo CSIC combínase con campos magnéticos, un avance na busca de novas terapias