Biomoléculas con valor engadido extraídas da pataca e do melón

Un equipo da UVigo desenvolve o proxecto Tec-SosVal para obter novos rendementos dos residuos destes alimentos, que poden chegar a un 40% do seu peso

O Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense da UVigo, está a desenvolver un proxecto que baixo o nome de Tec-SosVal explora a obtención de biomoléculas a partir de subprodutos do procesado do melón e da pataca. Financiado pola Xunta de Galicia, o seu obxectivo é valorizar estes restos empregando tecnoloxías emerxentes de vangarda respectuosas co medio ambiente.

O equipo que leva a cabo Tec-SosVal, que arrancou en 2020 e continuará ata 2024, está liderado por Beatriz Gullón e composto por Gil Garrote, Remedios Yáñez, Xiana Rico, Pablo García, Beatriz Rodríguez, Fernando Rodríguez e Alba Pérez. “Tec-SosVal é unha proposta científica multidisciplinar que pretende dar solucións a dous importantes desafíos da nosa sociedade actual: satisfacer a crecente demanda dos consumidores de produtos funcionais de orixe natural, desenvolvendo novas tecnoloxías que se poderían implementar a nivel industrial, e á vez dotar de valor engadido aos residuos procedentes do procesamento de alimentos, mellorando así a sostibilidade e competitividade da industria alimentaria”, indican desde o proxecto.

Publicidade

Imaxe dun dos subprodutos obtidos no laboratorio. Foto: Duvi.
Imaxe dun dos subprodutos obtidos no laboratorio. Foto: Duvi.

A industria agroalimentaria, explican os responsables da iniciativa, é un dos principais motores da economía galega cun crecemento anual medio do 5% na última década. “Con todo, a pesar da importancia deste sector, a súa cadea de subministración é ineficiente, xerando cantidades significativas de residuos. Concretamente, os subprodutos procedentes da industria de procesamento de froitas e verduras representan arredor dun 40% do seu peso”, sinalan. O actual sistema de xestión destes residuos, engaden, “causa importantes problemas ambientais derivados do seu depósito en vertedoiros e perdas económicas como consecuencia do seu uso en aplicacións de baixo valor engadido”.

Porén, comentan desde Tec-SosVal, estes subprodutos conteñen unha ampla gama de compostos bioactivos valiosos que poden ser recuperados mediante tecnoloxías verdes e sostibles permitindo a súa reincorporación a procesos produtivos como materias primas. “Espérase que a adopción destas estratexias de valorización contribúa á transición gradual desde unha economía lineal a unha economía circular baseada na filosofía de cero residuos, o que permitiría lograr un desenvolvemento sostible en liña coas prioridades recollidas na Axenda 2030”, afirman.

Publicidade

Recuperación de biomoléculas

Neste contexto, Tec-SosVal pretende explorar tecnoloxías emerxentes de vangarda (microondas e ultrasóns) respectuosas co medio ambiente en combinación co uso de líquidos eutécticos profundos naturais (NaDESs) para a recuperación de biomoléculas con importantes biofuncionalidades a partir de materias primas alternativas abundantes. Máis especificamente, Tec-SosVal céntrase en extraer biomoléculas valiosas como nutracéuticos (compostos funcionais baseados en polifenois e pectooligosacáridos) e ‘platform chemical‘ (ácido biosuccínico) a partir dos subprodutos do procesado do melón e da pataca, cunha ampla gama de aplicacións no sector alimentario, farmacéutico e químico.

Os compostos bioactivos someteranse a secuencias de purificación e concentración co fin de obter extractos de alta pureza que poidan ser incorporados na formulación dunha matriz alimentaria cárnica como ingredientes funcionais. Determinarase a estrutura e composición química dos concentrados obtidos, así como as súas diferentes bioactividades. A produción de ácido biosuccínico por vía biotecnolóxica permitirá, segundo explican as e os investigadores participantes, un aproveitamento integral dos subprodutos e o seu interese radica na súa aplicación como monómero para a síntese de polímeros plásticos biodegradables, axudando así a reducir a dependencia do uso dos recursos fósiles na súa produción. “Este proxecto pretende contribuír ao desenvolvemento de biorrefinerías multiproduto en cascada para a valorización integral de subprodutos da industria agroalimentaria, o que reverterá nunha mellora deste importante sector na nosa comunidade autónoma”, conclúen os responsables do proxecto.


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A pataca xurdiu a partir dun devanceiro do tomate fai 9 millóns de anos

Un novo estudo descubre que un evento evolutivo pouco común está detrás da enigmática orixe da pataca a través da hibridación natural

Sete países europeos unen forzas para mellorar o cultivo sostible de patacas, trigo e hortalizas

Os resultados do proxecto SoildiverAgro, posto en marcha en 2019, foron presentados nunhas xornadas en Santo Estevo de Ribas do Sil

Un equipo da USC logra transportar biomoléculas ao interior celular empregando luz

O grupo deseñou novos compostos moleculares para a entrega de péptidos cuxo paso, a través da membrana, se activa de xeito remoto

A Doñana de Galicia: como os regadíos na Limia secan os ríos dende hai 25 anos

A extracción de augas subterráneas para as plantacións impacta na biodiversidade da comarca, con especies en perigo de extinción