Venres 29 Marzo 2024

Os casos de demencia en España aumentarán máis dun 80% en 2050

Un estudo publicado en The Lancet Public Health sinala o tabaquismo, a obesidade, os altos niveis de azucre en sangue e o baixo nivel educativo como factores de risco

Un aumento que semella imparable. Unhas cifras estimadas que revelan unha realidade que, aínda afastada, cada día está máis próxima a nós. En 2019, España rexistraba máis de 800.000 casos de persoas con demencia. Pero ese número aumentará ata superar o millón e medio de doentes en 2050. É dicir, en tres décadas experimentarase un incremento do 83%. Estes datos son aproximativos e acaban de ser publicados na revista The Lancet Public Health. A investigación, desenvolvida pola Universidade de Washington, analizou 204 países de todo o mundo e concluíu que de cara a 2050, os casos de demencia triplicaranse no mundo debido, sobre todo, a dous factores: o crecemento e o avellentamento da poboación.

Os autores do estudo tamén sinalan que aínda que as melloras no acceso á educación poderían axudar a reverter estas cifras, o efecto estaría contrarrestado por outras tendencias. Por exemplo, o aumento de casos de obsesidade, tabaquismo e niveis altos de azucre en sangue, que son considerados, segundo os investigadores, como os principais factores de risco na demencia. “Os gobernos nacionais poden utilizar estas estimacións para asegurarse de que os recursos e o apoio estean dispoñibles para as persoas, os coidadores e os sistemas de saúde a nivel mundial”, di a primeira asinante do artigo, Emma Nichols, que insiste na importancia de investir en ciencia para atopar tratamentos que deteñan, retrasen ou preveñan a demencia.

Publicidade

Por encima da media

No que respecta á situación de España, a estimación do aumento de casos está por encima da media de Europa Occidental. Mentres que nesta rexión se incrementará nun 74%, en España acadará o 83%. Unha cifra máis alta que outros países da contorna como Italia (56%), Grecia (45%) ou Alemaña (65%). Uns números o suficientemente altos, tendo en conta que a demencia é a sétima causa de morte en todo o mundo e unha das principais causas de discapacidade e dependencia das persoas maiores. Así o indican no estudo, onde tamén advirten que esta doenza “non é unha consecuencia inevitable do avellentamento”. Ao parecer, unha comisión de 2020, tamén de The Lancet, suxería que ata o 40% dos casos poderían previrse. Iso si, diminuíndo a exposición aos factores de risco.

“A demencia non é unha consecuencia inevitable do avellentamento”

Amais disto, os investigadores tamén recordan que a demencia afecta máis a mulleres que a homes, e esta tendencia parece que se manterá de cara ao 2050. Con todo, desmenten que un maior nivel de incidencia nas mulleres se deba a unha maior esperanza de vida. “Existe evidencia de diferenzas sexuais nos mecanimos biolóxicos que subxacen á demencia. Suxeriuse que o Alzheimer se pode propagar de maneira diferente no cerebro das mulleres que no dos homes, e varios factores de risco xenéticos parecen estar relacionados co risco de enfermidade por sexo”, apunta outra das asinantes do artigo, Jaimie Steinmetz.

Os autores tamén recoñecen algunhas das dificultades ás que se tiveron que enfrontar no transcurso da investigación como, por exemplo, a falta de datos de calidade en varias partes do mundo, incluída África subsahariana —a rexión na que máis se prevé que aumenten os casos de demencia—, Europa Oriental e América Central. Así mesmo, reduciron os factores de risco da demencia a catro (tabaquismo, obesidade, nivel de azucre en sangue e nivel de estudos), cando se poderían ter en conta ata doce.


Referencia: Estimation of the global prevalence of dementia in 2019 and forecasted prevalence in 2050: an analysis for the Global Burden of Disease Study 2019. (Publicado en The Lancet Public Health)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Síntomas de demencia? Cinco sinais que hai que ter en conta a partir dos 50 anos

Non se manifesta unicamente como un problema de memoria, senón que tamén poden aparecer cambios no comportamento

O uso de audiófonos reduce considerablemente o risco de sufrir demencia

A perda de audición é o principal factor evitable para desenvolver deterioración cognitiva a partir da mediana idade

Como beneficia o uso da luz ás persoas con demencia?

Sinxela de aplicar e sen efectos secundarios, a luminoterapia mellora o estado de ánimo, os problemas de conduta e as alteracións do sono

Un estudo suxire que non todo o organismo avellenta á mesma velocidade

A análise dos telómeros, marcadores de envellecemento, demostra que o proceso de deterioración ocorre de forma desigual