Xoves 28 Marzo 2024

España, á cabeza do comercio de cefalópodos xunto coa China e o Xapón

Un estudo, liderado por Sebastián Villasante, da USC, e Andrés Ospina-Álvarez, analiza as dinámicas da rede global destes invertebrados mariños

Con até un incremento do 416% no volume de descargas desde 1961, o comercio global de cefalópodos consolidouse xa como unha industria multimillonaria. Nesta, especies como o polbo ou a lura son algunhas das máis recoñecidas dunha clase de invertebrados mariños que representan o 2,5% da produción mundial de alimentos procedentes do mar.

Porén, e malia que o papel dos cefalópodos como un importante recurso cultural, social, económico e ecolóxico é amplamente recoñecido, os esforzos de investigación para describir a extensión e o alcance do seu comercio eran, até o momento, limitados. Agora, un estudo que publica a revista Scientific Reports, analiza en detalle a importancia deste sector, e destaca que España, xunto á China e o Xapón, son líderes neste comercio mundial.

Publicidade

O traballo está liderado polos investigadores Sebastián Villasante (CRETUS, Universidade de Santiago de Compostela)e por Andrés Ospina-Álvarez, do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (IMEDEA), centro mixto da Universidade das Illas Baleares (UIB) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC);

Unha avaliación integradora

“O que fixemos nós foi, por primeira vez, integrar a información do comercio de cefalópodos a nivel mundial e, desde o punto de vista da sustentabilidade, o estado dos recursos destes invertebrados, para analizar en que medida están relacionados”, explica Sebastián Villasante. “Agora sabemos que se pode monitorear mellor o estado dos recursos dos cefalópodos a nivel global se se ten en conta información tamén do comercio, que antes non se tiña. E, con este tipo de estudos, nós contribuímos a que esa información se coñeza e se poida utilizar. Porque con información só de capturas, ou só do estado dos recursos dos cefalópodos, non sería posible. Ten que ser unha avaliación integradora”.

Do mesmo xeito, non existe ata a data unha regulación específica ou sistemas de seguimento que permitan estudar a súa trazabilidade. Este traballo contribúe, así mesmo, a mellorar o coñecemento sobre o panorama xeral da industria. Para iso, os autores analizaron 20 anos de rexistros recompilados nas bases de datos de comercio das Nacións Unidas: “Utilizamos datos tanto de capturas e de consumo, como de comercio de cefalópodos a nivel mundial, e atopamos que se trata dunha industria altamente globalizada e conectada. E iso permite responder algunhas preguntas importantes”.

España, á cabeza do comercio mundial de cefalópodos

Os resultados sinalan que a meirande parte dos movementos de mercado, no que están involucrados uns 250 países, están liderados por cinco países asiáticos, que son a China, a India, a República de Corea, Tailandia e Vietnam. A estes, súmanselle os europeos Países Baixos e España, así como os Estados Unidos.

No que respecta a España, o artigo destaca que o país está no grupo de cabeza da subministración de cefalópodos per cápita/día —isto é, a media da oferta dispoñíbel por habitante no país— ao mesmo nivel que o Xapón ou Taiwan, sendo só superada por Corea do Sur. O estudo tamén amosa que moitos dos cefalópodos potencialmente consumidos en España proveñen de Mauritania e Marrocos, como o polbo conxelado, e India, de onde chegan lura e xiba frescas. Mentres, unha gran cantidade do polbo fresco español expórtase principalmente a Portugal e Italia.

Gráfico que amosa as relacións entre os diferentes países e clústers do comercio mundial de cefalópodos. Foto: CRETUS
Gráfico que amosa as relacións entre os diferentes países e clústers do comercio mundial de cefalópodos. Foto: CRETUS

Unha rede globalizada

A situación dos cefalópodos é un exemplo máis da gran complexidade da rede mundial de comercio de alimentos mariños, onde o produto fresco e de calidade segue unhas rutas diferentes ás de abastecer os mercados locais, e o produto procesado ou que viaxou grandes distancias é a principal oferta nos supermercados e grandes superficies. Os autores do estudo afirman que destacar esta información é de vital importancia no contexto actual de cambio climático, pois o impacto ecolóxico dun alimento de orixe mariña non só se debe á enerxía utilizada para a súa captura e produción, senón tamén á distancia percorrida para chegar ata as nosas mesas, e mesmo ao vehículo de transporte utilizado para o seu transporte.

Ademais da análise destes movementos de mercado, a investigación identifica os países ou territorios que xogan o papel de principais exportadores e/ou importadores, así como aqueles moduladores, intermediarios ou acumuladores, e os comerciantes mellor conectados e influentes. Tamén se coñecen as principais rutas de fluxo e os puntos febles da rede mundial de comercio, “que están fundamentalmente en países en vías de desenvolvemento”, sinala Villasante.

Novas preguntas

“O máis interesante segue a continuación, pois poderemos facernos preguntas baseadas nos nosos resultados” explican Andrés Ospina-Alvarez e Sebastián Villasante. E continúan: “Agora será máis fácil responder: Como melloramos as cadeas de subministración facéndoas máis sostibles e resilientes ao cambio climático? Que países deben liderar os sistemas de trazabilidade e verificación de produtos? Cales son as rutas que hai que vixiar para garantir a seguridade alimentaria nesta industria?”.

Industria sobre a que esta investigación “achega información esencial para avanzar cara a un comercio mundial de cefalópodos transparente e sostible, no que a trazabilidade, a correcta etiquetaxe e a seguridade alimentaria supoñan elementos esenciais da xestión, pero tamén dunha industria pesqueira con efectos verdadeiramente globais”.

Os autores concluen: “Isto pode requirir un compromiso internacional de políticas coordinadas, mecanismos financeiros e de mercado adecuados, e avances científicos e tecnolóxicos en constante evolución, pero os beneficios ecolóxicos, económicos e sociais supérannos con fartura. Adaptar a industria pesqueira e mitigar os efectos do cambio global para todos os que dependen dela é un dos retos da humanidade para lograr un futuro alimentario globalmente sostible”.

No estudo, financiado polo proxecto europeo INTERREG Cephs and Chefs, tamén participan Pablo Pita e Gillian Ainsworth (CRETUS, Universidade de Santiago de Compostela), Silvia de Juan (Instituto de Ciencias do Mar, ICM-CSIC), Cristina Pita e Fábio Matos (Universidade de Aveiro).


ReferenciaA network analysis of the global cephalopod trade (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC descobre un novo factor que altera o ciclo do carbono

O estudo realizado polos galegos Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas podería ser de utilidade na loita contra o cambio climático

Polbos, chocos e luras: pezas clave para garantir a seguridade alimentaria

Científicos da USC expoñen os vínculos entre os ecosistemas, as políticas e o benestar humano para fomentar un sistema alimentario de cefalópodos máis sostible

A Academia de Ciencias premia un estudo galego que foi portada da prestixiosa revista ‘Science’

O outro proxecto galardoado, tamén da USC, é un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos