Venres 29 Marzo 2024

Se as vacas falasen: así é o ‘smartwatch’ galego do gando

Un dispositivo deseñado por Innogando permite monitorizar aos animais e previr enfermidades, detectar o celo ou xeolocalizar en tempo real

A chegada do smartwatch ou reloxo intelixente ás nosas vidas supuxo unha revolución. Xa non só tíñamos acceso á hora con mirarnos o pulso, senón tamén a posibilidade de consultar as notificacións en liña, estudar a calidade do sono, contar o número de pasos ou reproducir música. Pero non somos a única especie que se pode monitorear con esta tecnoloxía.

A empresa galega Innogando lanza Rumi, un dispositivo que monitoriza as actividades do gando vacún e interpreta os datos para lanzar avisos do que está sucedendo: unha situación de perigo, a detección temperá dunha posible enfermidade, alerta sobre un celo ou saber se o animal sae da propiedade gandeira.

Publicidade

“O dispositivo recoñece todas as actividades do animal, o tempo que descansa, que come, que camiña… E con esos datos básicos lanzamos alertas en función da información obtida”, sinala Elio López García, director e co-fundador de Innogando. O dispositivo xa se está comercializando, habendo sobre mil unidades no mercado agora mesmo.

Unha tecnoloxía para mellorar a gandería

Rumi permite mellorar a calidade de vida do persoal gandeiro porque lle facilita as tarefas; posibilita non ter que estar todo o día pendente dos animais e aínda así obter alertas precisas do seu estado físico e posición. Doutra banda, “pode axudar a rendibilizar cada animal en torno a sesenta euros anuais”, sinala López García.

O smartwatch das vacas é á vez unha vantaxe competitiva e unha garantía de benestar animal. “Temos un equipo de profesionais gandeiros, veterinarios e enxeñeiros enfocados en coñecer en tempo real as necesidades da vaca”, o que permite predicir problemas, tomar decisións e optimizar a produtividade da gandería.

Para facer esta tecnoloxía posible, requírese da colocación dunha antena na explotación cun alcance de 15 quilómetros de cobertura. A maiores, precísase a adquisición do propio dispositivo e a instalación da aplicación móbil, dispoñible para IOS e Android. Rumi dispón tamén dunha comunidade na que poder compartir experiencias, consellos e axuda de profesionais do mesmo sector.

Poñerlle voz á vaca

A empresa galega quere seguir mellorando este dispositivo, e para iso, o seu seguinte obxectivo será dotar á aplicación de voz para facela máis interactiva e atractiva. A idea sería que a información recabada sobre cada animal puidese traducirse nunha especie de diálogo no que a vaca “tivera a súa propia voz”.

Para iso, Innogando traballa da man con outra innovadora empresa galega, Mindsaic, especializados en intelixencia artificial conversacional. Para isto, empregan voicebots, un software co que te podes comunicar falando, e que está revolucionando o sector.

Innogando, la nueva ganadería ya está aquí

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova iniciativa de Clúster TIC impulsa o emprendemento tecnolóxico galego

As propostas seleccionadas contarán co respaldo de socios da entidade para optimizar os seus modelos de negocio

Volve a Galicia o festival de divulgación científica nos bares

É un evento gratuíto e para todos os públicos que terá lugar os próximos días 22, 23 e 24 de maio na Coruña, Santiago, Lugo e Vigo

Tecnoestrés: un fenómeno real pero evitable

As tecnoloxías facilitan a nosa vida, pero o uso descontrolado pode afectar á saúde. Adaptación e organización son as chaves para protexernos

O Goberno confirma que A Coruña será sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial

A cidade foi elixida por diante doutras candidatas, como Granada, Alacante e Xixón e convertirase nun dos referentes tecnolóxicos de España