Venres 19 Abril 2024

O 62% dos incluídos nos datos da covid están hospitalizados por outras doenzas

Segundo a última actualización do Sergas, só o 38,3% estaban ingresados por complicacións derivadas do coronavirus

O levantamento das restricións e a fin das máscaras nos interiores —agás en hospitais, residencias e outros espazos sociosanitarios— permitiunos recuperar a vella normalidade. O cambio na estratexia de vixilancia e control fronte á covid, que implementou o Ministerio de Sanidade o 28 de marzo, cambiou por completo o panorama e instou a convivir co virus. Agora a atención está posta nas persoas vulnerables e nos casos graves. É dicir, aqueles que requiren de hospitalización. Se atendemos ao último comunicado emitido pola Consellería de Sanidade, o número de persoas ingresadas de covid en Galicia é de 676. Porén, os datos deben interpretarse cautelosamente: non todos están hospitalizados por covid, senón que a meirande parte deles ingresaron por outros motivos.

Segundo os datos facilitados polo Sergas a GCiencia, o xoves 21 de abril —con 623 hospitalizados covid— só un 38,3% estaban ingresados por complicacións derivadas do coronavirus. Polo tanto, a meirande parte deles, un 61,7%, estaban no hospital con covid. É dicir, acudiron ao centro por outro motivo —por exemplo, unha cirurxía— e deron positivo en SARS-CoV-2. Estes datos dan outra perspectiva sobre o número total de ingresados covid, tal e como explicaba recentemente o profesor emérito de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Comspostela (USC), Juan Gestal, a GCiencia. De feito, tal e como declaraba o 13 de abril, máis do 95% dos casos de covid actuais “son leves ou asintomáticos”.

Publicidade

Galicia achégase aos 600 hospitalizados de covid: debemos preocuparnos?

A Consellería de Sanidade tamén se pronunciou recentemente sobre o asunto. O conselleiro Julio García Comesaña apuntou a “certa tranquilidade” ante as cifras de ocupación hospitalaria de covid, malia que levan dúas semanas superando os 600 casos e, incluso, chegando aos 700. A este respecto, Comesaña recoñeceu que estamos “nun momento de prudencia” e cunha incidencia acumulada “moi alta”, pero que tanto os ingresos como as UCIS están nunha situación “contida”. Nas súas declaracións aos medios, realizadas o sábado en Silleda, puntualizou que “máis da metade” dos pacientes que están ingresados de covid, “non están ingresados pola covid, senón coa covid”. Malia esta interpretación máis positiva dos resultados, o conselleiro pediu “prudencia” e recordou que no ámbito sanitario séguese a usar a máscara.

A segunda taxa de ocupación máis alta de España

Por outro lado, o Ministerio de Sanidade tamén publica informes periódicos nos que informa sobre a situación epidemiolóxica das diferentes comunidades autónomas. Na súa última actualización, do venres 22 de abril, indícase que a taxa de ocupación por 100.000 habitantes en Galicia —en relación á capacidade asistencial dos hospitais— é de 25,08, a segunda máis alta de España, superada só por Asturias (36,77). Unhas cifras que se sitúan moi por enriba da media nacional, que está no 12,91. En relación á taxa de ocupación por UCI, a cifra mellora: está nun 0,48, bastante por debaixo da media nacional (0,72).

Finalmente, estes datos reflíctense na porcentaxe de camas covid ocupadas. En Galicia está nun 8,02%, tamén a segunda porcentaxe máis alta do país que só supera Asturias, cun 10,57%. A media española está bastante máis baixa, nun 4,94%. De novo, as cifras máis positivas veñen en relación ás unidades de coidados intensivos, nas que a porcentaxe de camas ocupadas en Galicia se sitúa nun 1,74%, bastante por debaixo da media española, nun 3,76%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios