A aceleradora do sector da alimentación busca proxectos innovadores de emprendemento

O Business Factory Food convoca un Infoday para impulsar actuacións que den resposta aos retos do ámbito alimentario

Presentación de actividades do BFFood.
Presentación de actividades do BFFood.

Business Factory Food (BFFood), aceleradora do sector alimentario de Galicia, celebra a súa IV Edición, convocatoria pública na que busca atraer, identificar, seleccionar e impulsar proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, para facer fronte aos retos do sector alimentario nunha contorna global. A BFFood está impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia na industria alimentaria. O seu obxectivo é implementar programas de apoio ao emprendemento e consolidación de proxectos especializados no sector alimentario e a súa transformación en empresas innovadoras.

Para esta nova edición, terá lugar a xornada informativa Infoday, organizada en colaboración polo Clúster Alimentario de Galicia e FEUGA, entidade que xa formara parte do Comité Téctico e entidade colaboradora en anos anteriores e que agora pasa a ser promotora do mesmo. O evento terá lugar o próximo 3 de maio, entre as 10.00 h e as 12.00 h, no Edificio FEUGA do Campus Vida de Santiago de Compostela. Nel, reuniranse autoridades, grandes empresas e startups representantes da BFFood para realizar unha retrospectiva de edicións anteriores e afondar nos programas e recursos que ofrece a BFFood na súa IV Edición. Ademais, durante a xornada daranse todos os detalles relativos á presentación dos proxectos dentro do plazo establecido, que se manterá aberto ata o 13 de maio.

O programa do Infoday

O acto comezará cunha benvida, representada por Clusaga, XesGalicia e FEUGA, seguida pola presentación do informe de tendencias Agrifood 2022, realizado pola Fundación Europea INTEC. O portavoz será Juan Francisco Delgado, vicepresidente executivo da Fundación, quen explicará as últimas tendencias e proxeccións máis importantes do sector agroalimentario.

Posteriormente, representantes de dúas empresas mentoras da BFFood, CEAMSA e Hijos de Rivera, e os CEO dos proxectos de éxito de pasadas edicións, ODS Protein e Galinsect, integrarán a mesa redonda “BFFood. Retos e solucións para a alimentación do futuro”, que precederá á mesa de “Oportunidades para o crecemento e a valorización do coñecemento”, integrada por representantes de BFFood, FEUGA, XesGalicia e Unirisco.

A xornada pecharase coa presentación dos detalles da IV Edición da aceleradora, da man de representantes de Clusaga e GAIN. Para terminar darase paso ao coffee networking.

A IV Edición

BFFood manterá aberto o prazo de presentación de proxectos para formar parte da súa IV Edición ata o 13 de maio ás 14.00 h. Poderá presentarse a esta candidatura calquera proxecto innovador de emprendemento, tanto nacional como internacional, que dea resposta aos retos que expón o sector alimentario actual.

Ao longo das súas tres edicións anteriores, a Business Factory Food, impulsou un total de 25 proxectos, das 187 candidaturas recibidas, tanto nacionais como internacionais. Este ano seleccionarán ata 6 iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e 6 proxectos para o de consolidación, de 12 meses de duración. O programa de aceleración está centrado en proxectos emprendedores na súa fase inicial, que estean desenvolvendo ou desenvolvesen un produto ou servizo mínimo viable e que esbozasen un modelo de negocio. No de consolidación, buscan empresas xa constituídas cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas.

Estas iniciativas innovadoras optarán a programas de formación especializada, coaching, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados, mentoría dos líderes do sector, financiación directa e acceso a investimento, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario. Cada un dos proxectos conta cun mentor específico pertencente a unha empresa líder do sector alimentario que guiará e facilitará o desenvolvemento da iniciativa en cuestión no ecosistema do sector. Ademais, os proxectos terán acceso a un financiamento específico en forma de subvencións a fondo perdido e préstamos participativos, para favorecer o seu despegue e consolidación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.