O traballo demostra que o efecto do alcol no cerebro persiste tempo despois de cesar o consumo. Foto: Pixabay.
O traballo demostra que o efecto do alcol no cerebro persiste tempo despois de cesar o consumo. Foto: Pixabay.

O dano do alcol no cerebro mantense ao deixar de beber

Un novo estudo rebate a crenza de que as alteracións cerebrais se normalizan xusto despois de cesar a inxesta destas bebidas

Os danos cerebrais producidos polo consumo de alcol seguen progresando cando se para de beber, durante as primeiras semanas de abstinencia, segundo demostrou un traballo con resonancia magnética realizado conxuntamente polo Instituto de Neurociencias de Alicante (centro do CSIC e a Universidad Miguel Hernández) e o Instituto Central de Saúde Mental de Mannheim (Alemaña). O estudo, publicado na revista JAMA Psychiatry, rebate a crenza de que as alteracións no cerebro empezan a normalizarse inmediatamente despois de deixar o consumo de alcol.

A investigación, cuxa primeira autora é a investigadora Silvia de Santis, do Instituto de Neurociencias, demostra que seis semanas despois de deixar de beber seguen producíndose cambios na materia branca do cerebro, segundo revela o estudo de neuroimaxe realizado a máis de 90 pacientes voluntarios internados nun hospital de Alemaña para o seu tratamento de rehabilitación.

Os resultados deste traballo son sorprendentes, explica o doutor Santiago Canals, do Instituto de Neurociencias, que coordinou a investigación: “Ata agora, ninguén podía crer que en ausencia de alcol o dano no cerebro progresase”.

A imaxe amosa que os danos cerebrais continúan tras seis semanas sen beber alcol. Fonte: IN-CSIC.
A imaxe amosa que os danos cerebrais continúan tras seis semanas sen beber alcol. Fonte: IN-CSIC.

Neste estudo observacional prospectivo participaron 91 pacientes cunha idade media de 46 anos, hospitalizados en Alemaña por mor dun trastorno por consumo de alcol. Para comparar as resonancias magnéticas cerebrais destes pacientes utilizouse un grupo control sen problemas de alcol composto por 36 homes cunha idade media de 41 anos.

“Un aspecto importante do traballo é que o grupo de pacientes participantes na nosa investigación están internados no hospital, nun programa de desintoxicación, e contrólaselles o consumo de substancias adictivas, o que garante que non están a beber nada de alcol. Por tanto, pódese facer un seguimento fiel da fase de abstinencia, un período crítico porque as recaídas levan a cronificar o consumo de alcol”, resalta o doutor Canals.

O estudo con ratas mostra como crece a dependencia do alcol

Outra característica diferencial deste estudo é que se levou a cabo paralelamente nun modelo con ratas Marchigian Sardinian con preferencia polo alcol, que permite monitorar a transición de normal a dependencia de alcol no cerebro, “un proceso que non é posible ver en humanos, porque nos estudos participan voluntarios sans e persoas con trastorno por abuso de alcol”, explica a doutora De Santis.

Co consumo de alcol “prodúcese un cambio xeneralizado na substancia branca, é dicir no conxunto de fibras que comunican distintas partes do cerebro. As alteracións son máis intensas no corpo calloso e a fimbria. O corpo calloso está relacionado coa comunicación entre ambos os hemisferios. A fimbria contén as fibras nerviosas que comunican o hipocampo, estrutura fundamental para a formación de memorias, co núcleo accumbens e a cortiza prefrontal”, detalla o doutor Canals. O núcleo accumbens forma parte do sistema de recompensa do cerebro e a cortiza prefrontal é fundamental na toma de decisións.

Os investigadores de Alacante e Alemaña tentan agora caracterizar os procesos inflamatorios e dexenerativos de forma independente e máis precisa, co fin de entender a progresión durante a fase de abstinencia temperá en persoas con problemas de abuso de alcol.

Beber alcol en exceso causa 3,3 millóns de mortes anuais

O consumo excesivo de alcol está na orixe de máis de 200 enfermidades e provoca cada ano 3,3 millóns de mortes no mundo. Por iso é polo que a detección temperá dos efectos negativos relacionados co alcol sexa un obxectivo prioritario.

Aínda que os efectos prexudiciais do alcol no cerebro son amplamente coñecidos, os cambios estruturais observados son moi heteroxéneos. Ademais, faltan marcadores de diagnóstico para caracterizar o dano cerebral inducido polo alcol, especialmente nos inicios da abstinencia, un período crítico pola alta taxa de recaída que presenta.

Por iso, os autores deste estudo traballan xa na mellora da análise e interpretación biolóxica das imaxes cerebrais, como fonte de novos biomarcadores cerebrais para a medicina personalizada no campo da neuroloxía e a psiquiatría.

Referencia: Microstructural White Matter Alterations in Men With Alcohol Use Disorder and Rats With Excessive Alcohol Consumption During Early Abstinence (Publicado en JAMA Psychiatry).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.