Cancro gástrico: “Todos os galegos de máis de 50 con molestias deberían ser cribados”

O cirurxián Ignacio Maruri, do Cunqueiro, aplica unha técnica de fluorescencia pioneira en Occidente que mellora a diagnose destes tumores

“Normalmente non dá síntomas, é silencioso. Por iso necesitamos un cribado de cancro gástrico en Galicia”, di Ignacio Maruri, cirurxián do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O perfil de doente adoita ser maior de 50 anos, a quen se lle detecta o tumor en estadíos moi avanzados e que, polo tanto, ten unha taxa de curación menor. “De igual maneira que hai un cribado para o cancro de colon e para o de mama, debería habelo para o de estómago”, declara Maruri. O doutor asegura que a realización dunha gastroscopía, “unha técnica moito máis sinxela que a colonoscopía”, sería suficiente para detectar o tumor. “Moitos cancros, nese estadío temperán, serían potencialmente curables”, asegura.

Malia que a día de hoxe non hai un cribado de cancro gástrico en Galicia, Maruri e o seu equipo veñen de implantar unha técnica pioneira en Occidente para mellorar o diagnóstico deste tipo de tumores. Os resultados, que acaban de ser publicados na revista Surgical Endoscopy, demostran que a técnica con indocianina verde (ICG, polas súas siglas en inglés) permite unha extirpación máis ampla dos ganglios linfáticos afectados polo tumor, que deriva nun diagnóstico máis preciso e un mellor tratamento. “O fluorescente distribúese polo corpo do paciente, axudándonos a ver máis ganglios”, matiza o cirurxián.

Publicidade

“Empregando a técnica conseguimos extraer máis ganglios linfáticos”

IGNACIO MARURI, cirurxián no Cunqueiro

Para a realización do estudo, o equipo da Unidade Esofagogástrica e de Obesidade do Cunqueiro, liderado por Maruri, contou con dous grupos de pacientes. Ao primeiro administróuselle o fluorescente. Ao outro non, posto que eran doentes anteriores, de cando aínda non se aplicaba a técnica. Iso si, oas participantes nos dous grupos eran moi similares en canto a idade, estadío do tumor e sexo. “Chegamos á conclusión de que empregando ICG conseguimos extraer máis ganglios linfáticos“, apunta o investigador.

A técnica, ademais de constituír unha axuda á cirurxía, é minimamente invasiva. Como indica Maruri, o estudo comezou en 2019 e a ICG xa ten un protolo específico de actuación, aplicándose a todos os doentes de cancro gástrico do Cunqueiro. Para iso, os pacientes ingresan un día antes da operación para inxectar o fluorescente nos catro puntos cardinais do tumor, que se distribuirá polos vasos linfáticos. De feito, esta é a vía pola que o cancro gástrico adoita facer metástase.

Publicidade

Ao día seguinte, durante a intervención, todos os ganglios polos que drena o tumor poderanse ver con claridade, permitíndolle ao cirurxián visualizar en tempo real a anatomía do paciente. É dicir, funciona como unha guía para proceder ás extirpacións. “Desta maneira conseguimos extraer máis e, así, tamén logramos un estudo mellor, un diagnóstico mellor e, en función do estadío, o tratamento tamén será mellor”, describe o cirurxián.

Maior incidencia na costa occidental

O desenvolvemento e aplicación destas técnicas é esencial para mellora a calidade de vida dos doentes. De feito, o cancro gástrico en Galicia ten unha incidencia lixeiramente máis alta ca outras rexións de España, sobre todo na costa occidental e no sur da comunidade. Así o constata Maruri e así o recolle un mapa elaborado polo Instituto de Salud Carlos III de Madrid en colaboración con investigadores portugueses. No informe apuntábase a que os tumores de estómago podían ter unha incidencia máis alta en Galicia por diversos factores, como a infección por Helicobacter pylori, o tabaquismo e a exposición ás radiacións e ao amianto, entre outros.

De todas formas, Maruri insiste en que, en medicina, é moi difícil determinar con exactitude que factores inflúen á hora do desenvolvemento dun cancro, ou dunha incidencia elevada nunha zona con respecto a outra. Por iso cre que hai que poñer máis esforzos na prevención e, polo tanto, no impulso dun cribado de cancro de estómago a maiores de 50 anos con molestias gástricas. Coas súas palabras, o investigador reforza que a gastroscopía é menos custosa, máis sinxela de realizar. Pero que, sobre todo, permitiría dar noticias esperanzadoras. “Igual merece a pena facer este tipo de actuacións preventivas. Incluso implantalos nos centros de saúde”, recalca. E insiste: “Todos os galegos de máis de 50 con molestias deberían ser cribados”.

O investigador fai, por tanto, un chamamento ás autoridades e menciona o caso dos países orientais, cunha incidencia moito maior de cancro gástrico e onde os cribados están plenamente implantados. “Nós temos menos casos, pero son máis graves. Por iso temos que intentar facer algo”, apunta. De novo, Maruri matiza o difícil que é establecer relacións de causa-efecto en medicina, pero hai factores que se barallan e que poderían explicar, polo menos parcialmente, esa diferenza na incidencia entre Occidente e Oriente. “Pódese relacionar moito coa alimentación, porque comen moito alimento cru e afumado. Tamén fuman moito. Pero aínda non está demostrado ao 100%”, menciona con cautela.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás