A entrada de Galicia o pasado luns na chamada “nova normalidade” posterior ás catro fases decretadas polo plan de “desescalada” deseñado polo Goberno español debido á pandemia da Covid-19, abre unha etapa na que están postas moitas miradas: é posible seguir achegándose á vida anterior á aparición do SARS-CoV-2 sen que este volva infectar máis xente? Como de probable é o risco de rebrotes, que xa se están vendo noutros lugares? E no verán, que vai pasar? A evolución ata agora da pandemia e as previsións de distintos expertos poden axudar a compoñer unha imaxe aproximada da situación.
As fontes de datos oficiais (Consellería de Sanidade e Ministerio de Sanidad) amosan que a primeira das ondas da Covid-19 está en clara remisión. Os casos activos (un dos criterios, pero non o único, para observar a tendencia da crise) están en niveis dos días posteriores ao estado de alarma, aínda que todo apunta a que naqueles días, tal e como están demostrando as informacións sobre o inicio de síntomas dos afectados, os enfermos de Covid-19 en Galicia, como noutros lugares, eran moitos máis do número que facilitaban as autoridades; os primeiros sinais de que o virus estivera circulando nas semanas previas entre a poboación, aínda que a xente xa estaba confinada daquela, o que provocou que a onda seguira medrando ata comezos de abril.
Un diagnóstico diario
Desde hai semanas, Galicia é unha das comunidades autónomas nas que a circulación do virus parece ser mínima, en atención aos informes diarios do Ministerio de Sanidad. A nova estratexia, unha vez superada a fase aguda da pandemia, está centrada no seguimento individualizado das novas infeccións, evitando os contaxios nun contexto de volta á actividade “normal” en case todo o territorio ao tempo que se manteñen as precaucións. Aínda que a cifra acumulada de diagnósticos en Galicia vai mudando, xa que se está a revisar toda a serie histórica, a imaxe das últimas 2 semanas expón que se diagnostica arredor dun caso novo cada día.
Como se ve coa mínima detección de novas infeccións, en comparación coa media de España, a incidencia acumulada é en Galicia 10 veces menor nos últimos 7 e 14 días, e ata 20 veces menor ca nas comunidades que seguen estando máis afectadas (Madrid, Catalunya, Castilla y León e Castilla-La Mancha).
Estes datos ofrecen un complemento ás cifras de casos activos que achega a Consellería de Sanidade, xa que nesta non se inclúe a evolución, dentro destes pacientes, cantos se están confirmando nos últimos días. Neste sentido, Sanidade detallou en pasadas semanas que algúns aumentos de casos activos nalgunhas áreas, como Vigo, se deberon a positivos de persoas que estaban en seguimento, que xa se sabía que estaban infectados, pero que nun determinado momento volveron dar positivo tras un negativo en probas PCR. Pola contra, Sanidad si detalla en que persoas se produce un positivo por primeira vez e se considera, por tanto, un caso novo en sentido estrito. A evolución desde o 3 de xuño, en atención aos criterios que recolle o Ministerio pode verse baixo estas liñas pode verse con máis claridade. As barras indican os diagnósticos do día previo, as persoas que foron diagnosticadas, en total, nos últimos 7 e 14 días anteriores e as que iniciaron síntomas neses períodos de tempo:
Todos os datos, segundo indica Sanidad, están suxeitos a constante revisión para ir corrixindo erros.
Os infectados están case todos na casa
Os últimos partes da Consellería de Sanidade amosan que os casos activos están por riba dos 300 en Galicia. Porén, é posible que nos vindeiros días experimente novos cambios, como xa aconteceu en varias ocasións ao longo da serie, debido a que o Sergas concedía a alta epidemiolóxica (negativo na proba) ou quitaba da lista de casos activos a persoas que estaban en illamento domiciliario e que xa superaran os síntomas da Covid-19. Nos últimos días, a porcentaxe de persoas que pasan a doenza no domicilio está por riba do 97%, mentres que nos peores momentos da crise eran do 75%. Isto pode lerse, por unha banda, como que a maioría das persoas teñen síntomas leves, e que se está detectando un maior número de casos en relación ao total dos reais. Porén, tamén cómpre considerar que ao volver á actividade, as precaucións neste illamento domiciliario deben manterse de forma moi estrita para evitar infeccións.
O 73% dos casos activos, nas áreas da Coruña-Cee e Vigo
Segundo as cifras de cada unha das sete áreas sanitarias, 250 dos 341 casos activos deste mércores cinguíanse ás áreas sanitarias da Coruña-Cee (109) e Vigo (141). As altas dos casos doutras áreas, como Santiago e Ourense, moitos deles vinculados a residencias, fixeron que os positivos se concentren nas zonas correspondentes ás dúas principais cidades. Esta é a situación nos últimos días.
As residencias, sen apenas casos
Un dos aspectos que mudou nas últimas semanas é a curación da gran maioría dos casos activos nas residencias de persoas maiores ou con discapacidade. Se hai un mes eran 286 positivos activos entre usuarios e traballadores, e hai dous, 1.405, representando case o 25% de todos os casos de Galicia, este mércores a porcentaxe sobre o total era do 2,6%, xa que só permanecían como activos nove casos (cinco usuarios e catro profesionais).
A menor circulación do virus nestes centros, con persoas máis vulnerables ante as formas graves da infección, freou tamén a cifra de falecementos. Das 619 vítimas rexistradas, cos datos da Consellería de Sanidade, por mor da Covid-19 (609, segundo o Ministerio de Sanidad), 244 eran persoas que vivían en residencias.
Máis de 1.000 PCR diarias
O maior esforzo na contención de posibles brotes resulta patente, sobre todo, no ritmo de probas PCR que se segue realizando nos laboratorios de Microbioloxía dos hospitais galegos. A pesar de que as novas infeccións son moi escasas, seguen sumándose máis de 1.000 PCR diarias nos datos que achega a Consellería de Sanidade. A estratexia gobernamental (ver PDF) recomenda, ademais da obriga de analizar os casos sospeitosos, estender a PCR aos contactos estreitos dos infectados “co obxectivo principal de detectar precozmente novos casos positivos”.
E os posibles rebrotes?
Unha das principais incertezas das vindeiras semanas é o aumento da mobilidade entre comunidades autónomas e a chegada de turistas doutras rexións. Un risco que, como recoñeceron os propios expertos do comité de crise da Xunta, é un dos principais riscos de rebrote. Este mércores, nun encontro dixital organizado polo xornal Que pasa na Costa, o epidemiólogo Juan Gestal expuso que existe a “posibilidade de que chegue unha persoa infectada con síntomas leves, que poida contaxiar ás persoas coas que estea en contacto”, e engadiu que, a pesar de que poidan xurdir “pequenos repuntes”, as “medidas de precaución” que aínda se manteñen e os sistemas de alerta que seguen activos “poidan localizar rapidamente aos contactos e conter o brote”.
Neste sentido, expertos como Margarita del Val, do CSIC, apuntaban nunha entrevista en El País que se están producindo rebrotes en zonas cálidas a estas alturas do ano, como Irán, ou focos en Pekín, que esta semana rexistraba temperaturas por riba de 35ºC. Del Val advertía que “hai máis virus circulando agora ca antes do estado de alarma“, e que só o mantemento das medidas de distancia social, hixiene e protección impiden un novo rebrote de importante magnitude. Por iso, as mensaxes da comunidade científica coinciden en cumprir con elas para evitar os problemas que xa se están vendo noutras partes do planeta.