Combater o medo á ansiedade, clave para deixar o tabaco

Un artigo da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC aborda a importancia da terapia con mellores resultados á hora de deixar este hábito

Acudir a todas as sesións do tratamento para deixar de fumar, así como a sensibilidade á ansiedade física, é dicir, o medo aos síntomas físicos da ansiedade, relaciónanse co logro e mantemento da abstinencia a longo prazo. Esta é unha das principais conclusións recollidas no artigo ‘Treatment completion and anxiety sensitivity effects on smoking cessation outcomes. Addictive Behaviors’, publicado na revista Addictive Behaviors e do que son autores Carmela Martínez Vispo, Ana López Durán, Rubén Rodríguez Cano, Carmen Senra e Elisardo Becoña da Unidade de Tabaquismo e Trastornos  Aditivos da USC.

“Na actualidade, as intervencións para deixar de fumar demostraron a súa eficacia; con todo, manter a abstinencia a longo prazo é difícil”, sinala o catedrático Elisardo Becoña. Neste senso, distintos estudos apuntan a que unha alta porcentaxe de fumadores que reciben tratamento para deixar de fumar e logran a abstinencia volven consumir tabaco tras pasar un tempo. “Esta investigación tiña como obxectivo estudar se completar as oito sesións de tratamento, así como a sensibilidade á ansiedade, relacionábanse co mantemento da abstinencia ao longo dun ano tras finalizar o devandito tratamento”, explica o profesor Becoña.

Publicidade

Os resultados mostraron que era máis probable que mantivesen a abstinencia aquelas persoas que acudiran ás oito sesións de tratamento en comparación con aquelas que faltaran a unha ou máis sesións. Doutra banda, tamén se detectou que unha maior sensibilidade á ansiedade relacionada cos síntomas físicos —por exemplo, medo a ter palpitacións, falta de aire, ou a secreción sudoral, entre outros— relacionábase cunha menor probabilidade de manterse  abstinentes.

Os datos demostraron que aquelas persoas que completaron o tratamento e tiñan unha elevada sensibilidade á ansiedade física albergaban máis posibilidades de manterse sen fumar que aquelas outras que non acudiron a todas as sesións. “Os achados deste estudo teñen implicacións clínicas significativas para os tratamentos para deixar de fumar pois os resultados mostran que acudir a todas as sesións, é dicir, completar o tratamento relaciónase con mellores resultados. Asemade, introducir compoñentes específicos nas intervencións que aborden a sensibilidade á ansiedade podería mellorar os resultados do mesmo”, apunta Becoña.

Publicidade

Tratamento na USC

Dende a Unidade de Tabaquismo e Trastornos  Adictivos da USC ofrécense tratamentos psicolóxicos gratuítos en grupo para deixar de fumar, sendo os mesmos un referente a nivel estatal e internacional. Ademais, a Unidade impulsou recentemente un programa en liña para poñerlle freo a este hábito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Vinte anos de loita contra o tabaco: logros obtidos e retos do futuro

Entre 2020 e 2023 produciuse un descenso do 2,8% no número de fumadores en España. Por Julia Rey Brandariz, Carla Guerra-Tort e Mónica Pérez Ríos / USC

As persoas con baixos recursos económicos fuman máis e son menos propensas a deixalo

Un estudo revela que as desigualdades socioeconómicas inflúen na dependencia ao tabaco e na eficacia dos programas de abandono