Mércores 24 Abril 2024

“Co diagnóstico xenético podemos anticiparnos ás enfermidades do ril”

O grupo NefroChus, dirixido por Miguel García, acada importantes avances no estudo da poliquistose, unha doenza hereditaria de notable prevalenza en Galicia

Os riles son un elo esencial no funcionamento do organismo. Depuran as substancias de refugallo que xera o corpo, regulan o equilibrio nos fluídos extracelulares e xogan igualmente un papel insubstuíble no sistema endócrino. E, por tanto, as patoloxías no ril, moi prevalentes na sociedade, conducen nalgúns casos a que as persoas afectadas teñan que depender da diálise ou un transplante para que a súa vida non se vexa comprometida.

Moitas veces, estas doenzas teñen unha orixe hereditaria, o que leva á ciencia a enfocarse nas bases xenéticas detrás delas e, deste xeito, conter de forma precoz a progresión deste deterioro. En Galicia, dentro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), atópase un dos laboratorios de referencia en España para o estudo das causas xenéticas das enfermidades de ril, o grupo coñecido como NefroCHUS.

Publicidade

Recentemente, este equipo de científicos deu un importante paso ao atopar un mecanismo esencial no tratamento da poliquistose, unha destas doenzas hereditarias, que afecta a unha de cada 800 persoas e, por tanto, miles de habitantes en Galicia. O traballo desenvolveuse no marco da tese de doutoramento do investigador Adrián Cordido Eijo. Falamos con el e con Miguel García González, líder de NefroCHUS.

– Cantas persoas están afectadas en Galicia por enfermidades renais?

– Miguel García: As enfermidades do ril caracterízanse por ser moi prevalentes. A poliquistose, por exemplo, afecta a 1 de cada 800 persoas que nacen. Pero hai moitas máis, ás veces raras e ultrarraras, restrinxidas ao ril pero tamén que atinxen a outros órganos, como o fígado, o sistema vascular; ou que causan alteracións estruturais nos ósos, mesmo algunhas que se asocian co cancro. Estamos falando, por tanto, dun número moi importante.

– Unha das súas principais liñas de traballo é o estudo dos condicionantes xenéticos na enfermidade. Canto de herdanza hai nos problemas renais?

M.G.: Os xenes do ril son especialmente mutaxénicos. Calcúlase que 1 de cada 64 persoas presenta algunha mutación. Cando falamos dunha enfermidade xenética causada por unha herdanza autosómica dominante, isto supón que o 50% dos fillos teñen posibilidade de desenvolver esta patoloxía. Mais existen tamén as doenzas de carácter recesivo, que implican que o pai e a nai teñen esta mutación, e que afecta á descendencia cun 25% de probabilidades.

– Ao tratarse de enfermidades raras en moitos casos, isto tamén dificulta a investigación.

M.G.: Cando falamos de enfermidades raras, o principal problema co que nos atopamos é que apenas temos persoas afectadas coa mesma mutación. E por tanto, vén sendo algo así como buscar unha agulla nun palleiro. Temos que dedicar moito tempo e recursos a identificar non só a base xenética, senón a caracterizar a nova enfermidade.

Atopan un mecanismo esencial para tratar a poliquistose no ril

– Que supón o traballo que publicaron recentemente?

– Adrián Cordido: A investigación comeceina fai seis anos, no traballo de fin de mestrado, e despois continuei con ela na tese, a través dunha colaboración co grupo de Ana Belén Sanz e Alberto Ortiz da Fundación Jiménez Díaz de Madrid. Eles son expertos na vía molecular TWEAK, unha citoquina proinflamatoria. Buscamos se esta vía estaba alterada na poliquistose, e cando comprobamos que si, afondamos para ver o papel que tiña na progresión dos quistes, co obxectivo de poder bloqueala. O que vimos é que ao facer isto conseguiamos retrasar a progresión da enfermidade.

Isto é moi importante porque ata agora só hai unha terapia que consegue retrasar a entrada en diálise entre 3 e 5 anos. O noso achado abre un camiño a reducir esta inflamación que causa os quistes e a frear a progresión da enfermidade.

M.G.: O interesante é que identificamos un novo mecanismo para comezar a desenvolver abordaxes terapéuticas. O xene implicado na poliquistose coñécese desde o ano 1985, pero non hai aínda unha terapia eficaz. Ao atopar este mecanismo comezamos a ‘bombardealo’ para diminuír o crecemento quístico de maneira significativa.

Ao ser este un tratamento que xa se aplica a outras enfermidades, os tempos acúrtanse moito e temos xa boa parte do camiño avanzado porque a avaliación da seguridade está feita, por exemplo. Agora o noso obxectivo é buscar outros mecanismos complementarios para erradicar por completo a poliquistose. E xa temos resultados moi interesantes, que publicaremos en breve.

En que outros camiños se centra actualmente a investigación de NefroCHUS?

M.G.: Nos últimos 10 anos desenvolvemos ferramentas de diagnóstico xenético para todas as enfermidades renais. Abordámolas do mesmo o xeito que se fai na clínica, en tres grandes grupos: as patoloxías que producen quistes (como a poliquistose), as que afectan ao glomérulo e as que causan problemas no tubo da nefrona.

No marco deste traballo conseguimos rexistrar unha patente para o diagnóstico destas enfermidades, pero que tamén se pode estender a outras patoloxías, e de feito xa se está facendo. Foi un fito para nós, e agora a spin off NASAS Biotech, nacida no IDIS, está comercializando este método a nivel mundial. É un procedemento moi versátil, que serve para analizar calquera fluído corporal na procura de biomarcadores de enfermidades.

“Nunca se abordaron as patoloxías xenéticas do ril dun xeito semellante a nivel poboacional como se está a facer en Galicia”

Neste tempo tamén puxemos en marcha accións estratéxicas na poboación galega baseadas no diagnóstico xenético. Antes isto non se facía, pero conseguimos abaratar custes e agora o proceso é máis rápido. En coordinación coa Sociedade Galega de Nefroloxía deseñamos o mapa coas enfermidades asociadas á poliquistose que nos axudou moito a entender os mecanismos xenéticos destas patoloxías. Abordamos tamén as glomerulopatías, xa que moitas das terapias que se poidan desenvolver dependen do tipo de mutación. A intención é continuar coas tubulopatías nos vindeiros anos, co obxectivo de ter todo o mapa xenético das patoloxías do ril.

Nunca se abordaron as patoloxías xenéticas do ril dun xeito semellante a nivel poboacional como se está a facer en Galicia. E é especialmente importante porque aquí existen subpoboacións onde estes xenes se comportan dun xeito particular. Con este diagnóstico xenético podemos adiantarnos ao curso das enfermidades.

Pero non quedamos só niso. Queremos entender tamén o desenvolvemento da enfermidade, e para iso modelizamos a súa progresión, usamos modelos animais e celulares e afondamos no estudo de mecanismos para buscar posibles terapias.

– Levan 20 anos como referencia no diagnóstico xenético en España. Que supón isto?

M.G.: O impulsor de todo este proxecto foi o doutor Lens, que puxo en marcha o laboratorio de Nefroloxía no ano 1998. Faleceu en 2011, pero collendo o seu testemuño puidemos continuar o labor e incorporar desde entón moito talento. Con traballo constante, e pouco a pouco, construímos un equipo robusto que nos permitiu chegar ata aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade

A investigadora Cristina Candal presenta un traballo pioneiro sobre mala praxe científica

A tese inclúe a descrición das "paper mills", é dicir, organizacións ilegais que fabrican artigos para a súa venda