Científicos da USC piden 2.000 euros para investigar as lesións medulares

O investigador do departamento de Bioloxía Funcional da USC Antón Barreiro acaba de lanzar unha campaña no portal Precipita da FECYT para acadar financiamento para o proxecto ‘Busca de fármacos para a rexeneración axonal tras unha lesión medular’.

Tratan así de buscar unha solución para as 35.000 persoas que se calcula que existen hoxe en España con esta doenza, causada a maior parte das veces por accidentes de tráfico e que produce un dano irreparable para o que non hai un tratamento que facilite a súa recuperación funcional.

Publicidade


Una das principais razóns desa falla de recuperación en humanos é que os axóns –prolongacións das neuronas que transmiten impulsos nerviosos– de neuronas cerebrais que conectan a medula espinal non son capaces de se rexenerar despois da lesión e así volver conectar coas súas neuronas diana.

Mais se este contratempo se produce en humanos, non é así en animais. O equipo que co dirixen Antón Barreiro e María Celina Rodicio traballa con modelos de lesión medular en peixes, entre eles o peixe cebra, un animal do que se poden obter centos de larvas cada día no laboratorio, “facilitando así a proba dunha gran cantidade de fármacos” e que por ser transparente “permite ver con máis facilidade se a neurona de estudo rexenerou ou non os seus axóns tras a lesión e despois do tratamento cun fármaco determinado”.

Publicidade

Piden un mínimo de 2.000 euros para iniciar a investigación con fármacos

Estudos realizados nos últimos anos demostraron que este peixe é capaz de recuperarse de forma espontánea tras una lesión medular completa de maneira que pode nadar tan só unhas semanas despois da lesión. Pero mesmo neste animal non todas as neuronas que contactan coa medula espinal en condicións normais son capaces de rexenerar o seu axón tras a lesión, “o que indica que existe algún factor intrínseco a determinadas neuronas que o impide”, matizan os investigadores.

“Se co noso proxecto conseguimos atopar un fármaco que promova a rexeneración axonal no peixe cebra, no futuro tentaremos trasladar estes resultados á recuperación dos pacientes con dano medular”, explica Barreiro. Para iso, marcáronse un obxectivo mínimo de financiamento de 2.000 euros cos que mercarían os anticorpos necesarios para visualizar a neurona de estudo e unha libraría de 90 fármacos para validar o seu modelo. De alcanzar o nivel óptimo, 10.000 euros, esa libraría sería de 1.230 fármacos, “o que aumentaría notablemente as nosas posibilidades”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución