Chega a Coruña o deseñador do ‘condón do futuro’ para a Fundación Bill Gates

Richard Chartoff é un experto en polímeros, as grandes moléculas das que está feito o ADN, a celulosa ou os plásticos. Pero a súa popularidade mundial está no deseño do ‘condón do futuro‘, un novo preservativo chamado a revolucionar a sexualidade e previr enfermidades venéreas. O seu traballo é un encargo da Fundación Bill e Melinda Gates.

Aínda hoxe, só nos Estados Unidos, rexístranse 20 millóns de novas doenzas de transmisión sexual ao ano. E o fundador de Microsoft pensou que unha causa podía estar na incomodidade que se atribúe aos preservativos. Non houbo melloras substanciais dende que, en 1957, Durex lanzou ao mercado o condón prelubricado. Así que no ano 2013 convocaron axudas e se presentaron 953 investigadores. Un deles foi Richard Chartoff, da Universidade de Oregón, que recibiu 100.000 euros para unha idea innovadora, mellorando o látex con que están fabricados os preservativos.

Publicidade

A súa idea é un condón ultrafino a base de polímeros elásticos de poliuretano que reaccionan á calor corporal e que se adaptan á forma do pene. “E máis resistente”, afirma Chartoff, “e tamén é hipoalerxénico, para ese oito por cento da poboación que é alérxica ao látex co que se fabrican a maioría dos condóns”.

Chartoff impartirá o xoves unha conferencia aberta ao público no Domus da Coruña

Agora, o investigador de Oregón visita a Universidade da Coruña, para unha serie de actos e conferencias. A principal será no museo DOMUS, este xoves, 9 de marzo, ás 19:00h, baixo o título “Os mellores condóns para o século XXI”.

Publicidade

Chartoff, director do Laboratorio de Caracterización de Polímeros da Universidade de Oregón, impartirá tamén un ciclo de conferencias de carácter académico máis especializadas nas instalacións da UDC na Coruña e Ferrol. O martes impartiu no CICA a charla titulada “Impresión 3D para a construción de nanomateriais poliméricos compostos”, e o vindeiro venres estará de novo neste centro de investigación no Campus de Elviña co tema “Novas tecnoloxías de impresión 3D para utensilios biomédicos personalizados”.
Mañá, mércores, 8 de marzo, estará na Escola Politécnica Superior, no Campus de Ferrol, onde ás 11:00 horas na aula de posgrao impartirá a conferencia: “Poliuretanos como alternativa ás epoxis para aplicacións como adhesivos mariños”.

Información sobre Richard Chartoff: http://chemistry.uoregon.edu/profile/chartoff/

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación