Xoves 25 Abril 2024

Por que aínda é imposible saber canto dura a inmunidade fronte á Covid-19?

A OMS insiste na falta de evidencias sobre a reinfección nun documento no que desaconsella os chamados "pasaportes de inmunidade"

A necesidade de ter certezas ante a crise provocada pola pandemia da Covid-19 levou a algúns gobernos a poñer sobre a mesa a posibilidade de outorgar “pasaportes de inmunidade” ás persoas que superaran a infección do SARS-CoV-2. O razoamento parecía claro: unha vez se supera a doenza e se desenvolven anticorpos, esta persoa xa non podería infectar a outra e tería menos risco dun novo contaxio que puidera comprometer a súa saúde. Porén, esta idea sostíñase sobre uns alicerces bastante inestables: ata agora, cun virus que xurdiu hai uns meses, e sen datos sólidos na man ao respecto, é practicamente imposible predicir canto tempo vai pasar ata que un organismo poida ser de novo vulnerable ante a Covid-19.

Esta fin de semana, a Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou un documento no que se amosaba contraria á expedición deste tipo de pasaportes, no que insistía en que por agora non se sabe se as persoas que superaron a Covid-19 están libres de padecela de novo. “Neste punto da pandemia, non hai evidencia suficiente para garantizar a precisión” destes pasaportes. Engade a institución que “é posible que as persoas que asumen que son inmunes a unha segunda infección ignoren os consellos de saúde pública”, polo que estes documentos “poden aumentar os riscos de transmisión continua”.

Publicidade

Pouco despois a OMS emitiu a través das súas redes sociais unha aclaración na que aseguraba que se cre que “a maioría da xente que se infectou desenvolve unha resposta de anticorpos que dará algún nivel de protección” fronte a unha posible reinfección, pero engadiu: “O que non sabemos aínda é o nivel de protección e canto durará”.

Inmunidade descoñecida

No texto, a OMS explica que “o desenvolvemento da inmunidade a un patóxeno a través dunha infección natural é un proceso de varios pasos, que xeralmente se leva a cabo durante 1-2 semanas”. O corpo adoita responder cunha resposta innata non específica, a través de diferentes elementos, como os macrófagos, os neutrófilos e as células dendríticas, que retrasan a multiplicación do virus e a consecuente infección. Moitas veces, estas defensas son suficientes (casos asintomáticos).

Porén, xorde despois unha resposta adaptativa, onde o corpo comeza a producir anticorpos específicos fronte a cada virus que o infecta, as chamadas inmunoglobulinas, así como as células T que recoñecen e eliminan as células infectadas co virus. Esta resposta, chamada inmunidade celular, pode conseguir a eliminación do virus do corpo e, se é o suficientemente forte, previr a reinfección. Isto mídese a través da medición nas inmunoglobulinas no sangue (os chamados tests de anticorpos).

Co SARS-CoV-2 hai pouca evidencia aínda dispoñible. Hai menos de cinco meses que se detectou a transmisión entre humanos, e por cuestións lóxicas, é imposible saber se a inmunidade dura máis tempo. Os estudos dispoñibles teñen, por agora, cunha mostraxe pequena, e boa parte deles aínda non pasaron polo proceso completo de revisión que debe contrastar os resultados.Por exemplo, algúns dos traballos revisados pola OMS amosan que algunhas persoas teñen uns niveis moi baixos de anticorpos neutralizantes no sangue, polo que acaba concluíndo que “a 24 de abril de 2020, ningún estudo avaliou se a presenza de anticorpos para o SARS-CoV-2 confire inmunidade a unha posterior infección”.

Hai dúas semanas, nunha entrevista con GCiencia, a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, manifestaba ao respecto: “Aínda non podemos dicir se a inmunidade é duradeira, ou se o virus muta ou cambia e esa memoria inmune se vai perdendo. O que sabemos doutros coronavirus é que os anticorpos non persisten moito tempo. Pero insisto, é un virus novo co que non podemos aventurarnos“.

Na mesma liña se manifesta Margarita del Val, viróloga e inmunóloga do CSIC, nun encontro en liña que organizou a Sociedad Española de Inmunología (SEI), que preside África González. Segundo recolleu a Agencia Sinc, Del Val lembrou que outros coronavirus recentes, como o SARS e o MERS, si xeraban anticorpos que duraban anos, polo que mantiñan a súa protección, pero é difícil sabelo por agora.

Risco das probas de anticorpos

A OMS tamén advirte no documento da incerteza das probas que detectan anticorpos fronte ao novo coronavirus. Estas probas “precisan dunha validación adicional para determinar a súa precisión e confiabilidade”, polo que unha proba de inmunodiagnóstico inexacta “pode categorizar falsamente ás persoas de dous xeitos”: por unha banda, os chamados falsos negativos, e, por outra, que persoas que non desenvolveran a enfermidade sexan catalogadas como afectadas pola Covid-19. Este é un dos motivos dos cambios de criterio do Goberno español nos últimos días á hora de informar por separado dos casos detectados por anticorpos (con ou sen síntomas) e dos detectados por proba RT-PCR.

Neste sentido, Del Val aclarou que ningún dos tipos de tests de anticorpos (tanto os de dobre banda como os de anticorpos totais) detectan as infeccións máis recentes, xa que sería imposible diagnosticar ás persoas que acaban de contaxiarse ao non ter desenvolvido aínda a resposta específica no seu organismo.

Períodos medios de transmisibilidade dos casos de Covid-19 e períodos de detección nos distintos tests. Fonte: Ministerio de Sanidad.
Períodos medios de transmisibilidade dos casos de Covid-19 e períodos de detección nos distintos tests. Fonte: Ministerio de Sanidad.

Sobre os estudos epidemiolóxicos para detectar os anticorpos na poboación, como os que desenvolve en Galicia a Xunta e en todo o territorio estatal o Ministerio de Sanidad, a OMS maniféstase a favor destes proxectos, “xa que son esenciais para comprender o alcance da infección e os factores de risco asociados a ela”. Porén, aclara que “achegarán datos sobre a porcentaxe de persoas con anticorpos detectables fronte á infección, pero a maioría non están deseñados para determinar se estas persoas son inmunes a infeccións secundarias”.

Con todo, conclúe a OMS, a información irase actualizando en función das novas evidencias dispoñibles.


Máis información: “Pasaportes de inmunidade” no contexto da Covid-19 (en inglés), publicado pola OMS o 24 de abril.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade