Estes son os síntomas da nova ómicron que será dominante en Galicia

Os expertos prognostican un aumento de casos e de hospitalizacións, sobre todo en persoas vulnerables

Europa advirte que BQ.1 pode aumentar os casos de covid nas proxímas semanas e meses.
Europa advirte que BQ.1 pode aumentar os casos de covid nas proxímas semanas e meses.

Os virus cambian co paso do tempo e o SARS-CoV-2 non é unha excepción. Palabras como alfa, delta e ómicron, ademais de ser letras do alfabeto grego, empregáronse para designar distintas variantes covid. A última delas apareceu en novembro de 2021 para cambiar o escenario de xogo: volveuse dominante en apenas unhas semanas. Malia que ómicron segue a ser a máis espallada a día de hoxe, tamén sufriu cambios. “É unha das variantes máis mutadas”, asegura a inmunóloga África González. Froito deste proceso, aparecen novas “liñaxes” e “subliñaxes” de ómicron. A última delas é BQ.1 que, segundo os prognósticos do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), aumentará os casos covid nas próximas semanas e converterase en dominante.

“Estamos vendo que en Estados Unidos xa representa, en moi pouco tempo, unha porxentaxe bastante alta do virus que se está secuenciando. Tamén o temos en Europa e, máis concretamente, en España. Empezamos a detectala nas augas residuais“, explica a tamén investigadora da Universidade de Vigo (UVigo). Segundo continúa explicando González, os datos aínda son preliminares e precísase do estudo de máis casos para achar conclusións máis robustas. “Semella que BQ.1 ten mutacións nunhas zonas que fan que os anticorpos neutralizantes funcionen peor”, engade a investigadora. De todas formas, González insta á calma e recalca que a enfermidade que se está producir “é bastante leve” en termos xerais.

“Moitos casos asintomáticos”

En relación ao escenario que se abre coa aparición de BQ.1, a inmunóloga da UVigo admite que pode supor “un incremento de casos e hospitalizacións en persoas vulnerables”. Amais disto, González cre que estas cifras aumentarán polo efecto doutros virus, como a gripe e o virus respiratorio sincitial. A investigadora tamén prognostica que se darán “moitos casos asintomáticos” e que a enfermidade, segundo os datos preliminares, parece cursar con máis dor de cabeza e menos perda de olfacto ca outras subliñaxes de ómicron. “As persoas que se infectaron con esta variante xa teñen inmunidade, por iso é probable que se dean casos asintomáticos ou moi leves”, salienta.

De todas formas, a Organización Mundial da Saúde pediu atención e vixilancia de BQ.1, malia que de momento non está a espertar preocupación entre a comunidade científica. Os expertos tamén están atentos á nova temporada de virus respiratorios, que acaba de iniciarse. Segundo as estimacións de González, parece que vai haber “bastantes casos” de gripe e virus respiratorio sincitial (VRS). “Habitualmente estaban máis espaciados no tempo. O VRS adoitaba chegar agora e a gripe esperaba a época máis fría, pero este ano parece que chegan xuntos. Tamén se poden dar casos de persoas que estean infectadas por varios virus ao mesmo tempo”, sinala a experta.

Sen evidencia dunha maior gravidade

Segundo os datos, González concorda coas previsións do ECDC e cre que, apoiándose no que aconteceu nos Estados Unidos, BQ.1 pode converterse na subliñaxe dominante. Os prazos de tempo que baralla o centro europeo son relativamente curtos. Prognostica que entre mediados de novembro e principios de decembro de 2022, máis do 50% de infeccións se deban a BQ.1 e BQ.1.1. Unha porcentaxe que aumenta considerablemente para principios de 2023, situándose xa no 80%. Esta nova subliñaxe foi declarada de interese polo ECDC o pasado 20 de outubro.

De igual modo que sinalaba África González, o centro europeo explica nunha nota de prensa que foi un laboratorio asiático o primeiro en achegar información sobre BQ.1. Os datos que se ofrecen ata o momento confirman que “ten capacidade de evadir considerablemente a resposta do sistema inmune”. Porén, fan unha chamada á calma e recordan que non hai evidencia científica, polo menos de momento, que asocie BQ.1 a unha maior gravidade. Polo menos, en comparación coas liñaxes BA.4 e BA.5, ata agora dominantes.

De igual maneira, e malia que xa hai casos rexistrados en Europa, o ECDC considera que as proporcións actuais non son o “suficientemente altas” como para que a variante teña un “impacto notable” na situación epidemiolóxica dos países afectados. Ata o de agora, seguindo os datos proporcionados polo centro europeo, os que notificaron casos vinculados con esta subliñaxe foron Francia (19%), Bélxica (9%), Irlanda (7%), Países Baixos (6%) e Italia (5%). En España, tal e como sinalaba África González, xa se detectou en augas residuais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.