Rematou a pandemia de covid? As estatísticas de mortalidade apuntan (con prudencia) a que si

Os datos indican que a letalidade do virus en Galicia está ao mínimo desde o inicio da pandemia

Adeus ás máscaras no patio, os grupos burbulla, os patios diferenciados e as rutinas con distancia. O inicio do curso escolar 2022/23 é outro punto de inflexión que deixa atrás, como nun pesadelo non tan afastado, a pandemia de covid. E aínda que todo o verán fluíu entre verbenas, festas familiares e feiras multitudinarias, mantéñense limitacións e uso obrigado de máscara no transporte público, hospitais ou centros de saúde á espera de que o Ministerio de Sanidade adopte outra determinación en función das estatísticas que apontoan a baixa mortalidade sostida e a ansiada gripalización da covid.

Os datos indican que a letalidade do virus en Galicia está ao mínimo desde o inicio da pandemia —10 de marzo do 2020— desde que se eliminaron as medidas de confinamento e protección individual apontoando unha gripalización da infección á que sinalaban os expertos como indicativo e sinal da superación da pandemia.

Publicidade

Manter a prudencia

Rematou esta pandemia? Preguntámosllo a Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “Varias veces fíxonos ver que terminaba e repuntou, así que hai que ser prudentes e agardar. Se non aparecesen novas variantes de ómicron, coa alta porcentaxe de poboación inmunizada, puidese ser que fose o final pero hai que esperar e reforzar o coidado e a protección da poboación máis vulnerable”, apunta o catedrático.

De acordo cos datos do Sergas, o pasado domingo 4 de setembro constaban 118 novas persoas diagnosticadas por covid nas últimas 24 horas nos rexistros sanitarios para un total de 1.354 pacientes con infección activa: dous na UCI e 130 en planta na rede de 33 centros hospitalarios públicos e privados de Galicia. Moi, moi lonxe xa das cifras de récord que chegamos a alcanzar no pasado mes de xaneiro, nunha das ondas máis virulentas e con maior incidencia en número de casos aínda que menos mortífera grazas á acción protectora da vacina.

“Se non aparecen novas variantes de ómicron, este podería ser o final da pandemia. Pero hai que agardar”

JUAN GESTAL, profesor emérito da USC

Se nos centramos especificamente na mortalidade, o número total de falecidos en Galicia é de 3.889 desde o 16 de marzo do 2020, cando se rexistrou a primeira vítima por coronavirus na comunidade: un home de 45 anos na Coruña. Un dos días máis fatídicos non nos queda tan lonxe: foi o 1 de febreiro do 2021, cando se rexistraron 67 falecidos só na nosa comunidade. Foi o pico dunha escalada que comezara a elevarse no Nadal do 2020. A vacinación masiva forzou o descenso a partir da primavera do 2021 pero aínda houbo dous picos de mortalidade ese verán, un moderado e outro que volveu dispararse a partir de decembro do 2021 e mantívose ata xullo 2022, —cun pico de 40 falecidos en 48 horas— para iniciar un descenso, que agora si, é consistente.

A finais de maio a Xunta deixou de contar todos os mortos con covid. O Sergas agora só informa dos decesos que cre por covid. Gráfico: GaliciaPress. Fonte: Sergas/Xunta

En canto a mortalidade, a franxa de idade máis castigada foi a que vai de 80 a 89 anos (42,6%) que concentrou a maior porcentaxe de vítimas seguida dos maiores de 90 (28,5%). En terceiro lugar, a franxa dos septuaxenarios (19%), que practicamente cuadriplicaba a mortalidade das persoas que pasaban dos 60 (6,5%). De aquí para abaixo, a incidencia é moito menor: un 2,7 para os maiores de 50 anos e un 0,4 no caso dos que pasan dos 40.

Lonxe da “fase aguda”

“Para avaliar a xestión da pandemia non podemos atender só á letalidade nin á mortalidade porque son conceptos diferentes; o primeiro é a porcentaxe dos que morren do total de infectados, —que pasou de moi graves a infinidade de casos leves— e a mortalidade atende á porcentaxe total de poboación”, destaca Gestal.

“Primeiro baixou a incidencia, despois a presión hospitalaria e en terceiro lugar, a mortalidade”, enumera este facultativo e profesor de Saúde Pública na USC. A pandemia lanza uns datos de incidencias xa lonxe da fase aguda. As medidas de contención aplicáronse ata o inicio da sexta onda —novembro 2021— onde a altísima transmisibilidade e as medidas de vixilancia —seguimento de casos e control de contactos— foron inservibles para conter o elevado número de afectados. “O pico estivo en 8.000 casos e era inviable porque o 95% das infeccións causaron un malestar leve similar ao dunha gripe”, lembra Gestal. Sinala, entón, a unha nova “fase de mitigación” que sitúa na primavera do 2022 onde se pon o foco na protección das persoas máis vulnerables (+60 anos) e nos casos graves e ponse fin a illamentos e corentenas. Esta fase aínda tivo dous picos de mortalidade significativos no verán que xa se van afastando.

Ten sentido manter o uso das máscaras en determinados espazos?, preguntámoslle. “En farmacias e ópticas, se un está san, xa pode estar de máis. No transporte público está a cuestionarse xa pero as autoridades sanitarias tenden a ser conservadoras e fan ben. Penso que se acabará retirando máis pronto que tarde pero creo que sería unha boa medida mantela de forma permanente en centros de saúde e hospitais para a protección de individual máis aló da covid”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias