Cada cidadán consume de media 5,7 litros de alcol puro ao ano

Un estudo en augas residuais liderado pola Universidade de Santiago permite calcular o consumo de alcol ou de tabaco na poboación das cidades

O consumo medio de alcol en todo o territorio español ao ano é de 5,7 litros de etanol puro por cada habitante maior de 15 anos. Esta é unha das conclusións á que acaba de chegar a Rede Española de Análises de Augas Residuais con Fines Epidemiolóxicos (ESAR-Net), coordinada pola USC, logo de analizar as augas residuais de dezasete depuradoras, correspondentes a trece cidades españolas, o que abarca algo máis de seis millóns de habitantes.

O artigo que vén de ser publicado na revista Drug and Alcohol Dependence, conclúe que o aumento no consumo de alcol durante a fin de semana é de aproximadamente un 70% máis ca durante os días laborais; así como que a inxesta por habitante resulta ser maior nas cidades grandes ca nas pequenas. O consumo de alcol en Galicia, representado no estudo a través de Santiago de Compostela, está por debaixo da media, aínda que é estatisticamente equivalente á maioría das comunidades autónomas investigadas.

Publicidade

Consumo de tabaco

A rede tamén ten abordado o consumo de tabaco, extrapolando un consumo medio diario de 2,2 mg de nicotina, o que equivalería a 2,8 cigarros por persoa e día. “Neste caso non existe diferenza apreciable entre o consumo durante a semana e fin de semana, o cal está relacionado con ser o tabaco unha substancia menos ligada a actividades recreativas”, explica o coordinador da rede José Benito Quintana do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS) da USC. A nivel rexional o consumo máis baixo correspondeu a Galicia e o máis alto a Cataluña e Euskadi.

A rede tamén ten abordado os metabolitos dos ftalatos, substancias empregadas como plastificantes e de gran controversia polos seus posibles efectos para a saúde humana, entre os que destacan alteracións do desenvolvemento e reprodutivas, co obxectivo de medir a exposición ás mesmas. Comparáronse os valores extrapolados a partir das augas residuais, cos valores de referencia establecidos coma seguros pola Axencia Medioambiental Americana de Estados Unidos (EPA) e da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). Esta comparación amosa que no caso do dibutil ftalato podería haber un risco para a saúde dos menores ata 2 anos en máis do 50% das localidades estudadas.

Publicidade

ESAR-Net pretende a análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos

A rede ESAR-Net está financiado pola Axencia Estatal de Investigación e nela participan seis institucións españolas, aínda que na mostraxe citada participaron máis de dez, ademais de contar coa colaboración de diferentes entidades, coma por exemplo o Plan Nacional Sobre Drogas. ESAR-Net ten por obxectivo divulgar e promover a colaboración nacional no ámbito da análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos. Esta metodoloxía permite, entre outros achados, coñecer o consumo de drogas e substancias de abuso de curso legal de forma rápida e anónima.

“Cando se compararon os datos derivados das augas residuais coas enquisas do Plan Nacional Sobre Drogas non se obtivo unha boa concordancia entre os tres indicadores. Isto apunta a que a análise de augas residuais podería ser un bo indicador para complementar os resultados das enquisas tanto para alcol coma para tabaco”, engade José Benito Quintana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos