Primeiro caso documentado de reinfección polo coronavirus SARS-Cov-2

Un paciente de Hong Kong volve estar infectado despois de viaxar a España este verán, aínda que non desenvolve síntomas

Un hongkonés que regresou de España sería o primeiro reinfectado polo coronavirus que provoca a Covid-19, segundo anunciou a Universidade de Hong Kong. A segunda infección foi asintomática e con capacidade de contaxio, aínda que isto deberá comprobarse co cultivo do virus, aínda en marcha. O achado ten implicacións no desenvolvemento de vacinas e na inmunidade de grupo.

O cidadán hongkonés de 33 anos é o primeiro caso documentado de reinfección por Covid-19 no mundo. O paciente foi dado de alta tras curarse do virus en abril, pero catro meses e medio máis tarde, a principios de agosto, volveu dar positivo nas probas despois de regresar desde España. Un feito relevante é que só tivo síntomas leves a primeira vez e ningún síntoma na segunda ocasión. Ivan Fan-Ngai Hung, un dos autores, declarou á axencia SINC que aínda que fose asintomático, o paciente era contaxioso “xa que a carga viral inicial ao seu regreso de España era bastante elevada (Ct 26)”.

Publicidade

Segundo os autores, o artigo foi aceptado xa pola revista Clinical Infectious Diseases e a súa versión dixital publicarase “moi pronto”, en palabras de Fan-Ngai Hung. A análise das secuencias xenéticas dos virus que infectaron ao paciente en abril e en agosto revelou diferenzas entre eles, explican. O coronavirus que secuenciaron na segunda ocasión coincidía coa cepa circulante en Europa durante xullo e agosto, polo que se trataría dunha nova infección e non de restos da primeira, segundo os investigadores.

De confirmarse, implicaría que a inmunidade pode ser de curta duración despois da infección

De confirmarse, o caso deste home implicaría que “a inmunidade pode ser de curta duración despois dunha infección natural” e “SARS-CoV-2 pode persistir na poboación humana global” como os coronavirus relacionados co arrefriado común, afirman os investigadores.

Que nos di a reinfección sobre a resposta inmunitaria deste e doutros pacientes? “Os anticorpos comezarán a diminuír despois dun certo período, e todos os pacientes recuperados estarán en risco de reinfección”, advirte Fan-Ngai Hung. “Por tanto, a vacinación, o uso das máscaras e o distanciamento social serán necesarios para todos, incluídos os que se recuperaron”, engade.

Motivo de alarma?

Segundo explica a través da súa conta de Twitter a viróloga Akiko Iwasaki, da Escola de Medicina de Yale (EUA), que non participou no estudo, o resultado non debe ser motivo de alarma, senón unha mostra da complexidade do sistema inmunitario. O feito de que a segunda infección fose asintomática indica que, “a pesar de que a inmunidade desenvolvida polo paciente non foi dabondo para bloquear a infección, si o protexeu da enfermidade”, explica.

A posibilidade de que o novo coronavirus provoque reinfeccións pouco tempo despois de superar a enfermidade, é dicir, que a inmunidade xerada polo paciente non sexa de longa duración, é unha das cuestións que máis preocupan aos científicos, xa que ten implicacións na epidemioloxía da Covid-19, na inmunidade de grupo e no desenvolvemento de vacinas contra o virus.

Sobre a fiablilidad deste estudo, Philippe Gautret, que é investigador en VITROME (Vectores, Infeccións Tropicais e Mediterráneas, en francés), amosa as súas dúbidas ata que se publique nunha revista científica. “Mesmo se se publicase en Clinical Infectious Diseases, necesito ler o artigo para comprobar a súa fiabilidade”, alegou en declaracións á axencia SINC. “Clinical Infectious Diseases podería publicar cousas estúpidas como The Lancet ou The NEJM fixeron”, engade. A inxente produción científica sobre o novo coronavirus, alentada pola gravidade da pandemia, está a provocar un altísima taxa de publicacións en revistas especializadas. Entre elas, xa houbo algúns erros, que afortunadamente foron detectados e corrixidos ou retractados.

Antes do caso anunciado hoxe, outros pacientes xa volveran dar positivo na proba PCR tras curarse da Covid-19. Para os casos anteriores, algúns investigadores propuxeron explicacións ás súas supostas reinfeccións non confirmadas: un tempo despois o virus podería perder a súa capacidade de infección e o que revela a proba é a súa mera presenza. Outros inclínanse máis por sospeitar de falsos positivos previos ou dunha baixa presenza de anticorpos.

Pero a pregunta clave segue aí: durante canto tempo estaremos protexidos se pasamos a Covid-19? “Aínda non sabemos que tipo de inmunidade se require para estar protexido fronte á infección de SARS-CoV-2 nin a súa duración”, explicaba a SINC en xuño María Montoya, investigadora do Centro de Investigacións Biolóxicas Margarita Salas (CSIC).

Despois deste novo caso, a viróloga Akiko Iwasaki afirma que, “aínda que é un bo exemplo de como a infección primaria pode previr a enfermidade da infección seguinte, necesitamos máis estudos para entender o abano de posibilidades das reinfeccións”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Drástico descenso da covid: “Pode que nun par de anos xa non teñamos que vacinarnos”

A inmunóloga África González asegura que hai poucos ingresos e leves, polo que o virus pode converterse co tempo nun arrefriado común

Radiografía da atención sanitaria telefónica: “Os máis novos parecen ter máis dificultades”

Investigadores da UVigo analizan a medida implantada masivamente durante a primeira onda da pandemia de covid-19

A contaminación atmosférica asóciase a unha maior duración dos síntomas da ‘long covid’

As persoas con máis risco son as mulleres, as que teñen un baixo nivel educativo, aquelas con condicións crónicas previas e as que tiveron a patoloxía grave

Os desafíos da saúde global: “Doenzas tropicais como o dengue xa están en España”

Unha xornada celebrada por Zendal aborda o papel das novas tecnoloxías para a prevención e tratamento de emerxencias sanitarias e pandemias