Venres 19 Abril 2024

Botar unha soneca á semana reduce o risco de ataque cardíaco

Un novo estudo revela que cunha soa sesta semanal xa hai beneficios para a saúde cardiovascular

As sestas non só son reparadoras, senón que poden salvar vidas, de acordo cun estudo publicado na revista científica Heart. Investigadores suízos realizaron un estudo empírico no que atoparon que tomar unha ou dúas sestas á semana pode reducir o risco de sufrir ataques cardíacos.

Na investigación participaron 3.462 residentes de Lausana, Suíza, de idades entre 35 e 75 anos. Durante os tres anos que durou o traballo, os investigadores pediron aos participantes reportar cada semana os seus hábitos de sono. Os investigadores realizaron recoñecementos periódicos da saúde dos participantes durante cinco anos despois do período inicial de tres anos.

Publicidade

Preto de 60 por cento dos participantes reportaron non tomar sestas, mentres que un de cada cinco reportou tomar unha ou dúas sestas á semana. Case unha cuarta parte dos participantes sinalou tomar tres ou máis sestas durante a semana. Así mesmo, os investigadores observaron 155 eventos cardiovasculares durante o período monitorado.

A revista PNAS publica o estudo que revela as vantaxes da sesta tamén en bebés.
A revista PNAS publica o estudo que revela as vantaxes da sesta tamén en bebés.

Como conclusión, o estudo determinou que tomar sestas ocasionalmente resulta moi saudable. Entre os pacientes que tomaron dunha a dúas sestas á semana atopouse unha incidencia 48 por cento menor de padecer enfermidades do corazón.

Os investigadores non atoparon o mesmo resultado na saúde cardiovascular naqueles pacientes que tomaron tres ou máis sestas á semana. Non se atoparon diferenzas importantes en canto á duración das sestas respecto a os beneficios á saúde cardiovascular, pero os investigadores recomendan tomar sestas de 20 a 30 minutos cedo pola tarde.

Este non é o primeiro estudo que revela os beneficios de botar unha soneca. Outro estudo recente do Allegheny College de Pensilvania (Estados Unidos), amosou que durmir unha sesta de 45 minutos pode diminuír a presión arterial nun día de traballo estresante. Esta investigación foi publicada no International Journal Behavioral Medicine.

Unha ou dúas sonecas á semana benefician ao noso corazón.

O costume da sesta está en declive en España, onde xa só a practica un 16,2% da poboación. Pero a Fundación Española do Corazón recorda que proporciona beneficios físicos e mentais. Entre os que enumeran estes:

1. Prevén as cardiopatías. A sesta axuda a diminuír nun 37% a tensión e o risco de padecer enfermidades cardiovasculares. A falta de sono incrementa o cortisol, e un exceso desta hormona aumenta a intolerancia á glicosa e á graxa, debilita o sistema muscular e inmunolóxico e diminúe os niveis da hormona do crecemento, o que pode provocar diabetes e enfermidades cardiovasculares. Cando se dorme, libérase, con todo, a hormona do crecemento, antídoto do cortisol, que estimula o sistema inmunolóxico, reduce a tensión e a ansiedade, axuda a reparar os músculos e a perder peso.

2. Reduce a tensión arterial. Un estudo do Allegheny College de Pennylvania (EUA) realizado a 85 universitarios sans demostrou que quen durmir unha sesta diaria de entre 45 minutos e unha hora tras soportar un día de tensión psicolóxica diminúe a presión arterial e o seu ritmo cardíaco.

3. Facilita a aprendizaxe. Un estudo da Universidade de Berkeley asegura que quen dorme a sesta rende máis polas tardes e aumenta nun dez por cento a súa capacidade de aprendizaxe. O sono, din, permite afrontar novos coñecementos e fixar os xa adquiridos. Sería algo así como restablecer o cerebro. Por esta razón, o descanso tras o xantar aumenta a produtividade dos traballadores e o rendemento escolar dos nenos.

4. Aumenta a concentración. Existen numerosos estudos que demostran que a sesta (mesmo de seis minutos) contribúe a mellorar calquera tarefa que supoña lembrar listas de palabras ou de obxectos. O sono facilita o almacenamento da memoria a curto prazo e deixa espazo para novos datos. Durante o sono, os recordos recentes transfírense do hipocampo ao neocórtex (o noso disco duro) onde se consolidan os recordos a longo prazo.

5. Estimula a creatividade. Un equipo de neurólogos da Universidade de Georgetown comprobou que a sesta aumenta a creatividade ou, polo menos, estimula a actividade da zona do cerebro (o hemisferio dereito) que se asocia con esta capacidade.

6. Facilita resolver problemas. Robert Stickgold, profesor de Psiquiatría da Harvard Medical School, descubriu que cando os suxeitos alcanzan a fase REM do sono (fase de gran actividade cerebral na que soñamos), lévalles menos tempo realizar diferentes conexións entre ideas.

7. Mellora os reflexos. Un estudo da NASA con 747 pilotos demostrou que aqueles que durmían unha sesta diaria de 26 minutos cometían un 34% menos erros no traballo e duplicaban os seus niveis de alerta.

8. Favorece a abstracción. Un organismo estadounidense estudou as expresións faciais de varios nenos de 15 meses fronte a frases que oíron anteriormente. Os nenos que durmiron a sesta aprenderon unha oración e a súa relación con outras, mentres que o resto non recoñecía as frases. Isto suxire que a sesta favorece a aprendizaxe abstracta ou capacidade de detectar o patrón xeral dunha nova información.

9. Fomenta a positividade. Outro estudo de Berkeley di que os individuos que dormen a sesta e pasan pola fase REM aumentan a súa receptividade ante a expresión facial de felicidade, mentres que os que non o fan manifestan máis ira e medo.

10. Mellora o estado de ánimo. A serotonina é un neurotransmisor que regula o sono, o apetito e o estado de ánimo. E durmir asolaga o noso cerebro de serotonina, o que nos proporciona unha sensación de satisfacción e benestar.

E aquí podes ler o artigo científico na revista HEART

2 COMENTÁRIOS

  1. Una duda : soneca quiere decir sesta o siesta en castellano? Na niña vida la escuché. Hasta leer este articulo. La escribis un par de veces. Las demás ,decís sesta.

  2. Benquerida GCiencia, hai unha diferencia notable entre soño e sono. No artigo usase a palabra soño co significado de sono o que leva á confusión. O que é bo para a saude é durmir ou soñar?

    Gracias por correxir o erro

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204