Venres 19 Abril 2024

Mondas de laranxa para obter alimentos prebióticos

Cada día máis, a cidadanía está preocupada polo impacto que a alimentación ten na saúde. Unha das respostas ofrecidas desde o mercado e a ciencia para este interés son os chamados alimentos funcionais, alimentos que alén das súas características nutricionais son elaborados para cumprir unha función específica, como pode ser axudar a baixar o colesterol. Entre os ingredientes que permiten esta funcionalidade están os cada vez máis populares prebióticos, compoñentes non dixeribles que benefician ao organismo promovendo o crecemento e/ou actividade dunha ou varias bacterias positivas da microbiota intestinal. Na súa tese de doutoramento, Belén Gómez demostrou como se poden aproveitar subprodutos da agroindustria, como polpas de cítricos, remolacha azucreira e bagazo de mazá, para obter potenciais prebióticos aptos para o seu uso en alimentación.

Belén Gómez.
Belén Gómez.

A tese de doutoramento desta investigadora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense foi dirixida por José Luis Alonso, Juan Carlos Parajó e Remedios Yáñez e levou por título Obtención, purificación, caracterización e avaliación de novos prebióticos a partir de subprodutos agroindustriais. Segundo explica a autora, a investigación enmárcase “dentro dunha das principais liñas de investigación do Departamento de Enxeñaría Química EQ-2”, que consiste no desenvolvemento de procesos de obtención de mesturas purificadas de oligosacáridos susceptibles de ser usados como ingredientes prebióticos na alimentación humana e animal mediante tecnoloxías respectuosas co medio ambiente e empregando como materias primas subprodutos da industria agroalimentaria.

Publicidade

Estes subprodutos, explica Belén Gómez, obtéñense durante os procesos de obtención de zumes, sidra e azucre. Para entender a relevancia de buscar segundos usos a estes residuos, a investigadora lembra que actualmente España é o cuarto país produtor de laranxas, cunha produción anual de case tres millóns de toneladas en 2012, sendo un 19% da mesma destinada á transformación, onde destaca o sector industrial de produción de zumes. A produción de limón sitúase en 683.604 toneladas e a de mazá en 481.223 toneladas, representando especificamente o subproduto resultante da fabricación de zume de mazá ou sidra entre o 25 e o 35% desta cantidade. En canto á remolacha azucreira, sinala que se obtiveron 156.797 toneladas de bagazo ou polpa seca en 2012.

A industria desbota entre o 19 e o 35% dos subprodutos de laranxa, limón e mazá

Neste contexto, a súa investigación centrouse en valorar o aproveitamento destes subprodutos agroindustriais polo seu alto contido en pectinas e baixo valor no mercado para obter mesturas purificadas de sacáridos, en concreto, pectooligosacáridos (POS), con potencial prebiótico para alimentos funcionais. “Como se observa a partir dos resultados da tese, trátase dunha alternativa de interese para a industria agroalimentaria e para a sociedade en xeral, polo que supón de valorización de residuos, de beneficios para a saúde e de emprego de tecnoloxías medioambientalmente limpas, sustentables e escalables”, comenta a investigadora.

A investigación permitiu facer unha determinación da composición química das polpas de limón, laranxa e mazá; estudar o proceso de produción de mesturas de oligosacáridos derivados da pectina (pectooligosacáridos) destas materias primas, así como o refinado das mesmas, e poñer a punto técnicas de fraccionamento e análise para conseguir unha mellor caracterización estrutural dos produtos purificados obtidos. Tamén se realizou unha avaliación in vitro do potencial prebiótico dos catro produtos purificados, medindo, entre outros parámetros, a variación das poboacións de ata oito grupos bacterianos presentes na microbiota intestinal, utilizando para elo a técnica de hibridación in situ con fluorescencia (FISH).

gal2a

Entre os resultados obtidos durante a investigación, destaca que o tratamento hidrotérmico dos mencionados subprodutos agroindustriais ricos en pectinas permite conseguir altos rendementos en pectooligosacáridos. A aplicación de tecnoloxías de membrana aos licores de reacción obtidos permite obter produtos con contidos en impurezas similares ou inferiores aos dalgúns produtos prebióticos comerciais. Os concentrados secos obtidos a partir de cada materia prima presentaron perfís de composición distintos, estando as diferenzas máis salientables entre a polpa de limón (cun alto contido en oligómeros ácidos e un elevado grado de metilación) e a de remolacha (rica en oligómeros neutros e elevado grado de acetilación). Os derivados de polpa de laranxa e bagazo de mazá presentaron unha composición intermedia entre os dous anteriores.

Estes prebióticos permitirían aproveitar os residuos da industria agroalimentaria

Dos ensaios in vitro realizados cabe destacar que os cultivos con POS comparáronse favorablemente con prebióticos comerciais (fructooligosacáridos). De forma particular, os obtidos a partir de polpa de remolacha presentaron un maior poder bifidoxénico, mentres que o maior incremento na poboación de Lactobacillus tivo lugar empregando POS de polpa de laranxa como substrato. Por outra banda, os mellores resultados para outros grupos de interese avaliados, como son Eubacterium, Faecalibacterium e Roseburia, obtivéronse cos POS de polpa de limón. En canto á xeración de ácidos graxos de cadea corta (acético, propiónico e butírico), a concentración máis elevada obtívose usando pectooligosacáridos de polpa de remolacha, mentres que apenas houbo diferenzas entre os POS de ambos cítricos.

Esta investigación, indica a xa doutora, “á vez que propón unha interesante alternativa de uso para os subprodutos agroindustriais respectando o medio ambiente, afonda no coñecemento dos pectooligosacáridos, catalogados como novos prebióticos en fase de estudo”. A partir dos datos obtidos, a idea é continuar estudando os efectos do consumo destes prebióticos pero de maneira máis individualizada no canto de en mesturas, analizando os seus efectos non só en xente sa senón tamén en persoas enfermas que tomen antibióticos e en distintos grupos de idade.

1 comentario

  1. Enhorabuena Belén!!! Los que nos movemos en la enseñanza de la nutrición , agradecemos Tesis Doctorales como la tuya.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

A Coruña é a provincia con máis xeodestinos de Galicia

A actualización do mapa desta áreas turísticas destacadas suma 12 novos destinos e xa está integrado por un total de 26