Usando técnicas de resonancia magnética, científicos franceses captaron en imaxes en 3D como o cerebro e o cranio dos bebés mudan de forma a medida que se moven a través da canle de parto xusto antes de nacer.
O equipo da Universidade Clermont Auvergne (Francia) publicou o seu estudo na revista de acceso aberto PLOS ONE. Os médicos xa saben desde hai tempo que o cranio do feto cambia de forma durante o parto. Estes cambios acontecen durante a segunda etapa, cando sae do útero e ao moverse a través da canle de parto. Con todo, os detalles do moldeado da cabeza eran pouco claros.
No novo estudo, liderado polo xinecólogo Olivier Ami, usouse a RMN 3D para captar imaxes detalladas dos cranios e cerebros de sete bebés antes e durante a segunda etapa do parto. A análise revelou o moldeado da cabeza do feto durante a fase de saída do útero con distintas partes do cranio superpostas en diferentes graos entre os sete bebés.
Despois do nacemento, cinco das formas do cranio e do cerebro dos recén nados volveron ao seu estado anterior ao nacemento, pero os cambios persistiron en dous dos bebés. O estudo resalta que dous dos tres bebés co maior grao de moldeamento da cabeza do feto naceron por cesárea de emerxencia, pero o terceiro naceu por vía vaxinal cun mínimo esforzo de expulsión.
Os achados da investigación apuntan a que os fetos experimentan maior tensión cranial durante o parto do que se pensaba, o cal podería ser a causa subxacente do sangrado asintomático do cerebro e da retina que se observa en moitos recén nacidos despois do parto vaxinal.
Segundo Ami, “durante o parto vaxinal, a forma cerebral fetal sofre deformacións en diferentes graos dependendo do grao de superposición dos ósos do cranio. Despois do nacemento este moldeamento cranial non adoita ser visible na maioría dos recén nados”. Ademais, agrega, “algúns cranios son máis deformables e facilitan o parto, en tanto que outros non o son e fan máis difícil o nacemento”.
Os autores sinalan que se necesita un estudo máis grande para confirmar os seus descubrimentos, pero que o seu traballo demostra o valor da resonancia magnética 3D para capturar o moldeado da cabeza do feto. Pero, sobre todo, deixa dúas cousas claras: que os cranios dos bebés sufren deformacións no nacemento e que non todos teñen a mesma disposición dos ósos que facilite estes cambios.