Martes 19 Marzo 2024

Un fármaco anticoagulante retrasa o Alzheimer en ratos

Importante avance nunha das doenzas que máis estragos causa e causará no presente e no futuro do mundo desenvolvido. Un grupo de científicos españois do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC), xunto a un equipo da Universidade de Rockefeller de Nova York, foi quen de identificar un posible tratamento para a enfermidade de Alzheimer usando modelos animais. Atoparon que o dabigatrán, un fármaco anticoagulante oral de acción directa, é capaz de retrasar a aparición da doenza en ratos.

Segundo o artigo publicado no Journal of the American College of Cardiology (JACC), os resultados mostran que, tras un ano de tratamento con este anticoagulante, os animais non experimentaron perda de memoria nin diminución na circulación cerebral. Do mesmo xeito, os investigadores observaron que esta terapia diminuía a inflamación cerebral, o dano vascular e reducía os depósitos do péptido amiloide, signos típicos do alzhéimer.

Publicidade

O efecto do anticoagulante

As investigacións sobre a orixe e evolución do Alzheimer nos últimos anos amosaron que a doenza está asociada a unha diminución na circulación cerebral, de maneira que as células do cerebro non reciben todos os nutrientes e osíxeno necesarios e morren.

Alén disto, sábese que o alzhéimer é un trastorno multifactorial cun compoñente protrombótico crónico. O presente estudo combinou técnicas fisiolóxicas e moleculares para demostrar que a anticoagulación a longo prazo con este medicamento mellora a patoxénese nun modelo de rato transxénico.

O dabigatrán, grazas á súa elevada eficacia e menor número de efectos secundarios que outros anticoagulantes clásicos, está aprobado para o seu uso en diferentes enfermidades humanas. Segundo destaca Marta Cortés Canteli, investigadora Miguel Servet do CNIC e responsable do estudo, “este descubrimento supón un avance importante para trasladar os nosos resultados á práctica clínica e conseguir así un tratamento eficaz para a enfermidade de Alzheimer”.

Tal e como afirma Cortés Canteli, “gañar a batalla pasa por conseguir terapias combinadas e individualizadas dirixidas a tratar os diferentes mecanismos que contribúen a esta patoloxía. Un deles é mellorar a circulación cerebral e agora sabemos que o uso de tratamentos anticoagulantes orais podería resultar eficaz naqueles enfermos de alzhéimer con tendencia procoagulante”.

Os vasos cerebrais (vermello) están danados nos ratos con Alzheimer, pero o tratamento anticoagulante con dabigatrán prevén dito dano vascular. Fonte: CNIC
Os vasos cerebrais (vermello) están danados nos ratos con Alzheimer, pero o tratamento anticoagulante con dabigatrán prevén dito dano vascular. Fonte: CNIC

Á espera de futuras análises en humanos

Debido ao progresivo envellecemento da poboación, estímase que o número de persoas que padecerán Alzheimer triplicarase en 2050. Cada tres segundos prodúcese un novo caso no mundo e, polo momento, os tratamentos aprobados ata a data só axudan temporalmente cos problemas de memoria, pero non conseguen deter nin reverter os síntomas.

“As enfermidades neurodexenerativas están profundamente ligadas á patoloxía dos vasos cerebrais. O estudo do nexo cerebro-corazón nas enfermidades neurodexenerativas é o reto da próxima década”, subliña Valentín Fuster, un dos autores principais do traballo e director xeral do CNIC.

Antes de que se produzan as análises en humanos, os investigadores consideran que este estudo suxire que dabigatrán podería ser un posible tratamento futuro para normalizar a circulación cerebral en enfermos con alzhéimer.

“Para levar a cabo esa terapia individualizada será necesaria unha ferramenta diagnóstica que identifique aqueles pacientes con tendencia a coagular. Esa é unha das liñas de investigación nas que nos imos a centrar nos próximos anos”, indica Cortés Canteli.

Este estudo iniciouse nos Estados Unidos hai seis anos con financiamento norteamericano e puido finalizarse en España grazas a diversas axudas nacionais e europeas que permitiron que Marta Cortés Canteli trasladase a súa liña de investigación de volta a España en 2015.


Referencia: Long-Term Dabigatran Treatment Delays Alzheimer’s Disease Pathogenesis in the TgCRND8 Mouse Model (Publicado en Journal of the American College of Cardiology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217

Atopada en ratos a primeira diana terapéutica contra a hipertensión pulmonar

Investigadores españois dan o primeiro paso para salvar a función cardíaca en pacientes con esta rara pero letal enfermidade

O IDIS e o IIS Galicia Sur investigan a relación entre estilo de vida e deterioración cognitiva no alzhéimer

Biomarcadores en sangue e o uso da intelixencia artificial poderán axudar na detección temperá desta doenza neurodexenerativa

É o alzhéimer un novo tipo de diabetes?

Trátase dunha hipótese aínda non confirmada, pero algúns sinais suxiren que podería existir un vínculo entre estas dúas enfermidades