Xoves 18 Abril 2024

A Covid-19 en agosto: convivir co virus entre incerteza e confusión cos datos

Galicia mantense cunha incidencia menor á media estatal, mais con focos de transmisión comunitaria e unha transparencia menor ca doutras autonomías

Ás portas do comezo do curso nos centros educativos e da volta ao traballo de moita xente despois das vacacións de verán, a pandemia da Covid-19 sementa un horizonte de incerteza. Con España liderando a incidencia de infeccións nas últimas semanas, Galicia mantense de novo, como acontecera en marzo e abril, cunha circulación menor do SARS-CoV-2. Mais preocupa a transmisión comunitaria detectada a partir de focos como os da área da Coruña e, máis recentemente, en Lugo, onde se estableceron restricións maiores. E os surtos nas residencias do Incio (onde se produciron sete falecementos nas últimas semanas) e Outeiro de Rei constatan a presenza dun risco importante en caso de que o virus volva afectar a colectivos vulnerables.

Despois duns meses de xuño e xullo cunha incidencia moito menor (Galicia apenas rexistrou infeccións durante semanas, que eran na súa meirande parte importadas, ata o brote na Mariña), o mes de agosto amosou o que se deu en chamar a “nova normalidade“, que se prolongará ata que algunha das vacinas chegue á meta: a reactivación económica e social (neste caso, en plena temporada turística) terá que conxugarse con aparicións periódicas do SARS-CoV-2. As medidas de prevención (distancia social, restrición das aglomeracións de persoas, uso de máscara e hixiene), a detección precoz dos brotes e a protección de poboación de risco son, polo momento, as bases da estratexia marcada polo Ministerio de Sanidad. O esforzo diagnóstico a través das probas PCR (estanse a facer bastantes máis ca durante o cumio da primeira onda) e os rastrexos dos contactos están a elevar o número de positivos, as hospitalizacións e, en menor medida, os falecementos por mor da Covid-19. Porén, as dificultades para interpretar os datos que achega Sanidad e, no caso de Galicia, a Consellería de Sanidade, están sementando dúbidas entre a cidadanía. Cales foron as claves neste mes que acaba de rematar, á espera de que chegue o outono coa súa incerteza?

Publicidade

Hai unha segunda onda?

No caso de Galicia, polo menos ata agora, non chegou esta situación. E está aínda lonxe. O escenario pode ser máis complexo en comunidades como Aragón ou Madrid, mais non é o caso galego. As imaxes nas que se equiparan os positivos detectados agora e en marzo precisan de contexto: estímase que os 400 casos diarios que se notificaban no peor momento da pandemia en Galicia eran entre un 15 e un 20% dos totais. É dicir, os positivos reais naqueles días estarían superando dos 2.000 diarios, xa que a carga asistencial á que se tivo que enfrontar o sistema sanitario impedía facer probas a todas as persoas con síntomas. E se non se facían as análises, os casos sospeitos non chegaban a computar nas cifras oficiais.

As hospitalizacións actuais son case 10 veces menos ca no peor momento da primeira onda

A situación destas últimas semanas é moi distinta: as declaracións de Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, apuntan a que se están detectando entre o 60 e o 70% de todas as infeccións. Cunha media semanal de entre 150 e 200 casos novos na segunda quincena de agosto, as infeccións totais estarían arredor das 300.

A maior detección correspóndese tamén cun maior número de probas PCR. Nos últimos días, en Galicia estanse a superar os rexistros máximos de probas. Os cribados nalgúns sectores da poboación para conter a posible transmisión comunitaria levan a unha maior cifra de positivos.

 

Para contextualizar, un exemplo máis acaído pode ser o da situación dos hospitais en Galicia. Ao contrario que o total dos casos estimados, no pico da pandemia si que se contabilizaban todos os ingresos con Covid-19. E a pesar de que nos últimos días medren os pacientes con coronavirus, o crecemento é notablemente máis lento ca en marzo. Este martes 1 de setembro había 160 hospitalizados, o 14% dos ingresados o 6 de abril (1.108), día de maior ocupación.

Ademais, a porcentaxe de camas ocupadas por pacientes Covid-19 é do 2%, fronte ao 6% da media estatal, e moi lonxe, por exemplo, de Madrid (15%), Aragón (14%) e País Vasco (12%), segundo indica o informe semanal do Instituto Carlos III (ISCIII).

É probable que as cifras sigan medrando uns días aínda que se estabilice o número de novos positivos, xa que as complicacións derivadas da enfermidade que requiren hospitalización aparecen días despois dos primeiros síntomas e, por tanto, trátase en moitos casos de contaxios que tiveron lugar máis lonxe no tempo.

Algo semellante acontece cos falecementos. Despois de case dous meses (do 10 de xuño ao 7 de agosto) sen ningunha morte tras rexistrar 619 na primeira vaga da pandemia, producíronse 25 falecementos, case a un por día. Nove deles (sete no Incio e dous en Culleredo) eran usuarios de residencias de maiores, que representan un total de 283 falecidos (44% do total) durante a pandemia. Esta é unha das preocupacións pola elevada idade media da poboación galega. Mais a situación segue distante das semanas de marzo e abril, cando non se baixaba dos 10 falecementos diarios.

O rastrexo

Algúns dos indicadores da pandemia en Galicia son positivos respecto á media estatal: é a comunidade que máis porcentaxe de asintomáticos (>70%) detecta desde o 10 de maio, coa nova estratexia marcada por Sanidad. Isto vincúlase, entre outros factores, cun seguimento eficaz dos contactos.

Fonte: Instituto de Salud Carlos III.
Fonte: Instituto de Salud Carlos III.

Hai, con todo, outros indicadores que poden sementar dúbidas, aínda que non parecen preocupantes toda vez que a incidencia se mantén baixa: Galicia é a comunidade cunha maior porcentaxe de casos sen contacto coñecido (79,5%), fronte ao 44,9% da media estatal. Fontes consultadas indican a este respecto que esta alta cifra pode deberse a cuestións metodolóxicas, e non tanto a un descontrol do rastrexo.

Estes datos, xunto á menor circulación do virus (como demostrou o estudo de seroprevalencia do Instituto Carlos III), expoñen que en Galicia a detectar unha porcentaxe de positivos máis alta ca noutras zonas do territorio estatal. Isto repercute na ‘baixa’ taxa de letalidade (menor do 4%) que se extrae dos casos confirmados desde o comezo da pandemia. Porén, tamén se require contexto: na fase aguda da primeira onda, cando non se detectaban o 90% das infeccións, España superaba o 11%, mais na actualidade caeu ata algo máis do 6%, estando nesta nova fase por baixo do 1%.

Casos activos/casos reais/novos casos

Desde o comezo da pandemia, os diferentes criterios usados polo Ministerio de Sanidad e as comunidades autónomas para transmitir a situación xeraron confusión na cidadanía. A dificultade para reunir, interpretar e comunicar os informes de cada comunidade autónoma alteraron en varias ocasións as series que valían para comprender a evolución da crise.

No referente a Galicia hai que engadir, ademais, o uso dun concepto que, durante meses, levou a interpretar de forma parcial a situación: casos activos. A gran maioría das comunidades autónomas si informan das infeccións detectadas cada día. Pero non é así en Galicia. Ao non facilitar a Consellería de Sanidade o detalle dos novos casos (só é posible sabelo a través do Ministerio), hai que facer un cálculo para estimalo: á suma de casos activos+curacións+falecementos do último día hai que restarlle a mesma suma do día anterior; o resultado é a suma dos novos positivos engadidos á serie.

Mais non é unha imaxe exacta: é posible que algúns dos casos engadidos pertenzan a persoas que xa superaron a infección, xa que a Xunta inclúe na súa serie a máis persoas contaxiadas das que rexistra o Ministerio de Sanidad: 17.517 fronte a 14.663. Esta diferenza pode corresponderse, entre outros factores, con positivos localizados mediante unha proba de detección de anticorpos (pode ser rápida ou con técnicas de laboratorio).

O maior detalle sobre a evolución do último mes en Galicia é o que difunde o ISCIII é o da notificación que as propias comunidades fan á Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica (RENAVE). É dicir, cifras das que Sanidade dispón, pero que non transmite nos seus partes diarios. A data de notificación correspóndese coa do inicio de síntomas ou, de non existir esta referencia, faise restando tres días á data de diagnóstico.

Transparencia

Hai outro aspecto que dificulta o seguimento da pandemia en Galicia: a falta de datos no nivel local. A meirande parte das comunidades autónomas informa diariamente dos positivos detectados en cada concello ou área básica de saúde. Mais Sanidade non achega esta información, co argumento de que se poderían causar situacións incómodas nalgúns concellos. Durante estes meses só se transmitiron algúns datos de forma puntual e verbal, nos brotes da Mariña ou A Coruña, ou ben se informou do número de concellos nos que se rexistaran casos (ou non) nos días previos.

Ante isto, son os propios municipios os que deciden dar conta dos datos aos que acceden por fontes non oficiais (se dispoñen deles) ou ben se a Xunta os facilita, no caso das zonas afectadas por brotes de maior tamaño. Porén, outros gobernos locais lamentan non dispoñer de cifras oficiais, polo cal non poden informar á veciñanza da situación.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña