A Xunta eleva as restricións en Lugo e Arteixo pola transmisión da Covid-19

A suma de máis de 300 casos entre o xoves e o venres e a circulación do virus nestas localidades obriga a limitar as reunións e a capacidade dos locais

Os concellos de Arteixo e Lugo retrocederán a partir desta medianoite na chamada “desescalada”, con novas restricións por mor da transmisión da Covid-19 detectada nos últimos días pola Consellería de Sanidade, segundo anunciou o titular da mesma, Jesús Vázquez Almuíña, este mediodía.

A información quedará concretada nas medidas que o Diario Oficial de Galicia publicará na tarde do venres, pero o conselleiro avanzou que tanto en Arteixo como no barrio lucense da Milagrosa as reunións entre non convivintes serán dun máximo de cinco persoas, e só se permitirá que bares e cafeterías atendan no exterior, onde tamén se limitará a cinco persoas o máximo. Ademais, farase un amplo cribado na poboación e vixiaranse as celebracións familiares xa programadas, como vodas, bautizos ou comuñóns, que reúnan a máis de cinco persoas, xa que deberán ser notificadas ás autoridades sanitarias.

Publicidade

No caso do municipio de Arteixo, o Concello confirmaba ata o xoves 104 casos activos, que ascenderon a 121 segundo os datos achegados por Sanidade. A situación na capital lucense preocupa, sobre todo, no barrio da Milagrosa, onde o brote supera os 180 casos, motivo polo cal as restricións se cinguen a esta zona. Segundo explicou Vázquez Almuíña, o foco procede dunha celebración nun local de ocio nocturno, nos días previos ao seu peche, que se propagou despois a reunións familiares e sociais. O aumento de positivos sitúa xa a Lugo como a segunda área sanitaria con máis casos activos (547), só por detrás da Coruña. Hai outro brote vinculado a un edificio en Monforte, que tamén supera os 100 casos, pero que se considera controlado, polo que non se incrementan as medidas.

No resto do municipio aumentan tamén as restricións, que serán semellantes ás que se manteñen na área da Coruña: o máximo de persoas por reunión é de 10 e os aforos quedan reducidos ao 50%. Tamén se prohibirán as visitas a centros de maiores e pecharanse os centros de día.

Publicidade

Casos activos

Sanidade achegou tamén o parte diario sobre a pandemia, na que os casos activos ascenden a 3.139. 1.351 son da área da Coruña, 547 da de Lugo, 292 da de Ourense, 187 da de Pontevedra, 189 da área de Vigo, 450 da de Santiago, e 123 da de Ferrol.

No referente ás residencias de maiores, o maior foco segue sendo o da residencia do Incio, con 87 usuarios e 26 traballadores afectados, seguido do de Culleredo, con 11 e 5, respectivamente. Nestes centros rexistráronse varios óbitos de usuarios nos últimos días.

Tendo en conta as altas, que foron 109 máis durante o xoves, son 309 positivos engadidos á serie histórica. Desde comezos de marzo, as probas diagnósticas detectaron que polo menos 16.066 persoas en Galicia se infectaron co SARS-CoV-2. O xoves foi o día con maior número de probas PCR desde o comezo da crise, con 4.891.

Este venres, a meirande parte das persoas afectadas (3.027) estaban sendo atendidas no domicilio, aínda que un día máis medra a cifra de hospitalizacións: 12 na UCI e 100 noutras unidades.  A cifra de falecementos mantense en 635 persoas, das que 279 eran persoas usuarias de residencias de maiores.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A OMS alerta de que España xa non é un país libre de sarampelo

En 2024 confirmáronse 227 casos e en 2025 a cifra aumentou a 397, cunha alta porxentaxe de persoas non vacinadas e casos importados

Así cambiou Galicia vista dende o ceo: as imaxes que revelan o paso do tempo nas vilas

Un percorrido visual polo pasado a través das fotografías aéreas históricas da Fototeca Dixital do Centro Nacional de Información Xeográfica mostra a evolución urbanística

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves

A covid pode provocar placas semellantes ás do alzhéimer nos ollos

Os estudos relacionan a néboa mental tras o coronavirus e a acumulación de beta amiloides no sistema nervioso central