Nove razóns para crer que haberá vacina para todos contra a Covid-19 en 2021

*Un artigo de

O inverno achégase rapidamente, e moitos de nós estamos preguntándonos se a carreira pola vacina contra a Covid-19 logrará dar os seus froitos para xaneiro de 2021.

Publicidade

Son médico investigador e especialista en enfermidades infecciosas na Universidade de Virginia, onde atendo a pacientes e dirixo un grupo de investigación sobre a Covid-19. A xente pregúntame decote como podo estar tan seguro de que haberá unha vacina exitosa que nos permita evitar a enfermidade. A final de contas, aínda non temos unha para o VIH, que é o virus que causa a sida.

A continuación explicareilles en que punto se atopa agora mesmo a ciencia, onde estaremos en cinco meses e por que temos que confiar no desenvolvemento dunha vacina eficaz contra o novo coronavirus.

Publicidade

1. O sistema inmunitario humano cura a Covid-19

Nun 99% de todos os casos de Covid-19, os pacientes superan a infección e o virus desaparece do corpo.

Nalgunhas das persoas que deron positivo, o virus pode permanecer no corpo a un nivel moi baixo ata tres meses despois de superar a infección. Con todo, a maioría destes pacientes deixa de transmitir o virus a outras persoas aos 10 días de contraer a enfermidade.

Por este motivo, debería ser moito máis fácil desenvolver unha vacina para o novo coronavirus que para outras infeccións como o VIH, xa que nestes casos o sistema inmunitario non logra curar a enfermidade de forma natural. O SARS-COV-2 non muta da mesma forma que o VIH, o que facilita enormemente o traballo ao sistema inmunitario (que domina ao virus) e á vacina (que o controla).

2. Os anticorpos dirixidos á proteína S evitan a infección

A vacina protexerá, en parte, ao inducir a produción de anticorpos contra a proteína S presente na superficie do SARS-CoV-2. O virus precisa a proteína S para adherirse, entrar nas células humanas e así reproducirse. A investigación demóstranos que os anticorpos, como os creados polo sistema inmunitario humano, únense á proteína S, neutralízana e evitan que o coronavirus poida seguir infectando células nun cultivo de laboratorio.

Sábese que as vacinas que están en ensaio clínico incrementan os anticorpos anti-S que bloquean a infección do virus nas células no laboratorio.

Polo menos sete empresas desenvolveron xa anticorpos monoclonais, anticorpos de laboratorio que poden recoñecer a proteína S. Estes anticorpos están a utilizarse nos ensaios clínicos para avaliar o seu poder á hora de evitar a infección en persoas expostas, por exemplo, mediante o contacto na mesma unidade de convivencia.

Os anticorpos monoclonais tamén resultan efectivos fronte ao tratamento. Durante a infección, unha dose destes anticorpos podería neutralizar o virus, ao brindar ao sistema inmunitario a posibilidade de captar e producir os seus propios anticorpos para loitar contra o patóxeno.

3. A glicoproteína S ten puntos vulnerables

A proteína S dispón de moitos sitios aos que os anticorpos poden unirse para neutralizar o virus. E iso é unha gran noticia, xa que, ao haber tantos puntos vulnerables, o virus terá moi difícil mutar para evitar a vacina.

Moitas partes da proteína S terían que mutar para evitar os anticorpos neutralizadores anti-S. Demasiadas mutacións na proteína S modificarían a súa estrutura e faríana incapaz de unirse a ACE2, clave para infectar células humanas.

4. Sabemos ben como elaborar unha vacina segura

A seguridade da nova vacina contra o coronavirus será máis alta, xa que os investigadores coñecen de antes os posibles efectos secundarios da vacina e saben como evitalos.

Un efecto secundario observado no pasado foi a amplificación da infección dependente de anticorpos. Isto sucede cando os anticorpos non neutralizan o virus, senón que permiten que este entre nas células a través dun receptor para anticorpos. Ao investigar, descubriuse que, cando se inmuniza coa proteína S, prodúcense niveis máis altos de anticorpos neutralizadores. E isto reduce o risco de amplificación.

Outro posible problema que se viu con algunhas vacinas foi unha reacción alérxica que leva a unha inflamación pulmonar, tal e como se detectou nalgúns dos pacientes aos que se administrou nos anos sesenta a vacina para o virus respiratorio sincitial. Trátase dun efecto secundario perigoso posto que a inflamación nos pulmóns dificulta a respiración. Con todo, os nosos científicos de hoxe saben como desenvolver vacinas para evitar esta resposta alérxica.

5. Hai varias vacinas distintas en desenvolvemento

O Goberno dos Estados Unidos está a apoiar o desenvolvemento de varias vacinas diferentes a través de Operation Warp Speed. O obxectivo desta iniciativa é fornecer 300 millóns de doses dunha vacina segura e eficaz para xaneiro de 2021. Por tanto, o Goberno está a realizar un enorme investimento, ao destinar miles de millóns de dólares estadounidenses a sete vacinas.

Ao apoiar o desenvolvemento destes proxectos, o Goberno está a tratar de ir sen risco e cubrir todas as frontes. Abonda con que unha desas vacinas resulte segura e eficaz nos ensaios clínicos para que, canto menos nos Estados Unidos, se dispoña dunha vacina fronte ao novo coronavirus durante 2021.

6. As vacinas están a pasar as fases I e II dos ensaios

As fases I e II dos ensaios serven para ver se unha vacina é segura e se desencadea unha resposta inmune. Os resultados de que dispoñemos ata a data son prometedores no caso de tres vacinas distintas, xa que todas elas fan que os niveis de produción de anticorpos neutralizadores anti-S dupliquen e ata cuadripliquen os observados nos pacientes que superaron a infección.

Moderna, Oxford e a empresa chinesa CanSino demostraron xa a seguridade das súas vacinas nas fases I e II dos ensaios clínicos.

7. Xa está en marcha a fase III dos ensaios clínicos

Durante a fase III dun ensaio, que é o último paso no proceso de desenvolvemento dunha vacina, esta é probada en decenas de miles de persoas para determinar se funciona para evitar a infección polo SARS-CoV-2 e decidir se é segura.

A vacina desenvolvida por Moderna e NIH e a vacina de Oxford-AstraZeneca empezaron a fase III dos ensaios o pasado mes de xullo. As outras vacinas para a Covid-19 entrarán na fase III moi pronto.

8. Acelerar a produción e a distribución da vacina

A Operation Warp Speed está a dar diñeiro para producir millóns de doses de vacinas e fabricalas a escala industrial, aínda cando os investigadores nin tan sequera demostraron aínda a súa eficacia e seguridade. A vantaxe que presenta esta estratexia é que, unha vez que unha vacina resulte segura na fase III dos ensaios, xa haberá reservas e as vacinas poderanse distribuír de inmediato sen comprometer a completa avaliación da súa seguridade e eficacia.

Trátase dun enfoque máis prudente e cauto que o de Rusia, que está a vacinar á súa poboación antes de demostrar a seguridade e eficacia da vacina na fase III.

9. Están a contratarse agora distribuidores da vacina

McKesson Corp., o distribuidor de vacinas máis grande dos Estados Unidos, xa foi contratado polo Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades para distribuír unha vacina contra a Covid-19 a todos aqueles lugares do país (clínicas e hospitais incluídos) nos que se administrará a vacina.

Por todo iso, considero que podemos ter a seguridade de que nalgún momento a finais de 2020 saberemos xa se algunha das vacinas para a Covid-19 é segura, coñeceremos a súa eficacia e teremos claro cal se debería utilizar para vacinar á poboación (polo menos a estadounidense) no ano 2021.


* William Petri é profesor de de Medicina na Universidade de Virginia.

Cláusula de divulgación: o autor recibe fondos para investigación do NIH e da Fundación Bill e Melinda Gates.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos

Tres claves para coidar a microbiota… e durmir mellor

Reducir o estrés non só beneficia a nosa saúde mental, senón a nosa microbiota e a calidade do noso descanso. Por Sara Uceda Gutiérrez e Manuel Reiriz Rojas

Un consorcio internacional acelera o desenvolvemento da vacina ‘galega’ contra a tuberculose

Os 12 socios coordinados por Biofabri reciben 18,2 millóns de euros para apoiar dous ensaios clínicos en países de África Subsahariana

Nova epidemia de ébola: por que declarou a OMS unha emerxencia internacional?

O 15 de maio confirmouse un gromo causado pola especie 'Orthoebolavirus bundibugyoense' na República Democrática do Congo. Por Raúl Rivas