Sábado 20 Abril 2024

A rapazada galega vacínase en masa: estas son as claves da campaña

Galicia consegue unha porcentaxe de participación do 87,8%, con 12.000 cativos que foron citados na primeira xornada de vacinación infantil

“Ventilación e hixiene”, insiste o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa celebrada esta mañá. Pero tamén vacinación infantil. Coa ameaza latente da variante ómicron e o recente brote no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o futuro da pandemia tórnase aínda máis incerto. Porén, os nenos entre 9 e 11 anos poderían resultar de grande axuda para combater a grave crise sanitaria. Así, Galicia iniciou este mércores a vacinación contrarreloxo dos 150.000 rapazas e rapaces galegos cunha porcentaxe de participación dun 87,8%, segundo detallou a Xunta esta  tarde.

Os nenos forman parte agora da promesa da tan ansiada inmunidade colectiva, puidendo converterse en actores clave para evitar posibles transmisións. O punto de arranque da vacinación da cativada iniciouse este mércores cunha partida de 60.000 doses de Pfizer/Biontech para a poboación galega cunha idade comprendida entre os 5 e os 11 anos. Subministraranse ao longo desta semana, empezando polas persoas máis vulnerables e as máis maiores neste rango etario: dende os 9 aos 11 anos.

Publicidade

Con máis dúbidas que respostas sobre a eficacia desta estratexia para pór fin ás ondas de contaxios, o prognóstico da vacinación pediátrica en Galicia é favorable. Así o constata a Xunta. Segundo o presidente Feijoo temos perante nós datos “espectaculares”. Destaca que este mércores se vacinou ao 87,8% dos cativos citados e que no día de hoxe foron convocados aproximadamente 12.000 nenos. Ademais, asevera que na metade de xaneiro serán citados 72.000. E se os datos de participación seguen a mesma liña, para esas datas Galicia contará cunha porcentaxe aproximada dun 90% de rapaces vacinados coa primeira dose.

Os nenos xogan un papel decisivo?

Así, os tempos de Nadal sucédense cunha campaña de vacinación que, para algúns, é a máis solidaria emprendida ata a data. Non para Federico Martinón, pediatra e experto da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que malia valorar positivamente esta campaña, non concorda en que os nenos e as nenas conformen un papel decisivo na loita contra a pandemia: “Os datos demóstrannos que o virus se transmite con maior frecuencia de adultos a nenos e non ao revés. Podémonos permitir o luxo de ampliar a cobertura das vacinas, pero o beneficio marxinal de vacinar aos nenos é menor co dos adultos”. Destaca que tamén sería interesante que se lle outorgase importancia a outras vacinas útiles para lactantes e adolescentes coma a do rotavirus.

“O virus transmítese con maior frecuencia de adultos a nenos”

Os ensaios clínicos demostran unha eficacia notable desta vacina pediátrica para evitar infeccións en nenos de 5 a 11 anos. Ademais, cada inxección desta fórmula contén unha terceira parte do principio activo das vacinas dos adultos. O profesor Martinón explica que algúns pais adoitan preocuparse porque nos atopamos ante unha vacina nova, pero  “non nos enfrontamos a un problema de seguridade. Temos constancia de máis de oito millóns de doses de vacinas similares administradas noutros países na poboación pediátrica”.

Xa antes da campaña de vacinación na rapazada, algúns pais preguntaban por vacinas para os seus fillos, sobre todo para os máis vulnerables. Martinón informa destes intereses e coincide en que os rapaces máis desprotexidos deben ser os primeiros en recibir a vacina. En Santiago de Compostela estanse a citar no Hospital Clínico ao redor de 20 nenos con patoloxías severas. A algúns deles dáselles a posibilidade de elixir entre varios hospitais, ao ser Santiago de Compostela unha zona de referencia para o tratamento de certas doenzas.

Unha vacinación de éxito, sobre todo na capital galega

Santiago de Compostela gozou no día de hoxe de grande participación entre a poboación infantil, acollendo a máis de 2.000 persoas novas, segundo afirman dende a área sanitaria da cidade compostelá. A maior porcentaxe deuse no Hospital Clínico, no que se citaron persoas con patoloxías severas, seguido dos puntos de vacinación masiva como a Cidade da Cultura, cun 93% de rapaces inoculados ou o hospital de Barbanza, cun 86,2%.

A vacina dos nenos é a mesma ca dos adultos?

Malia que aínda se segue a pensar que esta inxección é igual ca dos adultos, non é exactamente así. Se ben é certo que a vacina que están a recibir os 150.000 cativos galegos é de Pfizer/Biontech, o seu principio activo contén unha terceira parte da vacina dos adultos. A pauta completa conformarana dúas doses para o colectivo en xeral e tres para as persoas con patoloxías severas. Ademais esta segunda inxección recibirase ás oito semanas, en vez de en tres, como sucedía nos adultos. No caso de que se pasase a infección, esperaranse dúas semanas para o seguinte pinchazo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204