A incerteza da comunidade científica ante o posible apagón do volcán de La Palma

O xeólogo galego David Calvo, tamén voceiro de INVOLCAN, pide prudencia e asegura que aínda non hai "certeza absoluta" do parón do Cumbre Vieja

Fotografía realizada dende dron da zona alta do edificio volcánico. Vía INVOLCAN
Fotografía realizada dende dron da zona alta do edificio volcánico. Vía INVOLCAN

A falta de actividade volcánica dende o luns pola noite no volcán Cumbre Vieja, na illa de La Palma, parece indicar o fin do proceso eruptivo. Á ausencia de sinais alarmantes dos dous últimos días en canto a emisión de lava, sismicidade, tremor e deformación do terreo, súmase un valor “extremadamente baixo” de emisións de dióxido de xofre no penacho. Non obstante, a comunidade científica é prudente nas súas valoracións. Dado que no ano 1949 o volcán de San Juan estivo cinco días parado, nesta ocasión estableceuse un prazo de dez días sen incidencias para dar por finalizada a erupción.

“Ata que non teñamos todos os datos a cero non se pode garantir o apagón do volcán. Agora vaise producir unha dislocación entre o que a xente ve na superficie e o que pasa  realmente. A xente xa non ve saír a lava nin a cinza polo volcán e pensa que isto rematou. Pero instrumentalmente nós temos que ter a certeza absoluta de que no sistema non queda nada”, declara David Calvo, xeólogo e voceiro do Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan).

Días de máxima expectación

“Dez días é o tempo que nós necesitamos para mirar que todos os valores vaian a cero. Se ao décimo día o volcán aínda está a botar dióxido de azufre, por pouquiño que sexa, quere dicir que o magma aínda está preto da superficie”, sinala David Calvo. Aínda que agora non se vexa, hai lava movéndose por algúns tubos, polo que “se aos dez días isto non para definitivamente, teremos que esperar outros dez”.

O feito de que as emisións de dióxido de xofre no penacho rexistraran por primeira valores “extremadamente baixos” é moi bo sinal. Non obstante, dende INVOLCAN sinalan que “se ben é certo que o valor que dixemos é ‘extremadamente baixo’, hai que salientar que é moi difícil agora sen penacho acceder ás zonas onde se move o gas. Polo tanto, é moi complicado capturar a pluma e dar un valor exacto. Temos que esperar”.

Outro dato favorable é que o sinal de tremor, un indicador do movemento do magma baixo a superficie, desaparecera por completo ata o nivel habitual. Tamén o é que a temperatura superficial baixara, aínda que se manteña por riba dos 400 graos, o que significa que se necesita algo de tempo para que arrefríe o terreo.

Un mar negro, pero cun impacto ambiental moi diferente ao Prestige

“A nivel ambiental, ao falar dun fenómeno natural, as especies que desaparecen e se extinguen están relacionadas cunha evolución natural. É dicir, non poderiamos dicir o mesmo dunha catástrofe provocada polo ser humano como o Prestige, que de repente se fai unha desfeita e arrasa con todo. Neste caso é algo evolutivo”, sinala David Calvo.

As últimas medicións —e pode que definitivas— sobre a superficie afectada pola crise volcánica da Palma son as seguintes: as coadas ocupan 1.198 hectáreas, que soben a 1.221 se se inclúe o cono volcánico; os dous deltas lávicos suman 48,02 hectáreas e a anchura máxima cuberta por coadas é de 3.350 metros.

Novo comezo

A emerxencia non remata co final da erupción volcánica. O acceso ás zonas próximas ás coadas e o regreso das persoas evacuadas ás súas casas require tempo para poder garantir a seguridade. Pese a que o pesadelo parece estar chegando a súa fin “a normalidade nunca vai ser como era antes do 19 de setembro, iso está claro. A lava non se vai quitar de aí. Hai zonas cun expesor de lava de 60 metros, ousexa que non hai nada. Ningún recordo, ningunha referencia… Isto é un mar de lava negro e aínda hai que ver como se distribúe a poboación. A normalidade xa non vai voltar, outra cousa é falar dun novo comezo”, conclúe David Calvo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.