Sábado 20 Abril 2024

David Calvo: “La Palma levaba anos avisando de que isto podía pasar”

O xeólogo lucense, investigador e voceiro do INVOLCAN, destaca a dureza do vivido en La Palma: "É unha erupción no xardín da casa"

O interese do lucense David Calvo Fernández polos volcáns é algo “vocacional”. Lembra que “quería traballar nisto desde pequeno, e os meus pais lembran que cando era un neno debuxaba volcáns”. Por iso decidiu estudar Xeoloxía na Universidade de Salamanca e, antes de establecerse nas Canarias, xa investigou procesos eruptivos como os do Etna en 2001. Chegou en setembro de 2003 ás illas para un mes de prácticas e leva xa 18 anos vivindo e traballando aquí. Neste tempo tocoulle vivir de preto varios momentos de especial interese, como a serie sísmica do Teide en 2004, que non acabou en erupción, ou o do volcán submarino Tagoro de El Hierro, no 2011.  Nada comparable á actual situación de Cumbre Vieja, que como di, acontece “case que no xardín da casa”.

A partir de mediados de setembro, cando se activaron as alertas en La Palma, David Calvo converteuse nunha das caras visibles do Instituto Volcanológico de Canarias (INVOLCAN). Exerce, ademais de investigador, como voceiro e responsable de comunicación dunha das institucións que máis sona acadou nestas semanas. É tamén moi activo na divulgación da ciencia, participando en series documentais e programas para TVE, RNE ou a televisión coreana NHK, entre outros medios. “Divulgar é importantísimo, para trasladar aos medios de comunicación é a poboación unha linguaxe que ás veces é complicada de entender, pero que axuda a interpretar mellor o que estamos vivindo nun momento coma este”.

Publicidade

– Como está a vivir a erupción, tanto desde o aspecto persoal como profesional?

– La Palma levaba varios anos avisando de que podía pasar isto. Desde 2017 tiñamos datos ‘raros’ de que algo sucedía baixo a illa. Con todo, esta é unha erupción distinta, emocionalmente hai unha compoñente que non hai nas outras. Practicamente estase a producir no xardín da casa. Moitos compañeiros son de aquí, mesmo algúns perderon a súa casa… Intentas illarte, porque profesionalmente tes que estar ao que estás, pero cando acaba o día a cabeza traballa e daslle voltas.

Sobre todo ao comezo foi moi duro, as historias chegan. Cando comezou a erupción, nós entramos a traballar ao mesmo tempo que a xente estaba deixando atrás a casa a toda présa. Entón víanche co peto de traballo e ían preguntarche: ‘Sabes se vou perder a miña casa?’. Foron días moi estresantes porque, que lle vas contestar? Cando ademais sabes que isto non ten solución, que a coada de lava chega, arrasa con todo e punto.

“Ao comezo foi moi duro; a xente preguntábanos: ‘Sabes se vou perder a miña casa?’

Co paso dos días a situación vai cambiando, e hai menos contacto directo. Pero sempre que che ve alguén nalgún sitio acode a preguntarche: ‘Mira, teño unha casa en tal barrio, sabes como está?’. Intentamos actualizar a información para darlla a quen nos pregunta.

Esta está a ser unha erupción distinta, case que urbana. E nisto vai ter que traballar a ciencia no século XXI. En 2018 traballei no Kilauea en Hawai, e foi en parte urbana, pero non houbo tantos danos. Daquela destruíronse algunhas vivendas, sobre todo segundas residencias, pero nada comparable a isto, onde quedaron afectados núcleos como Todoque ou La Laguna, máis urbanos.

– Que características ten este proceso?

– Hai algo a ter en conta, e é que o Teneguía, do que agora se cumpren 50 anos, enganounos. Foi unha erupción moi curta, de moi baixa intensidade. E pensabamos todos que a seguinte ía ser algo semellante. Pero este volcán sorprendeunos, e segue sorprendendo hoxe. Levamos case seis semanas e non hai sinais de debilidade. É un volcanismo estromboliano, pero ten algunhas fases moi ao límite en canto a explosividade, cunhas columnas de cinza que están no límite superior desa escala (2 de 8).

Nestes últimos días estamos a volver á fase inicial. O cono colapsou no lado oeste, e agora ten un aspecto como de anfiteatro. Onte [polo martes 26] houbo unha pausa moi estraña, que xa pasou outra vez, e coa experiencia que tiñamos daquela dixemos: ‘Isto non pinta ben’. E efectivamente, despois foi cando colapsou o cono, porque debeu de haber unha recarga enerxética.

Hai que entender o proceso como unha especie de tubaxe pola que flúe auga e, que de cando en vez, colle algunha burbulla de gas. Cando se che corta a auga e volve abrir, que aparecen unha especie de espasmos… Pois é algo semellante. E aquí pasa o mesmo. O gas flúe por unha tubaxe con material, e se non hai gas o magma non sae, entón queda agardando, a que chegue algunha burbulla e comece a funcionar o sistema. E así pasou o martes, que nalgún momento estimamos uns 500-600 metros de altura da fonte de lava desde o cono.

“Este volcán sorprendeunos, e segue sorprendendo hoxe. Levamos case seis semanas e non hai sinais de debilidade”

– Como é traballar a uns metros das coadas de lava?

– O nivel de concentración ten que ser moi elevado. Cando xa tes experiencia en erupcións, hai certas sensacións e emocións que podes filtrar. Eu sempre digo que o medo é necesario para non facer estupideces. Si é certo que, neses momentos, deixas de escoitar o resto do mundo e estás tan enfocado do que tes que facer e tan pendente da contorna que entras nunha visión de túnel e só atendes ao teu obxectivo.

Iso si, a xente que está a vivir a primeira erupción está moi impresionada. Pasa unha cousa curiosa coa xente máis nova, un tema xeracional, que din que a sensación que teñen é a de estar nun videoxogo, que non é algo real. Hai que saber xestionalo moi ben.

– Como vai ser a illa de La Palma cando isto acabe? Que se vai aprender disto?

– Temos que sacar a lección de que vivimos nun territorio volcanicamente activo. A memoria era moi fráxil; o Teneguía, como dicía, tivo moi pouca intensidade, e o de El Hierro foi submarina. Non había unha percepción real de que os volcáns podían estar espertos. Espero que se tomen medidas de prevención, porque paga a pena máis investir niso que en emerxencias.

En parte tamén é un problema educativo. Nos colexios non hai programas específicos sobre como convivir cun volcán activo. Igual que no Xapón se fan simulacros de terremotos nos colexios, aquí hai que insistir no que nos atinxe. Nós temos un programa de divulgación e educación co que percorremos Canarias desde fai 14 anos e ás veces, a resposta era moi triste, había que cancelar ás veces charlas porque non acudía ninguén. E isto é importante, porque hai que convencer á cidadanía de que isto pode pasar, máis cedo ou máis tarde, e que hai convivir con esta realidade.

“A memoria recente cos volcáns era moi fráxil: O Teneguía tivo moi pouca intensidade e a de El Hierro foi submarino”

Agardo que isto tamén xere respostas na Administración para anticiparse. Pero claro, é difícil convencer a unha Administración de que ten que investir en algo que non se ve, ata que pasa. Hai un grao de incerteza, como o caso en Cumbre Vieja, onde non existen cráteres definidos e a erupción pode producirse nun tramo de varios quilómetros do sur da illa.

Non digo que haxa que mover poboacións enteiras. Pero si é certo que na medida do posible, con edificios críticos, como hospitais, haxa que situalos en zonas de menor risco. Temos que sacar tamén a conclusión dun gran ‘éxito’ desta erupción, que non morrese ninguén cando se produciu á porta das casas.

Hai que ter en conta tamén que a presión demográfica está a aumentar: os indicadores socioeconómicos melloran, a xente quere vivir con máis liberdade, en lugares máis tranquilos, e ao mesmo tempo as cidades esténdense, polo que imos ocupando un terreo cada vez máis vulnerable. En La Palma viven 80.000 persoas en toda a illa, pero en Tenerife hai un millón, e pode pasar alí tamén. A xestión da emerxencia aquí puido ser máis sinxela, porque había que sacar a 4.000 persoas polas estradas. Pero sacar a 100.000 xa é algo distinto. A prevención é esencial para identificar areas ameazadas, puntos de evacuación, protocolos… Iso é o que hai que facer.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así soa a erupción dun volcán dende o espazo

A ESA publica unha sonificación da erupción máis grande do século XXI, a do volcán Hunga Tonga-Hunga Ha'apai hai agora un ano

Que nos ensinou a erupción de La Palma un ano despois

Faise un ano dende que o volcán de Cumbre Vieja comezou a expulsar lava cara ao exterior e non rematou ata varios meses despois

Un proxecto con participación galega estuda os efectos na saúde da erupción da Palma

O profesor da USC Alberto Ruano liderado o estudo, que se centra no impacto que o suceso está a ter en 2.000 persoas e durante os próximos cinco anos

Unha imaxe do volcán da Palma gaña un concurso fotográfico da NASA

As galardoadas no Torneo da Terra asocian as imaxes dos satélites cos catro elementos da natureza: terra, auga, aire e lume