Domingo 28 Abril 2024

O 18% das vivendas galegas analizadas superan os límites de radon recomendados pola OMS

O Laboratorio de Radon de Galicia amplía a 6.080 as medicións realizadas en todo o territorio galego

O Mapa de Radon de Galicia acada as 6.080 medicións en vivendas galegas tras unha nova ampliación feita polo Laboratorio de Radon de Galicia. O investigador da entidade e catedrático na USC, Alberto Ruano Raviña, presentou este xoves os resultados da actualización, asegurando que o 70% do territorio galego está afectado por concentracións elevadas deste gas. O mapa evidencia que o radon, canceríxeno humano que está asociado causalmente co cancro de pulmón, supera os límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) nun 18% dos fogares galegos analizados.

“Melloramos, sobre todo, a resolución do mapa. Máis alá do nivel municipal, tamén contemplamos a sección censual“, explica Ruano. O experto tamén indica que contan unha “variabilidade importante” de medicións por municipios, dado que os máis poboados son os que, tamén, contan cun maior número de medicións. “O mapa segue medrando porque seguen a chegar peticións para medir o radon. Ademais, nós tamén buscamos a colaboración da xente que vive nas zonas grises do mapa, é dicir, onde non temos ningunha medición”, engade o catedrático da USC, que estivo acompañado por Juan Miguel Barros Dios e Inés Mato Naveira.

Publicidade

O 23,2% das vivendas analizadas na provincia de Ourense superan os límites de radon establecidos pola OMS

No que respecta aos datos, Ourense, con 798 medicións, é a provincia que obtén unha porcentaxe máis alta de vivendas que superan o límite de radon establecido pola OMS e que se sitúa nos 300 bequerelios por metro cúbico (Bq/m3) cun 23,2% de vivendas afectadas. Séguena Pontevedra con 2.000 medicións e o 21% de vivendas afectadas, A Coruña con 2.630 medicións e 16,1% de fogares que superan o límite recomendado, e no último chanzo sitúase Lugo cun 10,7% e 652 medicións.

Esta ampliación segue situando a Galicia coma “a comunidade autónoma con mellor caracterización deste gas nas vivendas”, sinala Ruano, en comparación co Mapa Nacional de Radon do Consello de Seguridade Nuclear, o cal abrangue 12.000 vivendas pertencentes ao conxunto do territorio estatal. Na elaboración deste mapa tamén colabora o Laboratorio de Radon de Galicia, quen realizou medicións nun total de 11 provincias. Para ter unha idea da minuciosidade do caso galego, o profesor Ruano lembra como o mapa de radon portugués conta con 3.500 medicións, malia existir casos máis exhaustivos como o de Reino Unido con máis de 600.000 vivendas estudadas.

Case 2.000 medicións máis

O mapa, que no ano 2019 contaba con 4.300 medicións, o que supón un incremento de 1.780 vivendas, fíxose en base municipal e, na actualidade, segue ampliándose pero en base ás seccións censuais dos municipios galegos. De feito, todos os concellos galegos posúen, polo menos, unha medición. O caso de Xermade, en Lugo, é o do único municipio que conta cunha única medición, fronte ás 622 de Vigo. Tal e como explicou Ruano, existen 63 concellos que teñen máis de 20 medicións. Ademais, un total de 166 (o 53%) teñen o seu mapa finalizado por sección censual (polo menos, dúas medicións en cada sección censual).

“O mapa é moi útil porque, por un lado, estanos informando de como é a distribución do gas en Galicia a nivel global, pero tamén municipal e intramunicipal. Isto é importante porque cando un concello está en cor vermella, cando imos ao detalle da sección censual, vemos que isto se dilúe un pouco. Vai haber zonas con máis radon e zonas con menos. Por exemplo, o caso de Santiago é moi evidente, con máis radon cara ao Monte Pedroso e no centro histórico, probablemente debido ás características construtivas”, di o investigador do Laboratorio de Radon de Galicia.

O 53% dos concellos teñén o mapa finalizado por sección censual

O mapa de vivendas compleméntanse cos datos de exposición a radon no eido laboral, con máis de 3.100 postos de traballo medidos. O Laboratorio de Radon de Galicia está acreditado para facer medicións por método de trazas e en continuo dende o ano 2019 pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e ten unha destacada actividade investigadora sendo un referente internacional nos efectos do radon sobre a saúde e na caracterización desde gas, con numerosas publicacións e premios recibidos. Estas actividades enmárcanse no Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública que coordina o profesor Ruano.

Para Ruano, o mapa é “un instrumento vivo” que sempre é susceptible de mellora polo que dende o Laboratorio, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus), fan un chamamento para que todas as persoas que desexen participar e que vivan nunha zona na que se precisen medicións, se poñan en contacto co equipo investigador no enderezo electrónico laboratorioradon.galicia@usc.es

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres